xoves, 22 de setembro de 2011

CURSOS DE CARPINTARÍA DE RIBEIRA - 3ª EDICIÓN




O vindeiro sábado 1 de outubro ás 4 da tarde (16:00), na Carpintaría Lorbé - Oleiros (A Coruña), daremos comenzo á 3ª Edición dos Cursos de carpintaría de ribeira que organizamos dende a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros.

Tras o grande éxito da primeira e da segunda edición, os asistentes nos pediron facer un curso máis a fondo polo que éstes da 3ª edición os deseñamos da seguinte maneira:

- Dous módulos de 50 horas cada un: Un de iniciación e outro de perfeccionamento. Total 100 horas
- Os asistentes poderán inscribirse nun ou nos dous módulos.
- O cupo, como nos anteriores, será limitado a 15 asistentes.
- As inscricións serán por riguroso orden de chegada ó noso correo patexeiros@hotmail.com 
- En caso de moita demanda, terán preferencia os inscritos para os dous módulos.
- Os cursos serán impartidos por carpinteiros de ribeira profesionais.
- Haberá unha pequena parte teórica e moita, pero moita práctica.
- Como obxectivo do curso, levaremos adiante dous proxectos:
- Construiremos unha buceta do norte partindo de plantillas.(O estado final dependerá do ritmo de traballo)
- Traballaremos nunha lancha duns 8 metros partindo dende a estructura. 
- Facilitarase material de seguridade ós asistentes: gafas protectoras, guantes, batas.
- Entregarase a cada asistente material teórico en soporte dixital.
- As xornadas do curso desenrolaranse os sábados dende as 16:00 horas. Prégase puntualidade.
- En cada xornada haberá un pequeno descanso de 15 minutos para mollar a palleta.
- Ó finalizar os módulos daranse uns diplomas acreditativos ós asistentes.

PREZOS
                                          UN MÓDULO (50 HORAS)      DOUS MÓDULOS (100 HORAS)
SOCIOS PATEXEIROS                      100    €                                      180 €
SOCIOS C.N.R.S.  *                           120    €                                      200 €
NON SOCIOS.                                    150    €                                      250 €


Como vedes os prezos son moi económicos e podedes asistir a un verdadeiro curso de carpintaría de ribeira, sen segredos, por un prezo asequibel.

Os que tedes asistido a outras edicións darédesvos conta de que incrementamos consideráblemente (duplicámolas en cada módulo) o número de horas, sen incrementar demasiado o prezo. Esto é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña e tamén a un pequeno esforzo económico dos Patexeiros.

O PAGO DA INSCRIPCIÓN PARA O/S MODULO/S REALIZARASE COMO MOI TARDE O MESMO DÍA DE COMENZO DO CURSO.

INSCRICIÓNS E INFORMACIÓN ADICIONAL A TRAVESO DO NOSO CORREO : patexeiros@hotmail.com 

                 ¡¡¡ QUEDA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN !!!

* Socios do Club Náutico Recreativo de Sada. Comprobarase a súa condición de socio.



martes, 20 de setembro de 2011

ULTIMA REGATA DA COPA BALBINA DE VELA TRADICIONAL - SABADO 24 DE SETEMBRO


Este sábado 24 de setembro ás 5 da tarde (17:00) terá lugar frente a praia de Sada (A Coruña) a última regata da Copa Balbina 2011 de Vela Tradicional. Un referente da vela tradicional no Golgo Ártabro.

Ó final da proba agasallaremos a todos os participantes desta regata cunha merendola a base de pinchos e algo para mollar a palleta. ¡¡¡e algo máis haberá!!!

Esperemos que os nosos barcos poidan facer un bo papel na regata, ainda que imaxinamos que o Osorio virá a matar.

Queremos dar as gracias por anticipado a todos os asistentes e colaboradores xa que sin eles esta Copa Balbina non sería posible.

Agradecementos como non ó Club Náutico Recreativo de Sada por colaborar na loxística das probas.

Vémonos o sábado as 5 da tarde. Sede puntuais.

Palmeirán

martes, 13 de setembro de 2011

UNHA BUCETA DO NORTE RECUPERADA

Os amigos do C.N.Punta Bufadoiro de Mera están recuperando unha buceta do norte, que penso será o seu primeiro barco da sección de embarcacións tradicionais.

Xa foi alá por finais de xaneiro do 2010 que me atopaba eu dando unha volta polo Portiño cando me fixei nunha buceta que parecía que iba a acabar como acaban moitos destes barcos. E alí lle tirei unhas fotos. E este era o seu estado a principios do 2010.


Pasou o tempo e a finais de marzo do 2011, con motivo da organización dunhas xornadas sobre o Patrimonio Marítimo do Golfo Ártabro, conxuntamente co C.N.Punta Bufadoiro e o GAC do Golfo Ártabro, enterámonos que os amigos de Mera se fixeran con dúas bucetas a Lolita e a Amalia, a mesma buceta que vira eu no Portiño algó máis dun ano antes.

Este era o seu estado cando chegou ó estaleiro de Pepe en Lorbé a quen lle encargarían a súa recuperación.


A Lolita consideraron que non pagaba a pena recuperala, pois estaba moi deteriorada, pero encomendáronlle a Pepe o traballo de restaurar a Amalia.

Cando Pepe, o carpinteiro, se puxo a traballar nela uns días despóis, e empezou a desfacer toda a cuberta, cando a vimos con este aspecto, algúns non pensaban que se poidera facer moito por ela.



A medida que iba pasando o tempo, xa se lle empezaban a ver formas.



E fai unha semán levéime unha agradable sorpresa cando fun darlle unha visita a Pepe, e vin a buceta con este aspecto, co mastro e o temón listos.


Outro barco que deixará de ir para a fogueira grazas ó entusiasmo dos nosos amigos e veciños do C.N.Punta Bufadoiro de Mera. Parabéns, amigos. Esperámosvos ver nalgunha edición da Copa Balbina regateando con esa estupenda buceta, a ver como navega.


Palmeirán

luns, 5 de setembro de 2011

DE VOLTA DA PARROCHEIRA

Xa estamos de volta da Parrocheira 2011.

Este ano Os Patexeiros non levamos ningún barco á concentración, xa que todos os patróns estaban liados este fin de semán. Así que enroleime como mariñeiro no galeón Punta Pragueira da A.A.E.T.C. para poder ir por mar ata Ferrol e navegar con eles ese sábado.



Saímos do porto de Sada sobre as 11 menos cuarto da mañán. Nada máis sair fixámonos que o Tina Husted estaba alí fondeado, así que non iría á Parrocheira. Segúramente David non sabía nada, senón extráñame que non fose.

Cando estábamos chegando á boca da Ria, avistamos a estribor ó Sauntress e á Reina de Africa. Como sabedes o Sauntress (coñecido tamén como o Irlandés Volador) non ten motor, así que estábamos pensando en cómo iban a facer para entrar pola bocana de San Felipe xa que estaba baixando a maréa e a corriente é moi forte.

De momento non había moito vento, non aparecía por ningún lado esa forza 4-5 que deran os partes meteorolóxicos, ainda que Antonio chamou a un amigo que estaba pescando por fora de Cabo Prior e lle dixo que sí, que pegaba o vento. O que sí había era moito mar de fondo.

Pasamos o porto exterior e chegando a San Felipe atopámonos co Sauntress ós que lle ofrecemos remolque, que como nos imaxinamos, rexeitarían. Eses sí son mariñeiros de pura cepa.

Cando estábamos á altura da Graña fixámonos no Patiño, un barco loxístico da Armada, que estaba amarrado no muelle da Graña.

No Punta Pragueira fóronse alternando como patróns Martiño e Antonio e decateime que Antonio patroneaba cando o barco iba a motor, mentres que Martiño patroneaba cando navegábamos a vela.













Amarrado no muelle dos remolcadores vimos a La Recouvrance, o barco bretón, representante da Vila de Brest.


Sobre as 13:30 chegábamos ó peirao de Curuxeiras. O resto dos barcos concentrados xa estaban navegando e pouco despóis sobre as 12 amarraron todos para comer.


Sobre uns 17 ou 18 barcos estaban amarrados no peirao de Curuxeiras, entre eles o 9 metros, o Canouro, o Enxebre, o Bote de Pau, o Pajarito, Osorio, Bote de Pau, Reina de África, Punta Pragueira, Sauntress, Ría de Ferrol, As Netas, o María, e outros máis.


Á hora da comida a base de empanadas e xamón, Bernardo Maiz léunos un breve discurso moi aplaudido por todos, e sobre todo pola feliz armadora do Enxebre, o barco ó que este ano se lle rendía homenaxe na Parrocheira ó cumplirse o seu 75 cumpleanos surcando as augas de Ferrol.

Tras a sobremesa, cousa que algúns aproveitaron para botar unha sesta, sobre as 5 da tarde saímos a navegar. Repartímonos ós amigos que nos viñeron a ver entre todos os barcos e alá estivemos navegando entre  Caranza e a Graña, outros foron ata San Felipe, ata as sete e media da tarde que o ceo empezaba a ameazar con descargar choiva.


Ante a falta de Patexeiros titulares tivemos que recurrir ó banquiño, e alí estaba Pepe do Osorio lucindo como un pincel a camiseta e o gallardete dos Patexeiros. Tamén os amigos Verónica e Xabier da Asociación Cultural Monte da Estrela acudiron coas súas camisetas Patexeiras ó evento. Grazas polo apoio, amigos.


Nos estaleiros de Navantia Ferrol poidemos ver amarrado ó Juan Carlos I, o buque multipropósito da Armada, porque o que se dí portaaeronaves, portaaeronaves non ten moitas. Tamén vimos que están a facer outro igual para Australia.



A bordo do Punta Pragueira tivemos a Moncho que nos foi amenizando a tarde coa gaita acompañado á pandereta pola sua rapaza e de vez en cando á voz de Antonio.

Durante toda a xornada de navegación a sección de  espionaxe industrial tamén estivo en marcha. Descubrimos que o Osorio conta cunha nova vela feita cun material da última xeración de nanotecnoloxía e que o patrón do mesmo barco usa un uniforme a xogo co velámen do barco.





Tamén descubrimos que o Sauntress é o barco máis rápido pero en cambio non suben a bordo nin unha xarda cando andan ó currican.

Descubrimos tamén que a Bedoya lle gosta máis a sesta que o cheiro a salitre, que a Antonio lle gosta máis o xamón que cantar, e que a moitos outros lles gosta máis o viño que todo o demáis xunto.

Bonita tarde de navegación cun vento ideal e cuns amigos inmellorables.

Nada máis amarrar todos os barcos empezou a chover con gañas e xa non pararía en todo o día. Así que nos metemos debaixo do chiringuito do parque a beber e a cantar ata ven entrada a noite que empezamos a desfilar.

O Punta Pragueira voltará ó dia seguinte con Martiño e Antonio.O que xa non voltará é o xamón que só quedou del para facer un caldiño.


¡¡¡Vémonos na Parrocheira 2012!!!
PD: Xa tedes as fotos no noso álbum. Tamén este vídeo que grabou o noso amigo Xabier de Monte da Estrela.




Palmeirán

xoves, 1 de setembro de 2011

PARROCHEIRA 2011

Este sábado día 3 terá lugar en Ferrol a XIX edición da Parrocheira. Este ano limítase só a un día, pero xa sabedes que esa concentración de embarcacións tradicionais sempre é das máis bonitas e animadas de todo o noso país.

A edición deste ano está adicada ó Enxebre, o barco de María Jesús (Susa), que cumple 75 anos e que luce tan bonito coma sempre o seu color branquiño por todo o mar do país.

Como vedes no programa do cartel haberá dúas saídas de navegación e uns pinchos, e ainda que non o poña no cartel supoñemos que tamén haberá algo con que mollar a palleta.

Dende a páxina dos Patexeiros vos invitamos a todos a que vos acheguedes polo peirao de Curuxeiras en Ferrol este sábado día 3. Veredes un espectáculo do máis bonito.




A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com