domingo, 23 de outubro de 2011

Cuarta xornada do curso

Cuarta xornada do curso de carpintaría de ribeira

Este sábado foi o cuarto día do curso de carpintaría. O tema de hoxe tratou de como obter os cartabóns das cadernas sobre o taboleiro de formas. David encargouse de facer unha descripción teórica de por qué as cadernas non van cortadas en ángulo recto e despois os alumnos fixeron prácticas sobre o taboleiro de formas axudados por Pepe.
De III Curso de carpintaría de ribeira
Os que estedes interesados nunha descripción do proceso recoméndovos que visitedes a explicación que dimos anteriormente neste blog.

Durante o descanso estivemos a conversar sobre o temporal que se prevé para mañán e David deulle unha explicación sobre meteoroloxía a un par de interesados (hai algo que non saiba este tipo?).
De III Curso de carpintaría de ribeira
Continuamos a xornada facendo unha caderna para practicar o aprendido. Un xenol foi tallado á man e o outro cortado coa serra de cinta.
Comezouse cortando as pezas de carballo de maneira aproximada.
De III Curso de carpintaría de ribeira
Marcouse a peza coa plantilla e cortouse coa serra de cinta. O que non teña unha serra de cinta pode facer o traballo cunha boa serra de calar ou incluso cunha de man.
De III Curso de carpintaría de ribeira
Coa peza cortada fomonos ao banco e tallaronse os carbabóns axeitados en cada liña de auga. Para isto úsase a falsa escuadra coa que se collen as medidas do taboleiro de cartabóns, a aixola e a trenxa coas que se tallan os ángulos. Feito isto so queda cepillar toda a peza interpolando os ángulos que se tallaron.
De III Curso de carpintaría de ribeira
O procedemento coa serra de cinta consite en acoplarlle á mesa da serra un artiluxio que permite variar o ángulo da mesma e asi cortar o ángulo que lle corresponde á caderna. Unha persoa manexa a mesa da serra seguindo instrucción do outro, que manexa a peza na serra. O traballo ten que ser coordinado.

Rematado o traballo na caderna seguiuse traballando coa quilla da buceta que se comezara a semana pasada. A quilla vai en varias pezas asi que houbo que facer dos empalmes en raio de xúpiter, un para unir con outra peza de quilla e outro para a roda. O corte dos raios de xúpiter comezouse na serra de cinta, pasouse á cortar o "chanzo" central co serrón, volveuse á serra de cinta para facer os cortes que faltaban e por último rematouse co cepillo. A unión resultou perfecta.

Para rematar a xornada houbo que cepillar un pouco a parte da quilla que se cortara coa serra, marcar os alefrices e a liña de cruxia ao longo de todo o centro da quilla.
De III Curso de carpintaría de ribeira

A semana que ve máis curso de carpintaría. Lémonos.

Fran.

mércores, 19 de outubro de 2011

3º DÍA DO CURSO DE CARPINTARÍA

Este pasado sábado cheguei un pouquiño tarde á xornada do Curso de carpintaría, así que vos vou a narrar o que fixemos a partires das 6 da tarde.

Por fin chegou o momento tan desexado de empezar a construir a buceta.


Pepe sacou as plantillas e alá nos puxemos ó asunto. Empezamos polo codastre ou como lle chaman algúns nesta embarcación a roda de popa, e a parte de popa da quilla. 



O primeiro foi marcar as plantillas nunha peza de carballo que se prestara polas súas formas. Vai a ir en pezas xa que non tiñamos unha peza tan grande de carballo para facela enteira.


Logo Pepe se encargou de cortalas na serra de cinta coa axuda de dous compañeiros, debido ó voluminoso das pezas.



Pasáronse pola mesa cepilladora para alisar unha das caras e logo se meteron na regruesadora para darlle o ancho definitivo.








Utilizando as plantillas, marcáronse as líneas onde van a ir as cadernas.

 



Como hai que unir a peza da quilla co codastre, tamén aprendemos a facer unións a raio de xúpiter, que é unha unión que traballa moi ben a tracción.



Tras facer os raios de xúpiter, ensambláronse e metéuselle unha cuña para que pechara ben. A cuña, é mellor non sacarlla de momento, xa que si é necesario facer modificacións, quítase, sóltanse as pezas e logo se volven a ensamblar e meter a cuña de novo.


Hai un pequeno truco para que as unións asenten ben, que consiste en serrar as unións unha vez que están ensambladas para que a serra iguale as dúas caras do ensamble. Logo se apretan de novo coa cuña e quedan perfectas.


Tamén trazamos o que será o alefriz.



E por falta de madeira tivemos que parar ahí.

Para a semán, máis.

Palmeirán

luns, 3 de outubro de 2011

UN FEIXE DE NOVIDADES

Esta semán foi moi prolífica en novas para Os Patexeiros.

COPA BALBINA - ÚLTIMA REGATA

O pasado sábado día 24 tiña lugar frente á praia de Sada a última regata correspondente á Copa Balbina de vela tradicional.

Os barcos participantes nesta regata foron o Arxil, Osorio, Alivanta, Reina de Africa, Boaventura, Desexada e Arredemo.

Ante a falta de vento decidéuse dar unha volta soa, e se logo se levantaba, daríamos outra manga.

O vento non chegaba e o pouco que había rolaba contínuamente.

Douse a saída e o Arxil con un único tripulante saeu como un raio, seguido polo Alivanta, Osorio e Reina de Africa. Jaime e máis eu, a bordo da Boaventura non dábamos atopado o vento para sair.

A poucos metros da saída, un incidente entre Osorio e a Reina de Africa tivo como resultado a rotura do botalón do Osorio, cousa que non impideu a Pepe coller de novo a terceira praza.

O Arxil e o Alivanta optaron por tomar rumbo a Gandarío mentres que o resto tomamos rumbo á rampa do CNRS. Estaba claro quenes elixiron mellor xa que foron os que primeiro viraron na boia.

E as posicións xa non se moverían ata a chegada. 1º Arxil, 2º Alivanta, 3º Osorio. A Boaventura patroneada por Jaime entrou 4ª, conseguindo Jaime os puntos necesarios para facerse coa Copa Balbina 2011.

Agora quédanos ir buscala a Ares e a ser posible traela por mar para Sada.

Finalizada a regata houbo unha pinchada para todos os participantes a base de empanada, chourizo, queixo, pasteliños feitos por Ana e cervexas e refrescos.

Esperamos vernos con máis barcos na edición 2012. Ainda que antes temos en mente facer unha regata do magosto, se o tempo o permite.






O TINA HUSTED EN LORBÉ

O barco do noso amigo David, Tina Husted, un antiguo pesqueiro danés do 1947 atópase nestes días no estaleiro de Pepe en Lorbé para facer reparacións dos desperfectos sufridos no pequeno percance que tivo entre A Illa e Cambados o pasado mes de xullo tras rematar os Encontros de Carril..
Vanlle a reforzar a quilla na parte de popa, endereitar a hélice e aproveitarán para calafatear algunhas partes.

Podédelo ver ó longo destas semáns en Lorbé.

O GALEON ANDALUCÍA "LA PEPA"

Este sábado pola mañán fun visitar o Galeón "La Pepa", que como sabedes leva amarrado no peirao de trasatlánticos da Coruña dende o día 26.

Esta réplica dos antiguos galeóns da Flota de Indias dos séculos XVII e XVIII, naceu co nome de galeón Andalucía, pero coa misión de conmemorar o II Centenario da Constitución de 1812, pasou a denominarse galeón "La Pepa".

Merece a pena visitalo.

Cuberta de iroko e forro e mastros de piñeiro do Báltico. So me sorprendeu cando un dos tripulantes me confesou un pequeno segredo.

A efectos de lograr unha estanqueidade total, o casco é de fibra de vidrio. E está completamente forrado de madeira. Unha solución que da o pego e ademáis é moi útil.

Non deixedes de visitalo alí a donde vaia.

EMPEZOU A 3ª EDICIÓN DO CURSO DE CARPINTARÍA DE RIBEIRA

Este sábado día 1, cun sol de xusticia caendo encima de Lorbé, demos comenzo á 3ª Edición do curso de carpintaría de ribeira.

Nesta xornada só poideron estar presentes 7 dos 12 inscritos para o curso, por diversos motivos, pero incorporaránse na seguinte xornada.

Tras unha breve presentación dando a coñecer os obxectivos do curso, demos paso á expricación dos mestres.

Os mestres Pepe e David, empezaron dando unhas nocións de vaciado, afiado e asentado de ferramentas, e recordando a todos os presentes que unha ferramenta ben afiada, ademáis de reducir accidentes, ten medio traballo feito.

Recordáronnos que na carpintaría utilízanse dous tipos de fios.

Os fíos simétricos, utilizados para o corte en bruto xa que teñen máis superficie para absorver o impacto (machadas, cortafrios, cinzeis, etc...), e os fíos asimétricos, que se utilizan máis para taréas de corte con precisión (trenchas, formóns, cepillos, etc...).


Os fíos simétricos afíanse polas dúas caras, e os fios asimétricos afíanse so pur unha das caras.
O proceso de afiado consta de tres pasos.

O vaciado: Que é a técnica de quitar metal utilizando o esmiril. Esto deixa a ferramenta cunha lixeira forma cóncava resultante do contacto coa roda do esmiril.

Durante o vaciado hai que ir mollando a ferramenta cada pouco tempo para non destemplar o aceiro. Un cambio de cor virando a oscuro no aceiro denota o destemple. Se se chega a destemplar non nos quedará outra opción que seguir vaciando para quitar a parte destemplada.


Nestre proceso tamén podemos comprobar a calidade do aceiro simplemente observando a cor da chispa que xenera.




O afiado: Que é o procedemente no que utilizamos unha pedra de afiar para igualar e planificar a superficie esmerilada.Convén untala con aceite (de máquina de coser, ou de coche) para minimizar o rozamento.

O asentado: No que se utiliza unha pedra de afiar de grano máis fino co obxecto de quitar os rebarbes do metal.

É moi importante comprobar mediante o tacto o procedemento de asentado, e rematalo finalmente raspando coa trencha contra unha madeira dura.

Unha vez rematada a explicación, a totalidade dos alumnos pasaron a facer prácticas de afiado, xa que terán que repetir esta operación moitas veces o longo do curso.

Tras un pequeno descanso, o mestre carpinteiro Pepe nos explicou como quitar  plantillas para ir facendo as cadernas restantes dun barco en construcción que só ten postas as cadernas mestras.

Esta explicación foi seguida con moito detemento por todos os asistentes xa que é un dos pilares para comprender ben este tipo de construcción.








AFUNDIMENTO DO MISS GOLONDRINA

Hoxe domingo cando saía a navegar cuns amigos (nun barco nada tradicional, por certo) observamos que o Miss Golondrina, un bote de Ribadeo con casi 90 anos de antiguedade, estaba afundido no mesmo pantalán no que amarra, no porto deportivo de Oza.

Cando foi descuberto polos encargados do pantalán foi avisado o propietario.

A última hora da tarde ainda continuaban as tarefas de reflote dese maravilloso barco.

Acheguéime a preguntar polas causas pero ainda non os sabían con certeza, cren que foi debido a unha via de auga. Haberá que inspeccionar o casco para comprobalo.

Sorte e que non sexa nada, ainda que o motor foraborda, que estaba colocado, vai ter que sufrir unha boa limpeza.

Palmeirán
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com