venres, 27 de xullo de 2012

Segunda regata da Copa Balbina - Sábado 28 de Xullo


Este sábado 28 de xullo, coma sempre as 5 da tarde frente á praia de Sada, terá lugar a segunda regata do prestixioso trofeo de vela do Golfo Ártabro, a Copa Balbina de Embarcacións Tradicionais.

Como xa todos sabedes é un trofeo no que se premia a regularidade, puntúan todos os participantes e tamén os barcos.

Para vos recordar o sistema de puntuación vos suxerimos que vaiades á nosa entrada do blog Comenza a Copa Balbina 2012.

Non deixedes de asistir.

Vémonos este sábado 28. Procurade chegar un pouquiño antes para que a Organización inscriba a todas as embarcacións.

Palmeirán

xoves, 26 de xullo de 2012

Fotos espía do Tina Husted

Boas de novo, amigos.

Neste mundo non se pode facer nada, que todo se sabe.

Chégannos dende Málaga dúas fotos espía, que demostran que o Tina Husted estivo en Douarnenez.

Foto cortesía de Carlos González Vázquez

Tamén nos chegan rumores de que non foi visto por Brest nin o viron navegar nos días que estiveron os barcos nesa zona da Bretaña. ¿Serán certos os rumores? ¿Estarían tan cansados? ¿Atoparían finalmente un jrifo de Estrella Jalisia que acabou con eles?

Teremos que esperar a que nolo conten en persoa, pero polo de agora non será pois ainda tiñan previsto continuar a viaxe por Cornualles, Falmouth e Irlanda.

Tiñan previsto chegar a Sada a segunda semán de agosto.

Foto cortesía de Carlos González Vázquez

Grazas a un amigo galego que temos alá por Málaga por enviarnos as fotos espía.

Palmeirán

martes, 24 de xullo de 2012

Regata de Redes 2012


Tal e como dixemos no artigo anterior, alá nos fomos, este pasado sábado, tres barcos da flota patexeira a Redes. Unha cita habitual para Os Patexeiros dende a nosa creación como Asociación.

Quedamos o venres pola tarde para rematar de aparellar a Desexada.

Como o que a desarbolou, o Comandante Martiño, non estaba presente, alá se puxeron Pepe, Jaime e Agustín con esa laboura. Pepe e Jaime abordo, Agustín colocando uns tensores no bauprés e eu rematando de poñerlle os folios e identificadores. E parece que acertamos e todo quedou no seu sitio.

Miguel fíxolle unha pequena caña e un cañín exprofeso para a Regata de Redes, a ver que tal lle vai.

Como tiñamos mono de navegar, ás 9:30 da tarde saímos a dar unha volta nela para probar que todo iba ben. E navega que é unha pasada.

Xa o sábado quedamos todas as tripulacións na rampa do CNRS para ultimar detalles, arbolar e zarpar rumbo a Redes sobre as 10:30.

Repartímonos os dous Migueles (Marta e Martínez) no Arredemo; Jaime, Carlos Quintas e Moncho na Desexada, e Pepe e máis eu na dorna Boaventura.

Non había apenas vento, pero a dorna saeu de primeira ca vela izada dende o mesmo fondeo intentando coller vento por algún lado, seguida do Arredemo que botou man da doble propulsión (a remo e a vela) dende o comenzo ata casi chegado ó medio da ría, polo que optamos por mudarlle o nome a Aderremo.

Por último saeu a Desexada que tivo que desmontar o motor que lle colocáramos o día anterior, porque os Patexeiros somos tan previsores que levamos o motor e olvidámonos o depósito de combustible.

Na travesía ata Redes os patróns deixaron levar a caña todo o tempo  ós novatos para que fóramos facendo prácticas de navegación.

Na dorna tivemos que facer moitos bordos buscando o vento, mentres que o Aderremo coa axuda da doble propulsión tiraba dereito para Redes. Cando nos demos conta, xa nos aventaxaban unha distancia insalvable.

E sí, si señor, o Aderremo chegou de primeiro a Redes, ahí tedes a foto que da fé de tal acontecemento, para os máis incrédulos que din que o Arredemo sempre queda de último.

E todos tivemos que aguantar todo o día ó presidente Miguel que nolo recordaba a cada instante. Ainda que para quitarlle algo de mérito ó presi, todos pensamos que posíblemente algo tivo que ver o cambio de patrón, xa que levou a caña todo o tempo Miguel Marta. As cámaras de fotos é o que teñen, son unhas chivatas.

A Desexada foi a última en chegar pero mirade logo que bonita quedou fondeada toda engalanada para a ocasión. Porque todo hai que decilo, se algún patrón patexeiro é detallista, ése é o Jaime.

Esperamos polo boteiro que nos achegou á rampa e vede o desembarco que fixemos os Patexeiros.

A verdade é que somos a envidia das tripulacións. Todos uniformadiños e sobre todo somos a envidia, pola cantidade de comida que levamos a todas partes. ¡Que non nos falte a comidiña que ven ahí un ano de fame!




E alí estivemos dándolle ó dente e á gorxa dende que chegamos a 1 da tarde ata as 5 que empezaba a regata.

Non nos movemos desa mesa, pola que pasaron empanadas, rexóns, tortillas e larpeira, e ducias de cervexas, porque non vexades o calor que facía nesa rampa. Ollo, notade que os patróns, seguindo a lexislación vixente, só tomaban cervexa sen alcol e auga, do resto dos tripulantes non se pode decir o mesmo.


 Por Redes poidemos ver a ducias de amigos. Por alí estaban o tio Mini co seu jarabullo, perdón, Bote de Pao.


Tamén estaba Juanjo co seu Alivanta, que por certo, quedou en segunda posición na regata. Noraboa compañeiro.

Non, homes, non. Non sexades mal pensados, non foi a motor. Na regata soltou o trapo.

O amigo Arturo do C.M.de Ferrol co seu Canouro, o bote máis bonito da ría e un dos máis rápidos. (Se non o digo me papa). Que vedes aquí pasando por detrás da Desexada.






A Teresa, que como sempre luce unha preciosa bandeira Patexeira.

Os amigos da Asociación da Coruña, José Carlos, Antonio, Orlando, e compañía, co seu precioso galeón Punta Pragueira que lucía unha caseta noviña do trinque saída do estaleiro de Pepe de Lorbé.






E como non, o único, o auténtico, o gañador de dúas edicións consecutivas da Copa Balbina, o mellor patrón de travesías nocturnas. Don Pepe do Osorio co seu estupendo barco....




... ay, non, carallo, que ese non é. Eso é ou unha patera ou unha lancha desas das feiras que se lle meten fichas...

Agora sí. Aquí está o Osorio. ¿Quen carallo sería o que fixo a identificación das fotos?
 
Tamén estiveron outros amigos, José Antonio do Arxil, e moitos máis ...pero síntoo non teño fotos dónde se vos vexa o barco completo.


Debía haber sobre uns corenta barcos.


A regata foi moi rifada, houbo moita competividade, manobras moi apuradas nas viraxes, algún amago de abordaxe, e incluso un pau que rachou.






Este ano os Patexeiros acabamos todos, unhs mellor ca outros, pero todos o pasamos moi ben.

A Desexada foi o barco Patexeiro mellor clasificado, seguido da dorna Boaventura. Non é de extrañar con ese porte e esa chulería coruñesa do noso patrón.

Ainda que nun largo viramos nunha boia que non tiñamos que virar e perdemos un pouco de tempo. Eso nos pasa por non memorizar o campo de regatas e sair a cegas.

E desta, na regata, ó último dos barcos patexeiros foi o Arredemo, agora xa con Miguel o presi á caña. Que iban bastante ben ata o último largo que tamén se deberon liar o palangre ou atopar con algún problema na virada. Porque como vedes nas foto iban diante nosa.

O gañador da regata, non fai falla que volo diga. Un ano máis foi para o Sauntress. Si, en galego soa Son Tres, debe ser porque sempre van abordo Martin, Luis e o canciño. Este ano lucía unha nova cor no seu casco, un bonito verde inglés. Aquí o vedes á nosa popa xusto antes de doblarnos.




Bueno, despois da regata, houbo callos, cervexa, e festa con actuación incluída.

Jaime e Moncho voltaban por mar a Sada na Desexada, mentres os demáis o facíamos por estrada e iríanse buscar os dous barcos restantes ó dia seguinte.

Ata o ano que ven, Redes, alí estaremos de novo, e a ver se é posible con máis barcos patexeiros.

Tedes todas as fotos no noso Album. Esperamos que vos gusten

Palmeirán

venres, 20 de xullo de 2012

De Brest e de Redes

O Comandante Martiño, patexeiro embarcado no Tina Husted, nos envía dende Brest un sms algo confuso, que non sabemos se se debe ó seu mal francés ou ós efectos de algún brevaxe druída. Porque supoño que alí non hai Estrella Jalisia.

Según se entende, parece ser que xa chegaron a Brest, non sabemos finalmente que día, se o 17 ou o 18, e que o 19 zarparían para Douarnenez.

E que este home é parco en palabras, incluso via sms. Así que non che sabemos nada máis.

Por outra banda, un nutrido grupo de patexeiros, uns 10, asistiremos se non temos ningún contratempo de última hora á Regata de Redes mañán sábado.

Levaremos tres barcos, o Arredemo, a dorna Boaventura e a Desexada. Con este barco é co que temos máis dúbidas pois faltan cousiñas de última hora para aparellalo.

Levámolo para Sada o pasado fin de semán e estivo fondeado uns días para inchar e agora estase acabando de aparellar, facerlle unha caña nova, colocando os ferraxes, etc...

Vémonos en Redes.

Palmeirán

luns, 16 de xullo de 2012

Novas

Por unha banda, chéganme novas do Patexeiro abordo do Tina Husted.

Parece ser que os colleu algo de mal tempo e botóunos ó Sur.  Tiveron que arribar a Belle Ille.



Nesta imaxe podedes ver a situación actual do Tina Husted con respecto ó porto de Brest.

Agora estaban á espera de vento para subir a Douarnenez  e logo facer a última etapa a Brest. A ver se non chegan cando remate o Festival.


Por outra banda, o xoves pasado pola tarde, despóis de sair do traballo, Francisco e máis eu achegámonos a Lorbé para rematar de darlle a patente e colocarlle o rótulo co nome de barco.


Ese nome talléino eu á man en madeira de iroko. A ver se lle dura.


Tamén aproveitei para darlle unha man de alcatrán ó mastro.

Deixámola lista para que a remolquen ata Sada e a fondeen a inchar uns días. 
 Palmeirán.      
  

mércores, 11 de xullo de 2012

Un patexeiro navega rumbo a Brest abordo do Tina Husted

O pasado domingo zarparon do porto de Sada (A Coruña) catro intrépidos navegantes. O patron David, a súa muller, Jack e Martiño, o noso comandante Patexeiro.

Van a bordo do Tina Husted, ese pesqueiro danés tan coñecido por todos nós, rumbo a Brest para participar na Festa Marítima Internacional Les Tonnerres de Brest 2012.

O Tina Husted fondeado a carón da Balbina (foto do arquivo dos Patexeiros 2010)

As primeira escala a fixeron en Mugardos, e a segunda en Cedeira.

Durante estas dúas xornadas estiveron probando distintas cousas para asegurarse unha singladura sen problemas.

Hoxe zarparán dende Cedeira directos rumbo a Brest, a dónde teñen previsto arribar o sábado dia 14.

Todos os Patexeiros estamos con eles (en espíritu), así que desfruten por nós.

Desexámoslle que teñan unha boa singladura.

Palmeirán

luns, 9 de xullo de 2012

Case lista

O pasado venres pola tarde, estiven rematando de calafatear a quilla da Desexada, que quedou lista. E tamén cortei o sobrante do perfil de galvanizado que colocáramos na quilla. Tiña que parar a miudo por mor da choiva.

Xa o sábado pola mañán, Roberto estivo pintando a cinta de estribor e dándolle tamén uns retoques de pintura á obra morta.

Eu púxenme a facerlle estas pezas da popa, para sustituir ás que quitamos cando cambiamos parte do espello de popa, e que non se atopaban en bo estado.

Tamén tivemos que parar varias veces cando lle daba por chover.

Pola tarde chegou Francisco e se puxo a darlle a patente ata onde nos chegou o material. Queda pendente darlle unha segunda man.

Outro socio que se achegou a Lorbé foi Miguel Marta, que se puxo a pintar o espello de popa e logo a retocar partes do casco. En canto rematou con ese traballo púxose a lixar o temón, e unha vez feito, dóulle unha man de alcatrán.

Eu acabei de darlle unha man de alcatrán ás pezas que coloquei na popa e logo dinlle unha segunda man de ocre á cinta de estribor.

Para rematar a tarde, Miguel e máis eu nos puxemos a colocar un tramo de verduguillo da cuberta que quedaba por facer.

En canto se acabe de darlle a segunda man de patente, pintarlle o folio e de fixar os flotadores que colocamos, xa está lista para botar ó mar a inchar.

A ver se a mediados desta semán se poidera facer, dependemos un pouco do remolque.

Témola que ter lista para acudir á cita de Redes o vindeiro día 21.

Palmeirán 


domingo, 1 de xullo de 2012

Penúltimos traballos na Desexada

A data que tiñamos en mente para ter lista a Desexada e botala ó mar non se pudo cumprir. En principio tiña que estar lista para a primeira regata da Copa Balbina que estaba calendada para o 30 de xuño. Como a regata se adiantou para o día de San Xoan para facela coincidir xa coa sardiñada, desbaratóunos un pouco os plans, e ainda está sen rematar.

Onte sábado aparecín eu só por Lorbé. Igual é que empezaron as vacacións dos Patexeiros e eu non me enterei.

Ainda que ameazaban choivas puden disfrutar dun estupendo día para traballar na Desexada.

Empecei por rematar de calafatear a parte de estribor da quilla con cordón de cáñamo embreado, xa que a de babor xa quedara lista facía dúas semáns.

Logo, aproveitando que facía un bo soliño, dinlle outra man máis de alcatrán á cuberta, e van.....

Dinlle unha terceira man de pintura ós barraganetes e parte interior da sorraina e tamén outra mán máis de pintura á obra morta.

Como eu son un pouco talibán, e sempre veredes que traballo co cáñamo, alcatrán, brea, etc... debeu de ser o sol que me estaba mallando na cachola que, botei man á Sika, ¡¡¡vade retro!!! para sellar a cuberta na unión co espello de popa.

Para rematar a tarde acabei pintándolle a cinta ó barco, pola banda de babor, para ver a apariencia que iba a ter. E a verdade é que queda bonito.


Quédanos pendente darlle a patente e unhas cousiñas menores. A ver se para o vindeiro fin de semán, que nos acheguemos por Lorbé, a damos rematada para botala ó mar e poñela a inchar.

Aproveito para mandar un saúdo a un Patexeiro e familia que nos estarán lendo dende Irlanda. Espero que non olvidaras a camiseta dos Patexeiros e nos mandes unha foto con ela, para dar fé da túa presencia nese gran país.

Palmeirán.

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com