sábado, 29 de setembro de 2012

Descubren na Fábrica de Tabacos restos dun estaleiro do século XVIII

Hoxe publica o periódico La Voz de Galicia, a nova de que descubriron nas excavacións que están facendo na Fábrica de Tabacos de A Coruña, restos das bancandas dun estaleiro do século XVIII.

Os responsables do proxecto teñen intención de que os restos queden á vista sexa cal sexa o uso que finalmente lle dean ó edificio da Fábrica de Tabacos, que en principio parece ser que será a sede da Xustiza coruñesa

mércores, 26 de setembro de 2012

Última regata da Copa Balbina 2012

Convócase a todos os participantes da Copa Balbina para o vindeiro sábado 29 ás 17:00 h (ás 5 da tarde, por si acaso) en frente da praia de Sada, coma sempre, con motivo da celebración da última proba da Copa Balbina 2012.

Faranse unha ou dúas mangas dependendo o que dicte o comité.

Hai que ser puntuais.

Non faltedes, a Copa está en xogo.

Despóis da regata haberá un pincho para os asistentes.

Palmeirán

venres, 21 de setembro de 2012

Escándalo nos Patexeiros

Está claro que  neste mundo non se pode facer nada sen que che vexan. Sempre hai algunha cámara, algún teléfono con cámara ou algunha foto de satélite para cazarche.

Chégounos un teletipo da axencia Artabria Press informándonos de que varios membros da directiva dos Patexeiros, aproveitan os seus domingos para navegar en barcos de plástico.

Non temos fotos porque parece ser que os paparazzis que os seguían, nese momento, estábanlle quitando fotos a unhas guiris que estaban practicando o nudismo a bordo de outro iate e claro, xa se sabe que "tiran máis..... que dous directivos patexeiros"

¡¡¡ Ó que se chegou !!!! ¡¡¡Xa non hai ética neste mundo!!!

Menos mal que logo se redimen traballando nos de madeira e navegando algún que outro fin de semán neles.

A seguinte vez que vexades a un sacádelle fotos para escarnio público.

Tamén nos chegan máis probas dos bos resultados que se consiguen co curricán Patexeiro.

Os testimonios non minten:

J.O.:  "foi botalo ó mar e ós vinte segundos picaron dúas...." "...logo seguiron entrando..."

M.M.: "collemos media ducia sen despeinarnos...."


Se ainda non te fixeches co producto patexeiro do ano, o Curricán Patexeiro, resérvao canto antes.

Xa sabes, tí dónas 20 euros ós Patexeiros e nós che obsequiamos cun Curricán Patexeiro. Así de fácil.

Non se inclúen os gastos de envío. Así que se cho hai que enviar, tes que facerte cargo dos gastos de envío.

martes, 18 de setembro de 2012

Non temos a loxística de Odyssey, pero casi

Iso se desprende da grande operación de rescate que levamos a cabo o xoves pasado.

Tras ser informados por un membro do noso propio servicio de información, documentación e recuperación de datos, (si, Os Patexeiros tamén temos diso), da existencia dun antiguo motor Larrán varado nunha praia da ría, puxémonos de acordo entre varios membros para intentar levar a cabo a súa recuperación.

E decidímolo por dous motivos: un por tratarse dun motor da marca Larrán, como o que tén a Balbina a bordo, e ainda que estaba moi deteriorado pensamos que  estaría ben como peza para o Museo Patexeiro;  e outro, porque así ademáis contribuiríamos a manter limpa unha preciosa cala na que se atopaba ese motor.

Alí acudimos o pasado xoves pola tarde, despóis de botar ó mar o Galeón, cinco Patexeiros e un amigo simpatizante, con dúas embarcacións, unha pequena zodiac e unha motora de 750CV para intentar levalo por mar ata o noso local.

Nada máis baixar á praia atopámonos, como sempre, que non leváramos material suficiente, así que tivemos que ir improvisando.

O motor estaba moi enterrado na area e nas pedras, co que primeiro tivemos que cavar para desenterralo.

A sorte e que éste se atopaba dividido en dúas partes, e nos sería máis fácil movelo.

Xa desenterrado probamos a ver se se movía, e unha vez o conseguimos o fomos volteando ata o mar coa intención de amarrarlle as boias, pero atopámonos con outro imprevisto, estaba baixando a marea e cada vez o mar nos quedaba máis lonxe.

Xa co motor na mallante, e unha vez amarradas as 7 boias, levamos un cabo á motora para que empezara a tirar polo motor, e así o fixo, e en poucos segundos xa tiñamos o motor a flote.

Tras sortear o laberinto de embarcacións fondeadas, achegóuno á rampa, onde o enganchamos na zodiac e o subimos á rampa.

Unha vez alí, fomos buscar un vello carro de varada de maderia ó noso local, e o subimos encima coa intención de desplazalo ata o galpón.

Pero outra vez fomos pouco previsores e o carro non resisteu o peso e rompéuse. Pero ainda así o motor non caeu ó chan e nos fixo posible continuar coa tarefa.

En poucos minutos tiñamos o motor na sede Patexeira.

Outra operación patexeira con éxito.

Seguiremos informando sobre este motor que recuperamos.

Palmeirán

domingo, 16 de setembro de 2012

Botamos a inchar o "Galeón"

O pasado xoves 13, xuntámonos catro Patexeiros esa tarde na rampa de Sada, para botar ó mar o Galeón, o bote dun dos socios, que o estivo pintando e facendo pequenas reparacións ó longo do mes de agosto.

A manobra foi moi rápida, e coa axuda da zodiac do noso colaborador, o CNRS, estaba no seu fondeo en poucos minutos.

O patrón ata lle fixo uns debuxos étnicos nas cornamusas.

Agora xa so lle falta poñerlle o tinteiro, a fogonadura, o pau e arbolalo, para ter outro novo bote para navegar, porque a vela xa a tén lista.

A ver se vai desta.

Palmeirán


venres, 14 de setembro de 2012

Os Patexeiros na XX Parrocheira

Como todos os anos dende a nosa creación como Asociación, tamén este 2012 estivemos presentes na Concentración de Embarcacións Tradicionais da Parrocheira, en Ferrol.

Non lles podemos fallar ós amigos de Ferrol, xa que eles nunca fallan.

Este ano, igual có anterior, non poidemos levar barco propio. A falta de vento pola mañán e a falta dun motor para chegar botóunos para atrás a última hora. Así que o Arredemo e a dorna Boaventura quedaron nos seus fondeos de Sada.

E como o ano pasado, enrolámonos de tripulantes no galeón Punta Pragueira dos amigos da Asociación da Coruña.

E alá nos fomos José Carlos e Martiño pola Asociación da Coruña, e Jaime, Carlos Quintas, Martiño e máis eu (o Palmeirán) por parte dos Patexeiros. ¿Puxen a Martiño repetido? Ah, pois si, pero é que este home ten o corazón dividido, xa o sabedes.

Deixamos o fondeo de Lorbé sobre as 11 e cuarto da mañán. ¡E que chegar co chinchorro ata o fondeo non vos pensedes que é fácil! ¡Xa quería ver eu a David Cal nese mester!

Saimos a motor entre as bateas de Lorbé e ainda que apenas sopraba vento os patróns decidiron izar o velámen ó pouco de sair de Lorbé.

Mentras se desfacía un pequeno lio nas escotas, o amigo Carlos collía a caña, e ahí o vedes todo chulo con esa pose.

Jaime miraba as operacións sen perderse detalle.

Entrando da bocana da Ría de Ferrol coincidimos cun cargueiro que tamén estaba entrando e fixémonos a un lado antes de que os "Pilots" tiveran unhas palabriñas para nós, porque xa oíamos que lle estaban facendo sináis acústicas a un pequeno bote que estaba pescando.

Cando estábamos chegando ó muelle de Curuxeiras, arriamos as velas, pois o vento era casi nulo.

Entrando no muelle sobre a 1 da tarde, vemos que o Arxil, e o Osorio saían a navegar pegados ó paredon do Cuartel de Instrucción. Nós non víamos vento fora, pero eles aproveitando algunha térmica de terra parecían moverse ben.

Recibíronos os amigos Arturo e Bedoya de Ferrol e o amigo Uxio da ENT Dorna acompañado da súa filla.

Alá nos levaron ó "hospitality" como lle chaman na Fórmula 1. Vamos, a dónde están as cañas e o papeo, para entendernos.

A Organización decideu non sair a navegar pola mañán pola falta de vento, ainda que se estaba levantando algo sobre as dúas menos cuarto, pero xa lles parecía moi tarde e era mellor quedarse a xantar.

Viñeron os gaiteiros, e como non, botamoslle unhas pezas, cada un cantando ó seu nivel, ainda que hai voces estratosféricas como a de Arturo, que se poderían comparar coa de Plácido Domingo ou Pavarotti.

Xantamos moi ben, empanadas, mexillóns, xamón asado con patatas fritidas, xardas ó forno. Todo moi rico. Un luxo, e todo un esforzo para os amigos de Ferrol que ainda tiveron o detalle de darnos unhas camisetas conmemorativas e un mechero-soplete para queimar os cabos para os patróns.

Tertulia agradable con todos os amigos, xa asíduos de outras concentracións, e contando as súas experiencias. Aprendin moito con Uxio, Xocas e a súa muller, e cun rapaz de Redes que estivera en Euskadi varios anos e nos contaba a súa experiencia nese pequeno Gran País.

 As 5 saímos a navegar, sopraba un ventiño moi agradable.

No galeón levamos a dous invitados, Rodrigo ex-alumno do curso de carpintaría, e á súa moza María, que disfrutaron dúnha boa tarde de navegación a vela.

Uns 18 barcos saímos a navegar. Alí estaban o Ría de Ferrol, o Canouro, Osorio, Arxil, María, Enxebre, Alivanta, Cuncheiro, Okechove, a dorna Lola, Jorge, Bote de Pau, Albatros, As netas, Nordesía, o Punta Pragueira e un par de barcos máis que non lles puden identificar o nome.

Tamén se quedou amarrado o Nove Metros, por non contar con remeiros para movelo. ¡¡¡Ayyyy, esa xuventude!!! ¿Onde está?.

Despóis de algo máis de dúas horas de dar bordos pola Ría, fomos entrando de novo en Curuxeiras.

Alá nos fomos de novo á terraza montada pola organización no bar Áncora, patrocinador oficial desta XX Parrocheira, a degustar o famoso xamón da Parrocheira, que alí estaba esperando por nós coma todos os anos.

E alí nos quedamos comendo xamón, bebendo, falando e escoitando a actuación de Los Limones, ata que a xente foi desfilando pouco a pouco ata que xa só quedábamos Bedoya, Arturo, José Carlos, Martiño, Jaime e máis eu.

Moitas risas botamos ata altas horas. Ás veces ata escachar de risa. Xa eran altas horas e démonos conta, porque nun momento da noite, Martiño empezóunos a falar en castelán con acento de Newcastle. Co que algúns xa decidiron retirarse.

Pero á tripulación do Punta Pragueira ainda lle quedaban gañas de marcha, e alá nos fomos rematala ó chiringuito da Ranita, como todos os anos, cruzando pola actuación do segundo pase de Los Limones, que a aquelas horas xa apenas contaba con 20 fieles.

E sobre as 4 e media alá nos fomos durmir repartidos entre o Punta Pragueira e o Ría de Ferrol.

Bueno, durmir, o que pudo, porque eu oía que alguén estaba coa desbrozadora e pensei "¡¡pero se aquí non hai leiras para desbrozar!!! pero o ruido non paraba.

E xa sobre as 8 da mañán se despertou Jaime para ir coller o autobús a Sada, porque tiña que impartir cursiño de vela.

E logo pasou a máquina de limpar as calles, e logo as bombas de palenque da Parrocheira. Vamos, que ás 9 e media xa estábamos a pé unha parte da tripulación.

Almorzamos e sobre as 11 chegaron os amigos de Ferrol.

Estivemos probando un foque novo, que se está facendo para o Punta Pragueira, e despois de despedirnos dos amigos de Ferrol, zarpamos sobre as 12.

Fomos a motor ata ben pasado o porto exterior e alí sopraba unha pequena brisa co que os patróns decidiron izar velas e apagar o monótono ruído do motor.

Chegamos a Lorbé cerca das tres da tarde.

Esperamos a XXI Parrocheira.

Palmeirán

martes, 11 de setembro de 2012

O Curricán Patexeiro pesca en todos os mares

Pois sí, compañeiros, iso é o que se desprende das fotos que nos enviou o amigo Carlos González dende Málaga.

Carlos e os seus colegas saen a remar a miudo nas súas barcas de jábega e en canto viron o noso artigo sobre os curricáns na nosa páxina, fixéronse con dous Curricáns Patexeiros,  e nunha das súas saídas ó mar, largáronos e ahí tedes as probas de que si funcionan.

Como ben nos din eles, "son pequeñas, pero como si fueran tiburones". E como todos sabemos, realmente, "o tamaño non importa".

Vese ben que son de tamaño reglamentario, e o sabemos polas medidas do curricán..

Pois ben, aquí quedan esas probas de que os Curricáns Patexeiros non só funcionan no Atlántico senón tamén no Mediterráneo, no Mar de Alborán.

A ver se agora alguén nos manda probas de que tamén funciona no Cantábrico, no Índico, no Pacífico, etc....

Grazas a Carlos González polas fotos e a todos os seus compañeiros remeiros por poñer a proba o noso curricán.

Palmeirán

venres, 7 de setembro de 2012

Artigo publicado en El Comarcal sobre Os Patexeiros

E este outro artigo o publicaron en El Comarcal, o pasado mes de agosto, falando da nosa Asociación.
Palmeirán

xoves, 6 de setembro de 2012

Artigo publicado no suplemento Fugas

Pasámosvos un artigo publicado no suplemento Fugas do pasado31 de agosto donde se dá conta dos traballos que estamos facendo algunhas asociacións.

É un pequeno artigo pero sempre está ben difundir as nosas actividades en medios donde apenas temos presencia.

Palmeirán

domingo, 2 de setembro de 2012

CAMBIO DE LIDER NA COPA BALBINA TRAS A REGATA DO PASADO DIA 25 DE AGOSTO

    Lamentando antes de nada o retraso pola información, vos informamos que o pasado dia 25 de Agosto, celebrouse a terceira regata da Copa Balbina deste ano.  E como houbo bo tempo meteorolóxico, celebráronse duas mangas, con percorridos de "barlo - sota" (para os mais profanos, isto non ten nada que ver cos xogos de cartas, significa duas boias, barlovento e sotavento).



    O caso que, ao final, como viron bastantes barcos, houbo duas mangas, e lamentablemente Xosé Antonio do Arxil estivo lesionado e non puido asistir, o Pepe do Osorio, unha vez máis anda de primeiro. Tamén, hay que decilo, porque o Pepe e mais o Jaime non asistiron coa dorna, e alá se colou o Pepe, que andaba antes pola mitade da taboa..

     Ahí vos poñemos como anda a copa, neste momento: (Picade ahí e xa se vos fai grande)


   Así que está no aire máis que nunca. A partir de agora, todo pode pasar. Ademáis, tede en conta que a derradeira regata do ano, a de fins deste mes, vai ser especial, e poñeremos tamén un sistema de puntuación especial. En breve xa vos anunciaremos como vai ser. 

     Hai que destacar este ano ós novos amigos de Perbes, que co seu "Albatros" irrumpiron xa nos primeiros postos da taboa. E ísto non so e por navegaren ben, se non por ter asistido, desde que os coñecemos, a case todas as regatas. Todo pode suceder, porque ainda quedan 2 probas: 

   - A Parrocheira, de Ferrol, con 3 puntiños pola participación, o vindeiro sábado.

   - A Gran regata fin de tempada "Regata Balbina", que xa veredes que non será calquera cousa....


Pode gañar Juanjo, do Alivanta (que este ano está que se sae e quedou terceiro en Redes), pode recuperar Xosé Antonio. (Desde aquí lle mandamos un saudo e os máis sinceiros desexos de que non fora nada e que  poda estar nas seguintes regatas), poderían sorprendernos os de Perbes...... 

  Home, ten pinta de que se irá para Ares, pero...... Ollo aos nosos Pepe e Jaime, que non llo van  poñer nada doado.....

   Xa sabedes, nos vemos o Sabado 8  na Parrocheira
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com