luns, 31 de marzo de 2014

Outro sábado en Lorbé

Este pasado sábado en Lorbé estivemos 4 patexeiros traballando na nova buceta.

Continuamos lixa que te lixa e tamen fixemos algúns rematiños, que se van vendo agora que está feita.


Ó remate da xornada de mañán, e xusto antes de sair para Cambados, para a Asemblea da FGCMF, démoslle unha man de Xylamón fondo a todo o interior do barco e á cuberta, para empezar cos tratamentos de protección da madeira.


Para a aplicación do producto usamos a última tecnoloxía ó noso alcance.


Pola semán se lle dará outra man, se consigo que Moncho se achegue a Lorbé.


O vindeiro fin de semán darémoslle a volta para rematar de tapar puntas na aparadura e lixar todo o casco.

Palmeirán

domingo, 30 de marzo de 2014

Cabo de Cruz (Boiro) albergará o XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Así o decideu onte a Asemblea da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que tivo lugar en Cambados.

Tras dúas magníficas exposicións por parte dos amigos do C.M. A Reiboa, defendendo a candidatura de Combarro (Poio),  e da Asociación A Gamela de Cabo de Cruz, os 22 colectivos presentes na Asemblea decidiron por votación, cun resultado de 16 a 6, que fose a candidatura de Cabo a que dera cabida a ese XII Encontro que terá lugar no mes de xullo de 2015.

Tempo había que non se presentaban dúas candidaturas para albergar un Encontro, e nesta ocasión fixérono dúas asociacións con estupendas propostas nos dous casos.

Calqueira das dúas eran perfectamente viables e foron moi ben expostas por ámbas asociacións


Se Combarro tiña a experiencia de ter organizado xa unha edición dos Encontros, Cabo de Cruz se beneficiaba precísamente desa baza ó non o ter albergado nunca, e posíblemente iso foi o que máis peso tivo na votación, dado o caracter itinerante que pretenden ter os Encontros.

Noraboa polo tanto ós dous colectivos, ó C.M. A Reiboa por traballar tanto e defender con tanta paixón a súa candidatura, e á Gamela de Cabo de Cruz polo mesmo e ademáis gañar a votación e convertirse na sede deste XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Parabéns tamén a todos os colectivos presentes na Asemblea por facer un estupendo exercicio de democracia. Neste caso a decisión non era fácil, pero así a tomamos entre todos.

E felicitar tamén ó mundo das embarcacións tradicionais en xeral porque visto o visto nesta Asemblea,  se noutros anos era difícil incluso pensar en presentar unha candidatura, este ano tivemos dúas, e ademáis dúas con un nivel excelente, o que indica que as embarcacións tradicionais siguen máis vivas ca nunca e cada vez con máis forza. Que os ventos nos sexan favorables.

Proa a Cabo !!!!!!.

Saúde e xardas


mércores, 26 de marzo de 2014

AGALCARI FINALISTA NOS PREMIOS NACIONAIS DE ARTESANÍA


http://www.agalcari.es/



Dende a ACM OS PATEXEIROS, queremos felicitar a AGALCARI (Asociación Galega de Carpintaría de ribeira) por resultar finalista nos PREMIOS NACIONAIS DE ARTESANÍA, na categoría PROMOCIONA, para entidades privadas. Unha estupenda labor a destes mestres carpinteiros que se vé recoñecida a nivel estatal.

 E como non, tamén felicitar ós gañadores, o OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE, polo premio e por levar tantos anos levando a cultura galega polo mundo e facendo unhas gaitas excelentes.
 

Deixámosvos aquí o comunicado oficial, por se vos interesa:

"O OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE GAÑA O PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA

A candidatura, que se fixo co máximo galardón no certame convocado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, contou co apoio da Xunta
A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas
A Artesanía de Galicia ten unha ampla presenza cada ano nos Premios Nacionais de Artesanía, que supoñen un recoñecemento á alta calidade do produto artesán galego

Madrid, 25 de marzo de 2014.- O obradoiro de gaitas Seivane fíxose esta mañá co máximo galardón dos Premios Nacionais de Artesanía, nos que a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas, contando as dúas candidaturas co apoio da Consellería de Economía e Industria.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron á cerimonia de entrega no Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo duns galardóns promovidos pola Fundación Española para la Innovación da Artesanía (Fundesarte) nos que a Artesanía de Galicia ten unha importante presenza cada ano. Estes premios teñen como finalidade dar o recoñecemento institucional ao máis alto nivel a aqueles profesionais e iniciativas artesás consideradas como excelentes e exemplares no campo da artesanía contemporánea.

O obradoiro de gaitas Seivane, premiado na categoría de Premio Nacional de Artesanía, ten a súa orixe en 1939 cando o seu fundador, Xosé Manuel Seivane Rivas, elaborou a súa primeira gaita, nunha época na que moi poucas persoas reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro. Os seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel, seguiron os seus pasos e decidiron traballar xuntos no taller familiar, impulsando así unha empresa pioneira en Galicia que modernizou os sistemas construtivos e que investiga todos os aspectos relacionados coa gaita para ofrecer un produto de calidade. Na actualidade algúns netos do fundador traballan no negocio familiar, asegurando así a continuidade dun oficio con décadas de tradición.

Pola súa banda, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), con sede en Boiro, resultou finalista no Premio Promociona para entidades privadas. O traballo da asociación caracterízase por manter viva a tradición na construción de embarcacións de madeira ao tempo que incorpora as últimas innovacións aparecidas no mercado. A súa aposta é conservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira e adaptalo ao contexto dunha economía sostible, conservando o seu valor cultural, e promovendo a divulgación e o uso do patrimonio marítimo.

O presidente de Agalcari é o artesán Gerardo Triñanes, de Asteleiros Triñanes, un obradoiro que na anterior edición dos Premios Nacionais de Artesanía resultou finalista na categoría Premio Nacional de Artesanía. Nesa mesma edición a Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, resultou gañadora na categoría Promociona para Entidades Públicas, un galardón co que se resalta o traballo da Xunta no apoio aos artesáns galegos.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA"

domingo, 16 de marzo de 2014

Segundo día coa buceta

Este sábado voltamos a Lorbé a seguir cos traballos na buceta.


Ata oito patexeiros, un patexeiro de honra e un ex alumno do curso, pasaron neste día por Lorbé a traballar ou a ver os traballos na buceta, aparte de ducias de curiosos que se achegaban a quitarlle fotos, mirar ou preguntar.

A masilla que lle demos a pasada semán ainda non estaba seca, moita humidade.

Seguimos tapando as puntas, botando algunhas que estaban sen botar, calafateando os barraganetes co trancanil, etc...

Pola tarde adicámonos a ir lixando e suavizando o courel, os barraganetes, imbornais, quitando as marcas de lápis e cera que tiña a madeira, etc...


Tamén arranxamos con trencha e cepillo unha pequena desviación no trancanil pola parte de popa.


Antes de irnos démoslle unha pasada coa lixadora á cuberta. agora teremos que ir rematando de lixar as partes a onde non chegou a lixadora, e empezaremos a darlle unha primeira man de Xylamón fondo protector.

Pero iso xa será ou ben pola semán, se alguén se pode achegar, ou o vindeiro sábado.

Palmeirán

xoves, 13 de marzo de 2014

Andaina costeira Santa Cristina-Mera


Tal e como anunciamos tanto nesta web como no facebook, o pasado domingo día 9 demos comenzo a esta nova tempada das Andainas Costeiras, que retomamos despóis de deixalas olvidadas no ano 2009.

A nosa idea é ir percorrendo o litoral do Golfo Ártabro por etapas, disfrutando dun agradable paseo, e aprendendo algo máis da nosa costa.

Confésovos que nesta primeira ruta, sendo unha das máis concurridas pola proximidade á Coruña, eu descubrín recunchos, parques, praias, paisaxes, zonas nas que nunca estivera. Así que xa espero con ansias a segunda das andainas.

O día prometía ser estupendo. O Sol empezou a brilar dende primeiras horas e apenas había nubes no ceo.

O punto de encontro desta Andaina foi o aparcamento da Lagoa de Mera, ó que chegamos á hora pactada, as 10:30. Como vedes poñemos unha hora "asequible". Sabemos que moitos os sábados facedes algún exceso e claro, hai que axeitar os horarios.

Reunímonos alí 5 camiñantes, sí só 5, e iso que puxemos a ruta a unha hora "asequible", facía un día estupendo e por encima a andaina é gratuíta. Entón, qué queredes?, que vos vaiamos buscar á cama?

Rapac@ssssssss!!!!!!, o deporte é bó para a saúde, hai que facer cousas, hai que coñecer o noso entorno, hai que colaborar coas Asociacións que intentamos facer cousas de forma altruista.....

Deixamos un dos coches en Mera para a volta e desprazámonos ata Santa Cristina para dar comenzo á ruta.

Ás 11 en punto saímos do Parque Xosé Martí, de Santa Cristina, dúas parellas e unha nena de 7 anos.

O día prestábase a facer deporte, víamos xente andando, correndo, en bici, xogando ó futbol na praia, en batel, en traiñeira,  etc..

O clube de remo de Perillo estaba entrenado con varias embarcacións. Ahí están as promesas do remo galego.


E xa había xente tomando o sol nas praias. Praias que os concellos deberían ter coidadas non só no verán, senón sempre. O entorno non só é para coidar no verán cando hai máis turistas, é para ser coidado todo o ano, e despóis de moitos temporais, con todo o que votou o mar á praia é convinte limpalas. Ademáis hai moita xente no paro.

Achegámonos a Punta Fiateira, onde se explicou como se collía a enfilación para entrar ó porto da Coruña.
















Atravesando polo Parque de Nirvana,ó pouco tempo xa estábamos a piques de chegar a Bastiagueiro cunhas vistas impresionantes da entrada ó porto da Coruña.



En Bastiagueiro, ateigada de xente xogando ó fútbol, tamén se notaron os destragos causados polos sucesivos temporais que azoutaron a nosa costa. O paseo de madeira sobre a praia destrozado.




Deixamos atrás Bastiagueiro e Bastiagueiro Pequeno, e atravesamos o parque de As Galeras.
Por esta zona hai unhas construccións bastante espectaculares, senón mirade para esta casa, que ben podería estar no ceo na pelicula Independence Day.




Aquí os participantes da Andaina baixando por un camiño. Parece que vai chegar a primaveira, polas floriñas que ateigan o monte.

A Andaina foi deseñada para ir a un ritmo cómodo, non se trata de facer rutas grandes e acabar reventados. Trátase de ir dando paseos cómodos pola costa para coñecela e desfrutala, sobre todo en días como éstes.

 

En seguida avistamos por entre as árbores, o Castelo de Santa Cruz. Unha imaxe digna de sair nunha postal.



O tramo xusto antes de chegar á praia de  Santa Cruz é moi bonito porque discurre por un paseo de madeira feito entre as árbores, cunhas escaleiras que baixan ata a praia.



A praia de Santa Cruz tamén se atopaba chea de restos que o mar depositou nela. O dito antes... hai que limpar as praias. Xa non é polos argazos, que ó final se acaban descompoñendo, pero hai centos de botellas, redes, plásticos, etc...que non son biodegradables e se non se retiran, cedo ou tarde volverán ó mar. Ou incluso troncos de árbores que poden supoñer un perigo para a navegación.


En Santa Cruz achegámonos ó vello muelle para facernos unha foto.


Curioso este muelle que cando sube a maréa queda debaixo da auga.


Abandoamos a praia de Santa Cruz e imos ata a praia de Porto Naval, na Aguieira. Aquí hai cousas que non nos gustan demasiado, e que non se deberian volver a repetir. Sen máis comentarios....


Subimos un tramo por estrada ata chegar á punta de Boi de Canto, un sitio precioso que remata nun pequeno campiño ideal para sacar unha foto do grupo, e onde paramos a xantar.


Algúns tiñan máis fame ca outros, sobre todo a pequena que xa viña pedindo comer dende a hora do almorzo. A verdade é que se portou de maravilla, aguantando toda a ruta perféctamente.

 Voltamos atrás polo mesmo sendeiro ata volver a coller a estrada e continuamos ata Punta Camposa en Breixo, onde hai unhas pequenas calas, Praia das Margaritas ás que se accede por unhas escaleiras. Un sitio moi tranquilo ó que non chegan os coches, así que se algún día queredes tomar o sol tranquiliños, pois xa sabedes.


Dende aquí xa víamos moi cerca o faro de Mera, e empezamos a subir, campo a traveso,  pola zona chamada Os Poleiros.




 Atravesando por un pequeno monte de piñeiros e eucaliptos, avistamos por entre as árbores o Morro de Canide, unha urbanización de vivendas unifamiliares algunha das cales xa ten os seus aniños. Menos mal que non se lles dou por construir 8 alturas.


Continuamos atravesando o monte, que ó rematar parece que se convirte en selva, con esas famosas prantas invasoras que están ás beiras das autoestradas.



E baixamos ata a praia de Canide, onde o mar, que non ten piedade, deixou esta estampa dunhas escaleiras que nalgún momento servían para baixar dende a urbanización á praia.


Agora o acceso á praia faise xusto dende a outra banda, por medio destas escaleiras de madeira.



E voltando á estrada, chegamos á entrada de Mera, casi que con puntualidade inglesa con respecto ó horario estimado.

A verdade é que nolo tomamos con calma, 13 Kms en 5 horas, pero a ideoloxía era precísamente esa, dar un paseo disfrutando da costa, e penso que o conseguimos.

Os coches os tiñamos aparcados na lagoa de Mera, preto da cheminea da antigua telleira.

Os últimos temporais tamén deixaron a súa pegada na pequeno muelle de Mera, no que lle fixo unha pequena xanela con forma de corazón, a traveso da cal podedes ver a Torre de Hércules.

Dentro duns días subiremos o track da ruta, por se dispoñedes dun aparello de GPS e a queredes facer pola vosa conta.

Esperámosvos na seguinte etapa que vos anunciaremos en canto teñamos fixada a data.

Palmeirán



mércores, 12 de marzo de 2014

Empezando os traballos na buceta

Seguindo a tradición, unha vez rematada a construcción da buceta no curso de carpintaría, agora tócanos o traballo ós armadores.

O sábado día 8 estivemos catro patexeiros empezando a tapar as puntas da buceta, como vos adiantamos no seu momento polo facebook.

Xa se fixo bastante traballo, pero ainda queda moito por facer. A ver se este vindeiro sábado sigue este bo tempo e podemos sacala fora do local para poder traballar máis cómodos.


Tamén se limpou e aspirou toda por dentro e a última hora empezamos co calafateo dos barraganetes co trancanil.

Se o vindeiro sábado podemos rematar de tapar as puntas, empezaremos co lixado de remate mentras outros seguen calafateando.

Palmeirán

luns, 10 de marzo de 2014

Os Patexeiros no Comarcal de La Voz

O pasado xoves, día 6 de marzo, Os Patexeiros saímos en dúas páxinas do suplemento El Comarcal, de La Voz de Galicia.


Unha estupenda reportaxe de DoloresVázquez na que conta a evolución da buceta que construímos ó longo das dúas últimas edicións do Curso de carpintaría.



mércores, 5 de marzo de 2014

Andainas costeiras

Continuando cunha actividade que empezamos alá polo ano 2009, este domingo día  9 de marzo retomaremos as nosas Andainas costeiras, que nos levarán a coñecer a costa do noso Golfo Ártabro.


Os percorridos irán uns cara ó Norte e outros cara ó Sur, comenzando na desembocadura do rio Mero, na Coruña.

Así pois, este vindeiro domingo daremos o pistoletazo de saída  cara ó Norte dende Santa Cristina, ate Mera, na que será a Primeira etapa. 

Este primeiro percorrido non será o mais impresionante, xa que moita da costa entre estas dúas localidades e inaccesible, pero intentaremos ir pola liña de costa todo o que poidamos. 

Ainda así, hai currunchos neste tramo que pagan moito a pena, calas moi pouco coñecidas, vistas fermosísimas da Coruña, etc. 

Así que esperamos que vos animedes o vindeiro domingo a comenzar esta aventura Patexeira con nós.

A inscripción por suposto é gratuita, pero por favor avisade antes do sábado para ter unha idea da xente que virá.

Os participantes nesta andaina farano pola súa conta e risco, como acompañantes dos Patexeiros, que únicamente farán de acompañantes sen nengunha responsabilidade sobre os participantes na andaina. VER AS CONDICIÓNS DA ASISTENCIA Á ANDAINA ABAIXO.

O transporte faráse con coches particulares e sempre imos quedar no punto de destino (neste caso en Mera) e dende alí levaremos á xente co número mínimo de coches á saida. 

Con respecto á ruta de este vindeiro domingo día 9, decirvos que durará unhas 5 horas e comeremos de bocata polo camiño (cada un que prepare o seu).

Horario previsto:

10:30 Reunión de coches no aparcamento de Mera (ó lado da Lagoa) 
10:45 Saída en coche cara a Santa Cristina (deixando coches en Mera para volver)
11:00 Comenzo da ruta en Santa Cristina.
16:00 Chegada prevista a Mera e traslado a Santa Cristina ós que deixaron alí os coches.

Prégase puntualidade.


Inscrición no correo da Asociación:  patexeiros@hotmail.com 

A ruta é apta para todos os públicos (non entraña especial dificultade) . 
Como en todas as rutas recoméndase levar calzado axeitado, un chuvasqueiro (por si acaso) e líquido para hidratarse.
Recordade sempre o concepto das tres capas de roupa para ir ben abrigados, que sempre é mellor quitar que pasar frio.

Tamén vos adiantamos que temos pensado facer rutas para infantís, de 4 a 12 anos, nalgun sábado pola mañán. Estas rutas son moi doadas, de 2 ou 3 km, e intentaremos incluir algunha actividade nelas. 

A primeira delas, ainda pendente de confirmar a data, serán As Praias de Mera e o Faro, con parada na praia de Espiñeiro para facer recollida de cunchas.  Nestas rutas precisamos que cada neno ou grupo de nenos  (irmás, amigos, curmáns) veña acompañado dun adulto, excepto os nenos/as dos socios dos Patexeiros

Animádevos, e vinde con nós a disfrutar da nosa costa. 

CONDICIÓNS XERAIS DE ASISTENCIA ÁS ANDAINAS COSTEIRAS DOS PATEXEIROS, DE ACEPTACIÓN OBRIGADA

- Toda persoa inscrita na Andaina, ACEPTA as normas establecidas.

- Toda persoa asistente á Andaina é responsable dos seus actos ou feitos que ocurran no transcurso da Andaina, quitando responsabilidade á A.C.M. OS PATEXEIROS.
- A A.C.M. OS PATEXEIROS nin os seus membros, non son  responsables dos sucesos que poidan acontecer a calqueira participante na Andaina, como poden ser, accidentes, traslados, imprevistos, etc que poidan suxir ó realizar rutas deste tipo.
- Tanto a A.C.M OS PATEXEIROS, como o administrador desta web, e o coordinador da Andaina, non son responsables dos feitos inesperados en calqueira actividade nen dos accidentes. Enténdese que cada participante na Andaina asiste a ela baixo a súa propia responsabilidade.

- Recórdase que no trasncurso dunha Andaina poden acontecer os seguintes problemas:
            - Kilómetros feitos de máis, por erros humáns.
            - Cambios meteorolóxicos inesperados.
            - Falta de vehículos (por motivos inesperados e axenos ó que propón a Andaina), para desplazarse ó punto inicial da ruta, co trastorno que esto poida acarrexar, que calqueira persoa asistente non se poda trasladar ó inicio da ruta.
             - Cambio da ruta por problemas tales como: o tempo, camiños en mal estado, cortes inesperados no percorrido, erros humáns, etc...
        - Suspensión da ruta por mor do mal tempo ou problemas axenos á A.C.M OS PATEXEIROS.
                        
 - Toda persoa que se inscriba nunha das Andainas da por entendido que LEU e ACEPTA estas condicións.


luns, 3 de marzo de 2014

Rematou o 4ª Curso de Carpintaría

Despóis de varias xornadas de ampliación, este sábado demos por rematada esta 4ª Edición do Curso de carpintaría de ribeira e mantemento de embarcacións tradicionais.

Neste último día, varios dos alumnos xa non poideron vir, pero os que quedaron, deron rematada a buceta.

Fixéronse as catro cornamusas. Prepararon a madeira, marcárona cunha plantilla previamente feita polo mestre, cortárona, lixárona e lle fixeron os rebaixes para que encaixen nos barraganetes.

Nesta imaxe vedes a Luis cortando unha das cornamusas.


Victor e Dolores puxéronse a facer os fileretes da cuberta, asesorados por Pepe.


Tocáballe o turno á fogonadura e ó tinteiro, do que se encargaron Javier e Rafa.


Javier, caladora en man, facendo a apertura da cuberta para aloxar a fogonadura.


Nesta imaxe podemos ver a Rafa cortando os listóns coa curvatura axeitada para facer a tapa.

 
Dolores e Víctor seguían coa súa tarefa e aquí os vemos preparando o filerete da outra banda.



Este sábado celebramos tamén a incorporación final de Xabier Lage ó último día do curso, despois dun longo período de convalecencia por mor dun accidente de tráfico. Aquí xa o vemos totalmente operativo :facendo os rebaixas para que o tinteiro encaixe nas cadernas
 
 
Aquí vemos o tinteiro que quedou asentado pero sen fixar nin facer as entallas, traballos que se farán cando estea o mastro preparado.
 
 
Ós bancos metéuselles un pe de amigo. Aquí podedes ver o detalle dun pen de amigo e dos fileretes colocados.
 
 
A fogonadura, vai feita en carballo, e a tapa do cuartel, a fixemos con bastidor de madeira e cun taboleiro de contrachapado fenólico, que máis adiante forraremos de piñeiro.
 
 
A buceta quedou rematada, coas chumaceiras, cornamusas, fileretes, pes de amigo, fogonadura, cuartel e tinteiro feitos e colocados.
 
 
 
Agora o barco xa está de volta no galpón patexeiro, pero desta xa case rematado.
 
 
Falta entón, o traballo dos armadores, de tapar as puntas, darlle imprimacións varias, pintalo co Xylazel e aparellalo, a ver se somos capaces de tela lista para a festa da botadura dos barcos, que temos planexada para o vindeiro 17 de maio, dia das Letras Galegas.

Grazas ás dúas promocións de alumnos que participaron neste gran proxecto, os primeiros encargáronse da estructura e estes últimos do forro e acabados desta preciosa buceta do norte que pasa a engrosar o patrimonio marítimo galego.
 
Esperamos que teñades disfrutado co curso, e sobre todo, que aprendérades algo. Polo menos a querer un pouco máis ós barcos de madeira, que víchedes de primeira man como nacen partindo da madeira dos nosos montes, e a respetar este oficio ancestral dos mestres carpinteiros de ribeira que levan centos de anos facendo barcos case da mesma maneira que os seus antepasados.

Grazas tamén ós mestres Pepe e David, polo seu bo facer, colaboración e disposición para todo o que se lles pedía.

Agradecer tamén á FGCMF por axudarnos a difundir parte do noso traballo como asociación, no Encontro do Freixo, e polo seu apoio e presencia en todos os eventos que facemos.
 
Tamén agradecer á Deputación da Coruña que siga subvencionando os proxectos, investimentos e as actividades das asociacións culturais da provincia, incluso nestes tempos algo revoltos. Grazas a esas axudas, as asociacións culturais podemos facer fronte a moitas actividades que doutro xeiton non se poderían facer. Que non se olvide nunca á cultura e ó patrimonio.
 
Ata a vindeira edición, na que prometemos traer un novo proxecto.

Fotos e resumo da xornada, de Moncho Cerviño.
Resto do texto, Palmeirán.
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com