luns, 19 de maio de 2014

Barcos ó mar - Festa da botadura - Día das Letras Galegas

Este sábado pasado, tivo lugar en Sada a nosa I Festa da botadura, na que ademáis de botar os barcos nos que habitualmente navegamos, aproveitamos para botar a nova buceta LeliaDoura.

A Desexada e a LeliaDoura saían a última hora da mañán por estrada dende Lorbé rumbo a Sada.














Tivemos que apurar moito os tempos e no caso da pintura fíxose moi a última hora, co que tivemos algún problemiña de "chorreos" no caso da Leliadoura, ó estar sumerxida día e medio e non ter secado ben o alquitrán co Xylazel.

Uns preparativos de última hora en Sada, colocarlle o rótulo co nome á buceta Lelia Doura, e retocar a patente fixo que nos demoráramos uns minutiños sobre o horario previsto.

Xa ás 17:00 había varios convidados arredor da rampa de Sada onde estaban a Boaventura e a Desexada, e tamén na Escola de vela onde se atopaba a LeliaDoura.


Sobre as 17:30 chegou o grupo de Gaitas de Cántigas da Terra que nos acompañarían durante este acto, tocando varias pezas con sabor mariñeiro.


Un pouco despóis fixemos saída en procesión dende a Escola de vela do CNRS ata a rampa, seguidos dos gaiteiros que empezaron a súa actuación cunha peza que non podía estar mellor escolleita:

Lévame, lévame, lévame,
lévame á veira do mar....

 A xente que estaba paseando polas inmediacións do paseo marítimo de Sada uníasenos á procesión e a Leliadoura facía levantar a ollada a todos os paseantes, que quitaban de teléfonos móbiles para inmortalizar a ocasión.


Chegados á última curva era tal a acumulación de fotógrafos que semellaba o Rally de Montecarlo, cando os fotógrafos se agolpan nas curvas para sacar a instantánea.

Os gaiteiros seguiron interpretando pezas mariñeiras durante o percorrido e no mesmo momento da botadura dos barcos.




Empezamos cos agradecementos ós 29 alumnos e ós mestres que participaron na construcción da buceta, lendo o nome de todos eles, e continuamos coa entrega dos diplomas ós alumnos do último curso.

(Desta parte da festa, ainda non teño fotos, porque como eu estaba de predicador, non podía ó mesmo tempo estar coa cámara na mán, e xa sabedes que pásoche, pásoche as fotos, pero a estas horas e as fotos sen chegar, así que vai sen elas e logo xa as subiremos).

De seguido Dani Carballo, que estivo patroneando a caña da LeliaDoura durante toda a procesión,  fixo de padriño e regou a cuberta cunha botella de cava. Queríamos facelo con viño galego pero o que tiñamos nese momento non daba a talla, e nos decantamos polo cava.

E ó son de "Cantiga Mareira" alá foi a LeliaDoura bicar o mar da Ría de Sada.

Démoslle uns paseíños a remo mentras se botaban o resto das embarcacións, A Desexada e a Boaventura.

Como estaban bastante abertas, tanto a LeliaDoura, como A Desexada, despóis de dar uns paseíños a remo para que todos as visen, e cando xa a auga no interior nos subía polas canelas, foron amarrar ás súas boias para quedar a inchar uns cantos días máis, mentras que a dorna Boaventura saeu a dar unha voltiña a vela.

A festa continuou cunha gran merenda a base de mexilóns, tortillas, empanadas, chourizos, biscoito e galletas, todo regado con viño, cervexas e refrescos. Xa sabedes, que Os Patexeiros somos xente de fartura.

Alí estiveron moitos dos protagonistas da construcción da buceta, varios Patexeiros e numeros amigos, que viñeron ata do outro lado da ría, acompañarnos neste fermoso e importante día. Seguro que coñecedes a máis de un nas fotos.












Jaime estivo volcado en todo momento ca festa,  montando mesas, izando bandeiras, cocendo os mexilóns, recollendo ás tripulacións na zodiac, etc... Un verdadeiro crack.


E sobre as 10 da noite demos por rematada esta I Festa da botadura - Día das Letras Galegas, que logo continuamos na do Pescador, sede oficial da Copa Balbina.

Tamén, como non podía ser, queremos rendir  homenaxe a Díaz Castro no Día das Letras Galegas, cun dos seus poemas.

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
 e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
 a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

 Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!


Para o ano, máis e sobre todo con máis barcos. Cada ano un máis polo menos.


Palmeirán

xoves, 15 de maio de 2014

Festa da botadura - Día das Letras Galegas

A A.C.M. Os Patexeiros, temos o pracer de convidar a todos os socios, amigos, e alumnos dos cursos de carpintaría á Festa da Botadura que terá lugar o vindeiro sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, na rampa de servizo da Escola de Vela do CNRS (fronte ó Carrefour Express) en Sada, a partires das 17:00 horas.

Será unha festa moi importante para todos nós porque botaremos a buceta LELIADOURA, que se construeu durante os dous últimos cursos de carpintaría de ribeira, polo que nos gustaría que os 29 alumnos que participaron na súa construcción estivesen presentes nese día tan especial. (Máis que nada por se non flota, saberemos a quén botarlle a culpa).

Ademáis:

- Farase entrega dos diplomas ós participantes nesta última edición do Curso de Carpintaría.
- Botaranse ó mar os barcos da Asociación (que estén dispoñibles).
- Actuará para nós o Grupo de gaitas de Cántigas da Terra.
- Tomaremos unha merendiña (esperamos, a base de mexilóns e empanadas) para socios, amigos, alumnos e familiares.
- Sacaremos unha foto todos os participantes nos cursos coa buceta.



Sabemos que os eventos organizados polos Patexeiros sempre convocan moita xentiña de nuestro señor, e hai entidades e organismos que pensan que lles facemos competencia, por iso puxeron o partido Barça-Atlético para as 18:00, intentando restarnos público, pero iso nós suplímolo a base de empanadas, mexilóns, viño, cervexas e música.


Esperámosvos.


En Sada, xa está lista para a botadura, a dorna Boaventura, que este ano lucirá unha cor negra brillante en vez do negro forxa que tiña o ano pasado, e a patente branca.





En Lorbé, na Desexada, ainda nos falta un pouquiño. Xa ten patente e a primeira man da sua cor Beige Patexeiros. Queda pendente darlle a volta, poñerlle os folios, e meterlle o lastre, e detalles menores.

E a xoia da corona, a nova buceta LELIA DOURA, xa ten feito o temón, e onte, despóis de darlle o tratamento Xylamon fonfo, os compañeiros lle estaban dando unha man de alquitrán con Xylazel.





O que máis medo nos dá é o secado da buceta, que vai moi lento, e témola que encharcar de auga hoxe mesmo, para que inche un pouco, senón, sí que irá ó fondo. Onte estivo fora para que entre o sol e o vento a axudaran a secar.





Está casi, lista, a falta de darlle outra man de patente, botala a inchar, e colocarlle toletes e cornamusas de manobra.


Por suposto, non sairá coa vela, xa que ainda non está encargada., pero esperamos vela lucir o seu mastro, e se chegan a tempo os ferraxes, co seu temón.


O que si non dará tempo a ter listo é o Arredemo, que en Bergondo non deron feito. Este ano lucirá un quillote novo, que esperamos sirva para que gañe estabilidade e derive menos. O patrón, asegura que este ano, vai a pola Copa Balbina.




Vémonos este sábado.
Palmeirán

luns, 12 de maio de 2014

Xornada intensiva

Este sábado pasado, fixemos xornada intensiva en Lorbé e Sada para arranchar os barcos e telos listos para o vindeiro sábado 17 de maio, para a festa da botadura do Dia das Letras Galegas.

Un total de 10 patexeiros, incluíndo a dous socios novos e a un amigo que tamén nos botou unha man, repartímonos nos tres barcos buceta, Desexada e Boaventura, para ir alistándoos.

A primeira hora, e mentras non chegaba toda a tripulación, funlle dando a imprimación de Xylamón fondo ó mastro da buceta.

En canto chegaron os demáis, puxemos A Desexada quilla arriba para empezar a rascala. Nesa tarefa, aplicóuse moi ben o persoal, e como vedes, casi a deixan a madeira vista. Aquí, Javi Naveira, gañóuse o título de Rebarbadora-man.

Tamén se recravou a aparadura e se calafateou de novo. Arrincamos todo o cordón vello e aplicámoslle un sandwich de sika, cordón de cáñamo embreado e sika de novo. A ver se a damos estancado de todo, que tiñamos un problema con este barco, que non éramos capaces de ataxar a vía de auga. Rafa Lage, fixo de mestre calafate.

A media mañán saeu un equipo para Sada, a virar de novo a dorna Boaventura, que deixáramos o venres quilla arriba. E en Sada se quedaron Martiño e Pepe pintando a dorna.

Os que volveron para Lorbé, Jaime, e Miguel Marta, puxéronse a afinar un pouco máis o mastro da nova buceta. Traballo de cepillo e remate de lixa, onde tamén lles axudou o amigo Javi Lage, que veu de estranjis, pero quedóuse logo con nós botando unha man. Jaime aguantaba do mastro e viráballo mentras os outros lle daban ó cepillo e á lixadora.


O que eu non entendo é porque todas as mozas que pasaban polo porto de Lorbé, andando ou en coche, lle botaban piropos a Jaime, e incluso tocaban o claxon do coche??????

Jaime, tamén se adicou a pintar o rezón da Desexada. Si, canta moito, pero tiñamos ese amarelo oxirite na chabola e había que darlle saída. Ademáis sempre podemos cantar aquelo de "Teño un rezón amarelo.. qués lo que se lleva ajoraaaaaa....."


A última hora, xa cara á noite, e vendo que quedara casi a madeira vista, puxéronse a darlle unha man de Silver Proa, como base para a aplicación da patente.




E mentras os mencionados facían o seu traballo en Lorbé, á outra banda da rúa portuaria, Agustín arranchaba a cabullería, ordeaba a chabola, e eu púxenme a darlle unha man de patente branca á buceta.

Primeiro usamos unha barateira de Titán, que en canto vimos o resultado que nos daba, démonos conta que tiráramos os cartos. E que ese famoso refrán popular de "Pouco pagas, merda levas" se cumpría unha vez máis. Esa patente non cubría casi nada e ademáis en canto secaba, ós dez minutos, cuarteábase. E non rendía nada, vaciamos un cacharro de kilo nunha banda. (Non lle saquei fotos ó resultado, pero era malísimo)


Logo deixóunos Pepe o carpinteiro unha pouca do fabricante Hempel, e iso era outra cousa, que maravilla, que rendemento, moi boa, e con medio kilo démoslle a casi todo.

Neste caso non usamos patente do noso colaborador Proa, porque non a teñen de cor branca.




Unha vez seca a patente, viramos a buceta para empezar a darlle por dentro unha man do mescladillo alquitrán/Xylazel. Embarquei, e asistido por Agustín, alí empecei a faena.



Para dar o mexunxe, e facilitar que se introducise máis doadamente na madeira, primeiro quentábao ó baño maría nesa freidora de última xeración.


Non, non é chocolate "Neslé" como podedes pensar polo aspecto e polo cacharro, non sexades lambóns. Éche ese mescladillo que vos dixen antes. E llo damos así mixturado porque o alquitrán só, ainda que protexe moi ben a madeira, quéimase moito co sol e queda cun aspecto moi feo (cativo, como decimos en Palmeira). O Xylazel, ademáis de protexer tamén a madeira, axuda a que o sol non ataque ó alquitrán e quede sempre brillante.


Este efecto pódese ver na cuberta da Desexada que despois dun ano no mar e varada en Sada, sufrindo as inclemencias do tempo, tiña a cuberta relucinte. E tamén na cuberta da Balbina, que ten o mesmo tratamento.

A pena foi non ter unha sulfatadora en Lorbé para poder darlle este mexunxe con ela, porque meterse dentro da buceta e darlle a todas as cadernas, baixo cuberta, durmintes, etc.... con brocha e rodillo, deixóume baldado, pero baldado de todo.


E confésovos que acabei un pouquiño mareado. Menos mal que a Juardia Sivil ainda non fai controis de alquitrán nas estradas, non fora a ser que dera positivo.....


De cando en cando tiña que parar e poñíame a pintar o mastro co mesmo mexunxe, para descansar un pouquiño.


Sobre as 8 da tarde volveu o equipo de Sada, que xa remataran o traballo. A Boaventura xa está lista para a botadura, a falta de pintar remos, pau e temón, e facerlle os adornos característicos, esas ondiñas de mar que ten pintadas pola cinta.

Nós quedamos ainda ata as 10 da noite, e ainda queda traballo por rematar. A ver se hai voluntarios para ir currar un pouco pola semán.

Palmeirán.


xoves, 1 de maio de 2014

Traballando en varios barcos

Nas últimas semáns estivemos traballando simultáneamente en varios barcos da flota patexeira intentando telos todos listos para a festa da botadura do Día das Letras Galegas.

En Lorbé xa lle demos o venres pasado a segunda man de alquitrán á nova buceta e agora temos que esperar a que seque ben.

Mentras non chega o ferro para a quilla, tamén nos adicamos a facer unhas cantas cornamusas para as manobras.

Miguel Marta, Carlos Quintas e máis eu sacamos unhas cantas nun plis plas, mentras un as cortaba, outro as iba perfilando coa escofina e outro lixándoas.


En Sada, Jaime e máis eu estivemos quitándolle, a golpe de cincel, o formigón de lastre á Desexada para sanear, sellar as vías de auga e meterlle un novo lastre extraíble.


Démoslle duro, porque o formigón estaba formado a base de seixos de entre 15 e 20 cms e ahí o cincel non daba entrado. Tiñamos que andar con coidado de non furar ningunha táboa.



Agora, como vedes nas fotos, xa quedou lista e só queda pendente lavala, que seque un pouquiño (se o tempo deixa) e sellar.



A Boaventura tamén está en terra, esperando a que se lle déa unha man de alquitrán polo interior para posteriormente darlle a volta, pintala e patente.


Tamén Miguel está traballando na súa casa no Arredemo, que este verán lucirá un novo quillote, esperando que gañe más estabilidade.

E así che andamos pola Ría de Sada.

Palmeirán
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com