mércores, 25 de xuño de 2014

COMENZA A VI EDICIÓN DA COPA BALBINA



EXTRACTO DO REGULAMENTO DA PROBA



Calendario:
1ª Proba: Sábado 28 de Xuño
2ª Proba: Sábado 26 de Xullo
3ª Proba: Sábado 30 de Agosto
4ª Proba: Sábado 27 de Setembro
Proba Extraordinaria puntuable:
Este ano puntuará tamén para a Copa Balbina a Regata de Perbes
Gran premio de Embarcacións Tradicionais “Homenaxe os carpinteiros de ribeira”
Organizada polo Club Marítimo de Perbes o 2 de Agosto ás 17:30 horas .



1. A Copa Balbina:

A Copa Balbina de Vela Tradicional é unha proba creada pola A.C.M. Os Patexeiros e levada a cabo dentro do calendario de competicións de vela do C.N.R.S. Dispútase en augas de Sada.
Este ano puntuará tamén para a Copa a Regata de Perbes

2. Características dos barcos participantes:

A Copa Balbina e unha proba aberta a todo tipo de embarcacións tradicionais de madeira con propulsión a vela, independentemente da súa tipoloxía, aparello ou eslora.

Ó ser unha proba que pretende fomentar máis a participación e a reunión de embarcacións tradicionais no Arco Ártabro, que a competición en si mesma, admítese a participación de embarcacións con certas modificacións estructurais para adaptalas ós tempos actuais ou feitas en parte con materiais “modernos” (epoxis, fibra de vidrio, etc...), sempre e cando a súa propulsión sexa a vela tradicional (vela de relinga, vela latina, etc...). E tamén se admitirán embarcacións tradicionais de madeira con adaptación a aparello moderno (snipe, etc...) Este punto someterase sempre ó criterio da A.C.M. Os Patexeiros.

3. Inscricións:

Será obrigatoria a inscrición dos participantes, ven sexa con anterioridade, comunicándoo ó correo patexeiros@hotmail.com ou ben no mesmo momento da participación, comunicándollo á Organización, CNRS ou Patexeiros.

4. Percorrido da proba.

O percorrido de cada proba desta edición 2014 da Copa Balbina será o indicado pola organización en cada regata da mesma no momento da saída. En cada proba disputaránse 2 mángas que puntuarán individualmente (non se fará a media das mangas).Tamén no momento da saída se especificará se se fan dúas mangas ou unha manga sóa, dependendo das condicións climatolóxicas. Ainda que intentaremos sempre que en cada unha das probas se disputen as dúas mangas.

5. Horarios para probas disputadas en Sada:


NA RAMPA DE SERVIZO DO CNRS ÁS 16:00 HORAS
SAÍDA DA PRIMEIRA MANGA ÁS 17:00 HORAS
AVISOS: VARIOS PITIDOS
1º SINAL: 5 MINUTOS E BANDEIRA AMARELA
2º SINAL: 4 MINUTOS
3º SINAL: 1 MINUTO
4º SINAL: SAÍDA E BAIXADA DE BANDEIRA AMARELA

SEGUNDA MANGA: EN CANTO ENTRE O ÚLTIMO VÓLVENSE A DAR OS AVISOS.

O horario para a proba extraordinaria de Perbes será o que dictamine a Organización do Club Marítimo de Perbes, que en un principio a ten fixada para as 17:30 horas.

6. Responsabilidade:

Todos os participantes na Copa Balbina de vela tradicional farano baixo o seu propio risco e responsabilidade.

Recoméndase ós participantes a tramitación do Cartón de Navegante da FGCMF que polo módico prezo de 10 Euros anuais da cobertura de accidentes ó titular do mesmo.

A Organización recorda ós participantes a obriga de levar a bordo o equipamento regulamentario de salvamento así como a documentación regulamentaria esixida polas autoridades marítimas.

A Organización poñerá polo menos unha embarcación de asistencia para atender ás embarcacións en caso de problemas.

A Organización resérvase o dereito de suspender a proba no caso de que estime que as condicións meteorolóxicas poidan supoñer un risco para os participantes.



7. Sistema de puntuación:

O sistema de puntuación por manga, para a Copa Balbina 2014 estará definido da seguinte maneira:
O primeiro clasificado levará tantos puntos como embarcacións teñan participado, o segundo levará un punto menos, o terceiro un menos ca o segundo, e así sucesívamente ata o derradeiro que levará 1 punto.

  • Establécese unha única categoría de embarcacións.
  • Cada manga puntuará por separado e ó final sumaranse os puntos conseguidos por cada embarcación nas dúas mangas.
  • No caso de se ter que suspender unha das mangas debido ás condicións meteorolóxicas ou outra situación de risco, a puntuación final considerarase a da outra manga, se se tivera disputado.
  • A Regata extraordinaria de Perbes puntuará do mesmo xeito cas 4 probas habituais da Copa Balbina disputadas en Sada, estando a expensas de que a Organización do Club Marítimo de Perbes decida facer unha ou dúas mangas na regata.
  • Das 5 regatas puntuables, cada patrón/barco pode facer un descarte, que pode elexir aquel no que non poida participar ou no que tivese peor puntuación. Para competir en igualdade de condicións un descarte será obrigatorio.
  • Os descartes serán por regata, queremos decir con isto que se un patrón descarta unha das regatas e ésta se fixo a dúas mangas, descartaranse as puntuacións das dúas mangas disputadas nesa regata
  • A efectos de fomentar e premiar a participación nas Concentracións de embarcacións tradicionais do Arco Ártabro, sumaranse 2 puntos adicionais na clasificación xeral ó barco/tripulación por asistencia ás seguintes Concentracións de Embarcacións Tradicionais do Arco Ártabro. (Enténdese 2 puntos por cada unha das concentracións ás que asista)
Concentración de Ares
II Xuntanza Patexeira de Embarcacións Tradicionais - Sada
Concentración de Redes
Parrocheira de Ferrol

8. Premios

Ó rematar todas as probas puntuables para a Copa Balbina, entregaranse trofeos ós tres primeiros barcos clasificados. Ademáis o barco gañador será o herdeiro por un ano da Copa Balbina que se lle entregará nun acto aparte, unha vez se lle faga e coloque a praca que identifique o nome do gañador, e a custodiará no sitio que él considere máis representativo ata poñela en xogo na vindeira edición.

9. Outras consideracións:

Os participantes dan a súa autorización expresa á publicación das fotografías que se realicen durante a proba e que poderán ser publicadas nos medios dixitais da A.C.M. Os Patexeiros (blog e facebook) ou outro medio que a Organización considere.

A Organización resérvase o dereito de modificar este resumo de normas da proba. Calqueira modificación anterior á celebración das probas será posta en coñecemento dos participantes con anterioridade á saída polos medios que se estimen convintes.

Calqueira controversia ou desputa entre participantes será analizada e resolta polo xuiz/xuices en consulta coa Organización.

Advírtese expresamente que non se pode navegar por diante da liña de saída cando falte un minuto ou menos para a saída, podendo dar lugar, esta acción, á desclasificación da embarcación.

As viradas faranse sempre deixando a boia por babor. Penalizarase ca reducción de 5 puntos ó patrón/barco que non a tome corréctamente.

Calqueira outro punto que non esté recolleito neste regulamento será tratado no momento que surxa polo comité de regata. Sendo a súa decisión inapelable.




martes, 17 de xuño de 2014

Noite de San Xoan.




E xa ven ahí o San Xoán Patexeiro que celebraremos, como nos últimos anos, xunto cos amigos do Club Nautico Recreativo Sada . Alí esperamos ós socios e amigos que non teñan compromiso para esa fermosa noite. 

Na rampa de servizo da Escola de Vela en Sada.

martes, 10 de xuño de 2014

Os Patexeiros no programa Ribeiras da TVG



O pasado domingo, Os Patexeiros fomos coprotagonistas do último programa desta tempada de Ribeiras, que se emite pola TVG.

O programa estaba adicado ás ribeiras de Betanzos e de Cedeira.

En Betanzos estiveron con dous dos nosos socios, Javier Naveira, e Rafa Lage, que, como moitos saberedes, embarcáronse nun gran proxecto de reflotar, arranxar e alistar para navegar con pasaxe o Novo Rumbo, un barco de máis de 17 metros que se atopaba afundido no Río Mandeo.

Grazas ás nocións de carpintaría de ribeira, que aprenderon no Curso de carpintaría que organizamos, e á sua vontade e capacidade resolutiva, xa levan moi adiantados os traballos. Eu cada vez que os vexo traballar, recórdanme a McGiver, aquel persoaxe da serie de televisión que cunha grapa, un clip e unha caixa de mistos era capaz de construir unha central térmica.

Logo foron ata o porto de Lorbé e alí estiveron co mestre carpinteiro, José Manuel Gómez Porto, o noso Pepe de Lorbé e posteriormente achegáronse ó noso local no Porto de Lorbé e estivemos conversando un pouquiño e logo embarcamos nunha gamela para achegarnos á Balbina, onde tamén lles explicamos o noso proxecto.

Tamén foi un inmenso pracer, compartir este episodio cuns dos membros do grupo de música tradicional Os Cempés, que dende Cedeira nos contaba a súa estreita relación co mar.

Se non pudéchedes ver o programa este domingo, tédelo xa na TV á carta da TVG neste link:



 





A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com