sábado, 22 de novembro de 2014

Fin de semá atarefado.

O venres, Jaime e Pepe reflotaron a Leliadoura, que se enchera de auga polas fortes choivas e foi ó fondo. Ese mesmo venres pola tarde levámola para Lorbé, para darlle uns retoques de cara á vindeira tempada.


Ó chegar a Lorbé lavámola un pouco, pero xa se facía de noite e non se vía nada. Achicámola e tapámola cunha lona.

Atopamos polizóns a bordo, que Pablo, na súa condición de ecoloxista, foi devolver ó mar, prometéndolle que cando fora grande non o ceibaría tan alégremente.


Tamén varamos a Balbina. Varada anual para facer traballos de mantemento, e a ver se dunha vez conseguimos facerlle a caseta e poñela a navegar.

Esta mañán tocóulle limpeza. 




Chove moito.

Enfúndome nunha roupa de augas, e escollo a ferramenta axeitada. Tiña onde elexir.


Empezo a  rascar o casco. Ésto non é un barco.....é unha batea!!!!!.


Máis de 200 kilos de mexilón tiña na obra viva. Dudei se levalos á depuradora e sacar uns cartos.... Dou fé que algúns eran de bo tamaño.


Aumenta a choiva.

Estou empapado. Si, levo roupa de augas, o problema é que estou sudando como se estivera no trópico.

Despóis de hora e media de tumba que dalle ca raspeta deixéina totalmente limpa de mexillón agás unha pequena zona á que non podo acceder ben, Que se meta algún contorsionista, que eu xa vou vello para iso..!!!!!!


Facía falla darlle unha pasada coa hidrolimpadora para deixala ben limpiña, pero hoxe non era plan de andar con aparellos eléctricos coa auga que caía.

Xocas veu facernos unha visita, que sempre se agradece. O que non sei se sabe, ainda que pola experiencia coido que sí,  e que aproveitando a confianza, imos a pedirlle que nos bote unha man a mover a Leliadoura.

Sobre as once e media, chegou o amigo Ramón e compañía, do Taller de Velería, a tomar medidas para as velas da Leliadoura e da Betty.


Seguía chovendo.

Tomou as medidas necesarias dos dous barcos e logo fixemos unha paradiña para tomar unha cervexa e unha tapa de fabas.



Despedimos a Ramón e compañía, agradecéndolle o esforzo que fixeron desprazándose ata aquí e volvemos ó traballo.

Limpamos a Leliadoura, achicámola e volteámola quilla arriba.

Así estará este inverno, no que aproveitaremos para aumentarlle un pouco o quillote e compensar así a deriva e o balanceo que confirmamos o día que navegou a vela na Copa Balbina.

A choiva non para.

E como non todo vai ser traballar, un nutrido grupo de Patexeiros, fomos xantar á I Festa da Centola de Lorbé que organizou a Cofradía de pescadores.


Unha festaza. Produto de primeira calidade. En Lorbé non hai fallo.


Demos conta de tres fontes de mexilóns, tres botellas de Albariño e unha centola por cabeza, ademáis dos postres variados.


Os mexillóns, como nunca os comera ainda en Lorbé, cheos, cheos. E tremendas racións.....

As centolas estaban petadas.


Fartamos a comer. Os traballadores ás veces tamén temos que cumprir algún caprichiño, que como dixen antes, non todo vai ser traballar.


A comida xa compensou os traballos baixo a choiva.


Durante a comida houbo varios sorteos de agasllos entre os presentes, móbiles, tablets e bicicletas. Non tivemos sorte, e case mellor, porque "a ver quen subía a costa de Lorbé na bicicleta despóis desa comilona!!!!




Por certo, compartimos mesa co Alcalde de Oleiros e familia, que como un veciño máis non se quixo perder esta primeira Festa da Centola de Lorbé que foi todo un éxito a pesares da climatoloxía.



Sobre as 6 da tarde empezamos a recoller e a abandoar Lorbé, pero a festa continuaba ata a noite.

Seguía chovendo.

Palmeirán



xoves, 20 de novembro de 2014

Visita ós estaleiros de Casqueiro e Carlagho en Moaña

Aproveitando a asistencia á Asemblea da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e atendendo ó chamamento dos amigos da Asociación Sueste, de Moaña, o pasado sábado acudimos dous membros da A.C.M. Os Patexeiros a visitar os estaleiros de Casqueiro e Carlagho.



Estes estaleiros tradicionais, dos poucos que quedan en Galiza, están a carón do paseo marítimo de Moaña, e corren serio perigo de desaparecer por mor do proxecto de construcción  dun novo tramo do paseo marítimo que presentou o Concello de Moaña e que obrigaría á expropiación dunha parte dos estaleiros, por onde pasaría o paseo e á nivelación coa rasante da calle, co que os dous estaleiros desaparecerían completamente. Desaparecería tamén as vellas rampas do estaleiro ó mar.


Membros da Asociación Sueste explicáronnos que nin eles nin as asociacións de veciños que se opoñen a ese proxecto do Concello, están en contra da construcción do paseo, é máis, eles mesmos pediron que se rematara a parte de paseo que quedaba pendente tras a última actuación de Costas.


Co que non están de acordo é co proxecto elexido polo Concello. Tanto as Asociacións de veciños, A Praia- A Seara, e a Asociación Sueste apoian un proxecto do arquitecto Juan Manuel Fernández Rivas que contemplaba un paseo marítimo de madeira, sobre pilotes, que respetaría os estaleiros que forman parte do patrimonio marítimo de Galiza. Este paseo sobre pilotes bordearía os estaleiros e contaría cunha ponte levadiza, tipo holandesa, que se levantaría cunha manivela cando houbera que acceder con barcos ós estaleiros.

Nesta ligazón tedes información completa sobre o proxecto alternativo presentado por este arquitecto.

http://www.culturamaritima.org/files/CONCURSO_SEARA_2013_juan%20rivas.pdf

O máis chocante é que a proposta deste arquitecto non resulta máis cara cá proposta do Concello, que aboga pola solución "clásica" de comerlle máis espazo ó mar a base de pedras, terra e formigón.

Dorna nai, recentemente chegada ó estaleiro para a súa restauración.

Un descendente dos fundadores dun dos estaleiros, expricóunos que nese estaleiro levábase a cabo en distintas zonas, todo o proceso constructivo dunha embarcación, dende o deseño, o serrado dos troncos, o almacenaxe e secado da madeira, o afiado das serras, e a construcción en sí, ata que o barco saía ó mar pola rampa de botadura.

 Tronzadora. Os troncos entraban por unha porta e a traveso dun carro sobre raís íbanse cortando.

Como vedes polas fotos, o estaleiro de Casqueiro consérvase en bastante bo estado.



E é utilizado xunto co estaleiro de Carlagho como sede da Asociación e  para levar ó cabo os traballos de mantemento nos barcos da Asociación.













Ademáis diso tamén solen facer campos de traballo sobre a carpintaría de ribeira, onde os asistentes se familiarizan cas operacións de mantemento.



A Asociación Sueste solicita das distintas administracións públicas o compromiso de traballaren pola CONSERVACIÓN, POSTA EN VALOR E MUSEALIZACIÓN VIVA DOS ESTALEIROS DE RIBEIRA DE CARLAGHO E CASQUEIRO.

Máquina afiadora das serras de cinta

Tras ver e escoitar o exposto polas asociacións que se opoñen ó proxecto do Concello, a Asamblea da FEDERACIÓN GALEGA POLA CULTURA MARÍTIMA E FLUVIAL decidiu por unanimidade dar o seu apoio á conservación destes dous estaleiros, aprobando os seguintes puntos:

(Fonte: web da FGCMF)

Estes son os puntos aprobados pola Asemblea:
1.­ A FGCMF apoia as iniciativas de rexeneración e ordenación urbana como a que se quere levar a cabo na zona da Seara que leva implícita a exoneración da franxa costeira e construción dun paseo marítimo. Porén esta actuación debe ser compatíbel coa conservación e posta en valor dos elementos patrimoniais que singularizaron dita contorna, nomeadamente as carpintarías de ribeira do “Carlagho” e “Casqueiro”.


2.­ A FGCMF, apoia o estudo de alternativas que permitan esta conservación como o proxecto presentado pola A.V.V. A Praia – A Seara de Moaña, que integra modernidade e tradición.

3.­ A FGCMF fai chamamento ás distintas administracións públicas para que, no momento de caducidade das concesións, as carpintarías de ribeira de “Carlagho” e “Casqueiro” pasen a ben público destinadas á divulgación dos saberes da construción naval en madeira, tal como aconteceu na vila de Bueu coa Carpintaría de Ribeira de “Purro”.

4.­ A FGCMF apoia, en definitiva, o MANIFESTO POLA CONSERVACIÓN, POSTA EN VALOR E MUSEALIZACIÓN DAS CARPINTARÍAS DE RIBEIRA DE “CARLAGHO” E “CASQUEIRO” (MOAÑA).

Poderiamos resumir estes catro puntos en que a FGCMF quere que se constrúa o paseo marítimo, pero que se respete e integre no proxecto o patrimonio da zona, especialmente os estaleiros e o seu acceso ao mar.

 Esperemos que as peticións sexan escoitadas polas distintas administracións implicadas e non sigamos facendo desaparecer o noso patrimonio, o patrimonio de TODOS.

Unha suxerencia ós amigos de Sueste: Para outra vez, a ver se nos facedes unha fogueiriña dentro dun barril, e levades unha botelliña de licor café para quentar o corpo, que mira que pasamos frio alí sentados durante máis de tres horas!!!!!!!!!!!!!!!!!!
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com