luns, 21 de novembro de 2016

3º dia do Curso de carpintaría

Con esta terceira xornada xa chegamos ó Ecuador do curso de carpintaría de ribeira.


Ó longo desta mañán os alumnos cepillaron, lixaron e colocaron os corredores de proa e por suposto embutiron as puntas.





Tamén fixeron todos os encaixes para meter os barraganetes.



Unha vez rematado os encaixes, fixeron as plantillas para os barraganetes, suxetándoos cunhas cuñas e colocaron uns barrotes para buscarlle a forma ós barraganetes que colocarán posteriormente e ó courel.


Finalmente empezaron a cortar, cepillar e cravar os primeiros barraganetes.


Seguimos a vindeira semán.



luns, 14 de novembro de 2016

Os Patexeiros na II Feira dos Oficios Artesáns de Sada

Mentras uns compañeiros se encargan de coordinar o curso de carpintaría de ribeira, outra sección dos Patexeiros estivo a fin de semán do 11 ó 13 de novembro facendo movemento de barcos e montando o noso puesto na II Feira dos Oficios Artesáns de Sada.

O venres pola tarde xa empezamos a montar o noso puesto, no mesmo sitio do ano pasado, a carón da porta, para estar pegados ó exterior e poder desenvolver as nosas actividades no taller de carpintaría de ribeira que montamos.
 

Pola noitiña chegou o primeiro barco da Asociación, a buceta Leliadoura, construída polos alumnos nunhas edicións dos cursos de carpintaría de ribeira que organizamos. A Leliadoura estaría presente, coa súa vela latina de martelo izada, ó longo dos tres días que durou a feira.

Logo chegaría a buceta Punta Fiateira, sobre a que estivemos traballando ó longo de toda a fin de semán.

No exterior da carpa non se podía facer nada debido á contínua choiva que caía e a que ainda non nos montaran as carpas accesorias.
 
O sábado pola mañán organizamos un "Obradoiro de construcción naval para nenos". Os participantes quedaron encantandos cos seus barcos, e xa nos preguntaron se íbamos a facelo outra vez.


Unha vez rematado, os nenos quedaron xogando no noso "Xogo da pesca sostible", onde aprenden a nomenclatura dos peixes do noso mar e os tamaños que poden coller e os que deben voltar ó mar. Debido á choiva e frio reinantes tivemos que montalo dentro da carpa, diante do noso posto.


En todo momento foron atendidos pola nosa monitora infantil, Eva. Unha aposta de presente e futuro dos Patexeiros, imparte obradoiros, atende ós nenos nos xogos, atende o posto e ata nos toca a pandeireta nas festas patexeiras .....

Fora da carpa, no taller de carpintaría, e xa medio cubertos pola carpa adicional,  empezábamos a decapar a pintura da Punta Fiateira para descubrir as táboas que hai que cambiar e sanear.












 
Á hora de xantar, fixemos honra ó dito...

 "para xantar sempre hai xente",


... e xuntámonos unha boa cuadrilla de Patexeiros. O amigo Luis Boutureira, agasallóunos o xantar, unha boa pota de callos con garbanzos e outra de fabas con polbo, que estaban para quitar o sentido. A compañeira Dolores tamén nos trouxo unhas viandas, que ainda que xa estábamos xantados de callos e fabas, tamén desta fixemos honra a outro famoso dito...

 "É mellor que faga mal, ca que quede no prato!!!"


Pola tarde organizamos un "Obradoiro de frasquiado", na nosa zona de traballo no exterior da carpa, para o que liamos ó mestre carpinteiro José Manuel Gómez Porto "Pepe", para que impartise os seus coñecementos diante dun nutrido grupo que se mostrou moi interesado pola técnica.


Xa pola tardiña e ante as numerosas peticións do público miúdo, volvemos a realizar outro "Obradoiro de construcción naval para nenos", que tivo moita máis asistencia, e do que saíron unhas fermosas embarcacións.

Rematado ese obradoiro ainda organizamos outro máis de "Nós mariñeiros", onde os nenos aprenderon do mestre Agustín, a facer un "as de guía" ou un "nó chán". Esperemos que cos coñecementos que aprenderon, non se lles escapen os barcos que fixeron no anterior obradoiro.
Ós asistentes ós obradoiros para nenos, agasallámolos cunhas pañoletas patexeiras, para que adoptaran ese estilo pirata mariñeiro.

O domingo volvemos a organizar de novo un terceiro Obradoiro de construcción naval para nenos. Esta actividade foi un éxito ó longo da feira. Os nenos comentábanllo a amigos que logo viñan eles por alí. Moitos pais aproveitaban para deixalos alí e ir recorrer a feira con tranquilidade.

Pola noitiña, tocaba desmontar. Así que mentras un equipo desmontábamos o posto patexeiro, outro encargábase de trasladar os barcos.

As operacións acabaron no Porto de Lorbé ás 11 da noite.


A verdade é que nos gusta participar nesta  interesante feira, onde se pode ver en vivo como os artesáns como Ramón Villar traballa a pedra, e consigueu que nos tres días, nacera o seu can dunha pedra. Artesáns como Valdi que lle da forma á madeira para lograr sacar o que él vé na peza xa antes de empezar a traballala. Como as palilleiras e costureiras que nos estiveron ensinando o seu traballo ó longo destes tres días, artesáns do vidro que o grababan no momento para que os visitantes se levasen un agasallo co seu nome, ou ferreiros coma o noso veciño de posto que fai collares, chaveiros e adornos utilizando cravos de ferradura.


Todo isto teredes oportunidade de velo para o ano que vén, de novo en Sada.

Nota: Pedimos disculpas por terlle que tapar esas bonitas miradas ós nenos. Esas miradas que reflexan a emoción e a gratitude do momento, pero xa sabedes como anda o mundo !!!!!

sábado, 12 de novembro de 2016

2ª Xornada do Curso de carpintaría de ribeira

O sábado día 12 de novembro, levamos adiante en Lorbé a segunda xornada do Curso de carpintaría de ribeira.

Nesta xornada, xa empezaron a traballar nun dos barcos que está recuperando a Asociación. Un fermoso bote das Rías Altas que tiñamos almacenado na finca dun dos socios. Así que alá se foi o Comandante Martiño, o noso responsable de loxística e de berrarnos, a por él


Xa co bote en Lorbé, o mestre ensinóulles como quitar as plantillas das cadernas de popa.


Puxeron a estampa de popa, que prácticamente quedou rematada.












Tamén fixeron as plantillas dos corredores e xa deixaron colocados os da popa.





Neste traballo puxeron en práctica as nocións de vaciado con trencha que aprenderon o primeiro día.


O mestre tamén aproveita para que se vaia familiarizando con distintas pezas de ferramenta, polo que non é raro ver ós alumnos co cepillo de man, aplicando coñecementos.

Colocaron os baos e medios baos que faltaban, que serán os que soporten as táboas da cuberta.

Cepillaron e lixaron á man as distintas pezas.

Finalmente, frasquiaron unha pequena peza na proa.

Para a vindeira semán continuarán traballando neste barco.

mércores, 9 de novembro de 2016

Movemento dos barcos

O pasado sábado, por mor das obras de asfaltado no Porto de Lorbé tivemos que mover todos os barcos que temos varados para os traballos invernais.
 
Algúns estaban encima do remolque e levámolos empuxando.


Para mover as dúas bucetas e o Galeón prestóunos o estaleiro Carpintaría Lorbé a súa carretilla elevadora, co que o traballo foinos moi doado. Senón xa nos víamos cargando e descargando nos remolques.

En canto rematen as obras de asfaltado témolos que volver a mover pois en seguida virá a Festa da Centola de Lorbé e hai que librar a explanada.


Por outra banda, onte martes, subeu ó carro a Balbina, para a súa varada invernal anual.



Ten unha chea de mexillón que apañarán esta mesma tarde os compañeiros Luisjo e Dolores. Igual lles dá para vender´.

Tamen lle lavarán un pouco a cara ca hidrolimpadora.

Logo se irán facendo traballos de mantemento, que falta lle fai.

Hai que cambiar moitas táboas da obra morta, o trancanil, sorraina, cintón, caurel..... puffffffffffffffff!!!!!!!

A ver se o tempo nos deixa traballar nela, non coma outros anos que chovía e chovía sen parar.


domingo, 6 de novembro de 2016

Primeira xornada do curso de carpintaría de ribeira

Onte sábado ás 9:45 da mañán demos comenzo a esta 6ª Edición do curso de carpintaría de ribeira e mantemento de embarcacións tradicionais.

Tras unha breve presentación do curso e dos alumnos procedemos ó reparto dos EPI´s.

Ás 10:15, o mestre Pepe Gómez Porto xa se fixo cas rendas do curso e empezou cas nocións de afiado e asentado.

Unha vez afiadas e asentadas as trenchas os alumnos fixeron unha pequena práctica de facer unha caixa nunha peza de castiñeiro.

Estas nocións de afiado e asentado facémolas en todas as edicións para que os alumnos se acostumbren a traballar ca ferramenta en bó estado pois iso minimiza o risco de accidentes.


A práctica de facer unha caixa tamén a levamos a cabo en todas as edicións para coñecer o nivel de manexo de ferramentas que traen os alumnos, que vai dende os que son carpinteiros de profesión, a xente que ten amplos coñecementos de bricolaxe e manexan perféctamente a ferramenta manual, ata aqueles que non colleron un martelo na súa vida ou non saben manexar un taladro. Desta maneira podemos ir configurando grupos de traballo equilibrados.



Despóis do descanso e do pequeno refrixerio que ofrecemos pasaron ás nocións de construcción dunha embarcación a partires dun modelo de medio casco.


Aprenderon o que eran as liñas de auga e como levar ó taboleiro de formas as liñas dese casco.

Familiarizáronse cos cartabóns e logo viron como esa teoría se levaba á práctica sacando as varengas e xenoles que logo conformarían a caderna que deixaron feita.


Para a vindeira semán empezarán a traballar xa sobre barcos a reparar.


A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com