venres, 25 de setembro de 2015

URXENTE: ANULADA A REGATA DE SETEMBRO DA COPA BALBINA

Por solidaridade cos compañeiros do CLUB NÁUTICO RECREATIVO DE SADA, que colaboran con nós en todos os eventos que facemos, sobre todo na Copa Balbina, CANCELAMOS A REGATA DESTE SÁBADO 26 DE SETEMBRO DA COPA BALBINA.

A nave da Escola de Vela do CNRS ardeu esta noite perdéndose todo o que había nela.

Sentímolo moitísimo, é como se fora nosa, e estamos cos compañeiros do CNRS que sempre fixeron moitos esforzos por ter unha escola de vela en condicións e de nivel.


mércores, 23 de setembro de 2015

Fin de semán atarefado para Os Patexeiros

Esta fin de semán imos a estar moi liados pechando a tempada de navegación.

Por unha banda estaremos presentes os días 25, 26 e 27, no Mercado do Mar do Festival Mar de Mares, cun stand nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

E por outra, este sábado 26 daremos por concluída a VII Edición da Copa Balbina, ca última regata deste verán onde se decidirán o campión da Copa, que terá que custodiala ata o vindeiro ano que se poña en xogo, e os segundos e terceiros.

Despóis da regata faremos a entrega de premios e agasallos e serviremos unha merenda-cea ós tripulantes dos barcos participantes.

Vémonos esta fin de semán en calqueira das dúas ubicacións.

Palmeirán

mércores, 9 de setembro de 2015

Resumo da Regata de agosto da Copa Balbina 2015

O pasado sábado 29 de xuño organizamos nas augas de Sada a regata de agosto desta VII Edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela.


Nesta ocasión fomos 10 as embarcacións que nos concentramos ás 5 da tarde fronte á rampa de servizo do CNRS.


  



O Abur e Sauntress de Redes, o Osorio, Arxil, Alivanta e Lola de Ares, Albatros de Perbes e A Desexada, A Feituca e o Arredemo da flota patexeira de Sada. Unha excelente participación para unha tarde cunha climatoloxía estupenda.


A regata estaba establecida a dúas mangas de dúas voltas cada unha a un campo de regatas cas boias situadas a barlovento - sotavento.


Na saída da primeira manga, o Arxil tomou a dianteira, seguido polo Abur que en seguida remontaría ata a primeira posición que xa non abandonaría en toda a manga. O terceiro en sair foi a dorna Albatros seguida de A Feituca, Sauntress, Lola, Alivanta, Osorio, Arredemo e A Desexada.


Varios barcos tiveron problemas nas viradas próximas á  boia de barlovento debido ós roles contínuos do vento.

A orde de chegada da primeira manga foi: Abur, a 2 minutos entraría o Sauntress, a 9 minutos a dorna Albatros, e logo Arxil, Alivanta, A Feituca, Lola, Osorio, A Desexada e por último o Arredemo tripulado como na primeira regata por Javier Aguado e fillo, que nesta ocasión non conseguiron aparellar tan ben o barco como na primeira regata en Sada.


Tras rematar a primeira manga, o Sauntres parteu raudo para Redes, non sabemos se porque pensou que a regata xa rematara ou se tiñan algo pendente en Redes. A Organización intentou poñerse en contacto con eles por radio sen conseguilo.


A segunda manga foi moi similar á primeira, co Arxil de novo saíndo de primeiro, seguido de Albatros, Alivanta e Abur, vese que os patróns casi respetan a orde alfabética dos seus barcos á hora de sair. Pena que os barcos Patexeiros A Desexada, A Feituca e Arredemo non se aproveitaran diso.


Tamén nesta segunda manga, houbo roles do vento, e a orde de chegada sufreu uns pequenos cambios foi casi clavada á primeira, ca salvedade da presencia do Sauntress.

Abur de primeiro, Aivanta de segundo a 6 minutos, seguido de Arxil, Albatros, Lola, Osorio, A Feituca, A Desexada e Arredemo.


O Abur presentóuse intratable nas regatas nas que participou e ten todas as papeletas para levarse a Copa Balbina 2015 para Redes.


Mala tarde para os barcos da flota patexeira que non conseguiron unhas boas posicións. Pablo e Pepe na Feituca foron os que mellor quedaron. A Desexada nesta ocasión foi patroneada por Ramón, un novo socio que xa se atreveu a levar a caña da Desexada na súa primeira toma de contacto co barco. Esperemos que siga mellorando. E como dixemos antes, Javi e fillo non conseguiron que o  Arredemo dese o resultado da primeira regata. Terán que poñelo a punto para a última que será a finais de mes.


Como novidade decir que A Desexada aparellaba nesta regata un foque e trinqueta cedidos polos amigos de Perbes, xa que o foque orixinal do barco rompeu na primeira cicloxénese da tempada. Volvemos de novo a reclamar públicamente un sitio seguro e asequible onde amarrar a flota de embarcacións tradicionais para evitar os danos ocasionados cada ano nos temporais.

Grazas a todos os barcos asistentes, xa que sen todos vós non sería posible facer isto.



E unha vez rematada a regata e xa cos barcos amarrados, un novo problema na Desexada xa que se soltou a fogonadura da cravazón facendo caer o mastro, menos mal que xa estábamos amarrados e cas velas recolleitas. Este ano temos este barco gafado, primeiro foi a rotura da pala do temón na primeira regata, logo tivemos que reforzar a quilla porque o temón novo facía moita forza nela, en Ares rompeu a horquilla da verga e fixémoslle unha verga nova, logo rachou o foque na cicloxénese e  agora soltóuse a fogonadura debido á podredume das puntas que a amarraban. Imos a arranxala para a última regata da Copa Balbina e prometemos darlle unha revisión xeral este inverno a todas as partes do barco.


Vémonos na última regata da Copa Balbina 2015 o día 26 deste mes de setembro.

En breve publicaremos a clasificación da Copa.

Palmeirán



mércores, 2 de setembro de 2015

Resumo do verán: Xuntanza Patexeira, Gran Premio de Perbes e Concentración de Ares

Despóis da participación no XII Encontro de Embarcacións de Cabo da Cruz a mediados de xullo, e da órganización da Xuntanza Patexeira unha semán despóis, o que aquí escribe acabou un pouco cansado e colleu unhas boas vacacións, polo que non vos mantiven informados, a traveso desta web, das actividades que fixemos durante o resto do verán,  ainda que si o fixen a traveso do noso facebook.

Agora xa algo menos saturado e máis descansado vou a facer un pequeno resumo.

Como víchedes na entrada anterior, o 18 e 19 de xullo celebramos a nosa III Xuntanza Patexeira de Embarcacións Tradicionais. Un evento que xa tiñamos convocado dende primeiros de ano no calendario Federativo.



Celebrámolo sempre nestas datas para que coincida ca Feira Mariñeira e as festas do Carme de Sada.

Se en anos anteriores a choiva e a falta de vento mermaron a participación de barcos neste Xuntanza, neste ano foi precísamente o forte vento, e sobre todo a coincidencia ca Regata de Embarcacións Tradicionais de Redes o que fixo que a participación de barcos de outros portos, non fose abundante.


Só contamos ca presencia dos sempre fieis Albatros de Perbes, e Arxil e Osorio de Ares, ademáis dos barcos da flota Patexeira.

Dende aquí, aproveitamos para facer un chamamento ós propietarios/armadores de todas as embarcacións  tradicionais da Ría, e tamén das de Ferrol e A Coruña, para que asistan ós poucos eventos que se organizan no Arco Ártabro, xa que de non mellorar a asistencia pode dar lugar á súa desaparición e logo irremediablemente, o lamentaremos todos.

Durante a Xuntanza, debido ó forte vento só se pudo sair a navegar o sábado pola tarde e o domingo, onde xa só o fixeron os barcos patexeiros.

Na carpa patexeira, a zona infantil estivo moi frecuentada a casi todas as horas, e tamén foron moitos os que se achegaron a coñecer a nosa asociación, ainda que todo hai que dicilo, menos que anos anteriores, como tamén notamos na afluencia á Feira Mariñeira. A ver se para o ano ten algo máis de vidiña.


Como nese mes de xullo non tiñamos calendada ningunha regata da Copa Balbina, a seguinte cita foi no II Gran Premio de Embarcacións Tradicionais de Perbes, o 1 de Agosto.

Alí acudimos con tres barcos da flota patexeira, O Arredemo, a Boaventura e A Desexada.


Esta regata, o mesmo có ano pasado, foi puntuable para a Copa Balbina.


16 embarcacións. Un éxito total de asistencia. Iso sí anima a seguir organizando eventos.


Nesta ocasión, o Abur volvéuse a impoñer, seguido pola dorna Albatros e polo Trebón.

Despóis da regata, demos conta dunha ración de callos e unhas cervexiñas, xunto cos amigos de Ares, Perbes e Redes.


E xa para o seguinte fin de semán, alá nos fomos ca Desexada para Ares, unha Concentración á que tampouco nunca faltamos.


Despóis de tres horas e media de navegación, a Desexada chegour a Ares xusto para a regata. Saíron de primeiros e estaban de quintos cando outro percance tivo alí A Desexada. Este ano, temos ese barco gafado. Se na primeira regata da Copa Balbina parteu a pala do temón, agora en Ares partéulle a verga da maior.  E como vos contaremos noutra entrada, non é a última rotura desta tempada neste barco.


Alí na regata de Ares, o Elena fíxose coa primeira posición, de segundo o Abur e de terceiro a dorna Albatros.

Ademáis da asistencia ós eventos, os barcos da flota patexeira estiveron navegando todo o verán polas augas da Ría de Ares-Betanzos-Sada. Sen dúbida o que máis millas fixo esta tempada foi A Feituca, e iso nótaselle na súa progresión nas regatas.

Palmeirán

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: ospatexeiros@gmail.com ou infórmate na nosa web: www.patexeiros.org