martes, 26 de xuño de 2012

Comenzou a copa e de momento, esta en Ares


Tal e como estaba anunciado, comenzou a Copa Balbina deste ano, coa primeira regata en Sada, que se celebrou o pasado sábado 23.
A cousa empeza ben, pero virtualmente a Copa vaise para Ares na primeira xornada. Por moi pouco, pero vaise.
Neste caso foi Jose Antonio, do Arxil, que veu el só na sua embarcación e se bastou el soíño para quedar por diante de Jaime e máis Pepe, na dorna Boaventura. Pero ollo que a derradeira boia a colleron case xuntos. Así que de seguir así vai a andar a cousa moi xusta.
Tamén participamos dous barcos mais, pero claramente sen opcions a estar nas primeiras posicions.
Un deles foi o “Punta Pragueira”, o galeón dos da Coruña, que foi patroneado polo comandante Martiño e Rober , Silvia, Xabier e Verónica coma tripulación .

 Fixeron un honrroso cuarto posto. Claro que foi o último posto, pero hai que ter en conta que tiveron dificultades co motor para sair.Por iso honrroso, por atreverse a sair.
E no Arredemo, fumos o Xose Lagares e mais eu, coma sempre chegando as boias cando xa as quitou a organización… Pero ahí estivemos, un ano mais o Arredemo no mar (e xa van 4 consecutivos).
Resumindo, a clasificación queda de momento así: (hai que aclarar que no caso de empate a puntos o que queda un posto antes da clasificación e o patrón.)

1.- Jose Antonio do Arxil con 7 puntos
2.- Pepe da Boaventura con 6 puntos
3.- Jaime da Boaventura con 6 puntos
4.- Miguel do Arredemo,  5 puntos
5.- Xose Lagares do Arredemo, 5 puntos
6.- Martiño do Punta Pragueira, 4 Puntos
7.- Rober do Punta Pragueira, 4 Puntos
8.- Silvia do Punta Pragueira, 4 Puntos
9.- Veronica do Punta Pragueira, 4 Puntos
10.- Xabier do Punta Pragueira, 4 Puntos

E…. como non o único, o bicampeón, o absolutamente incondicional da Copa Balbina… Non me diagades que a estas alturas non botáchedes a ninguén de menos….
Pepe do Osorio, cómo non. Imos poñerlle de 11 con 3 puntiños. (se non hai ninguna reclamación que nolo prohíba) ¿Por qué os 3 puntiños? Pois lóxicamente pola participación. Porque veu, un pouco tarde pero veu.
Home, xa sabemos que Pepe as veces chega un pouco tarde e tal, e sempre o esperamos para tomar a saida, pero o sábado pasado…. Home que una cousa e chegar un pouco retrasado e outra e chegar á noitiña para as sardiñas.
Pero cómo non, agradecemos moito a participación, ainda que a regata xa estaba acabada cando chegou.

Tamén tivemos una pequeña incidencia co galeón, que se quedou sen máquina á volta  e non podía entrar no amarre. Pero ahí estivemos coas emisoras rápidos para organizarnos e alá foi una zodiac do Recreativo ao rescate.
 ¿Rescate? Perdón , perdón non quería ofender. O que quixen dicir e que foi a zodiac a "deixarlle un crédito de fondos con rentabilidade baixa, en moi boas condicions" nada de rescate…..
E polo demais, as Sardiñas e o San Xoan, xa sabedes. O Jaime estivo currando alá para darlle de comer a toda a tropa.  A nosa Pasteleira oficial, tamén traballou moito e nos fixo mais dun metro cadrado de pastas e pasteis (duas fontes mais grandes ca a mesa).
Todo moi rico, a s sardiñas e os postres.
O único que foi un pouco raro foi que botaban Futbol e tivemos que competir co evento. Así que os rapaces do Recreativo montaron alá todo un sistema audiovisual, a a meirande parte do público estivo (estivemos) vendo o Futbol mentras comían as sardiñas.
Xa sabedes, A selección española xogará contra Portugal, así que xa houbo quen opinou que apoiaremos a Portugal, por proximidade cultural. Home, a verdade que pensado fríamente teñen razón.  Deixamos ahí como exercicio esta polémica….
En calquera caso, Os Patexeiros  apoiaremos aos nosos Pepe e Jaime, que están a defender a Copa con toda a súa alma. Para nós, son moito mais importantes que o Rafa Alonso, Fernando Nadal, Ronaldinho ou quen se nos poña por diante. 

Esperamos veros a todos na vindera cita. Como sabedes, sería a regata de Redes, en Xullo, ainda que non sabemos ainda as datas. As regatas de Sada serán coma sempre o derradeiro sábado de cada mes as 5 da tarde.
 

luns, 18 de xuño de 2012

COMENZA A COPA BALBINA 2012

     Amigos e amigas, xa está aquí un ano máis o verán, e consecuentemente, a chegada das regatas da Copa Balbina, que como sabedes é o torneo de vela tradicional no eido do Golfo Artabro.

     Anunciamos xa a primeira das regatas O VINDEIRO SABADO DIA 23 AS 5 DA TARDE ENFRENTE DA RAMPA , COMA OS OUTROS ANOS.

    Pero este ano o anuncio é algo distinto. Nos somos agora os que estamos na posesión da Copa, e por fin, desde o seu inicio alá pola década pasada, podemos dicir, por fin, que os Patexeiros

DEFENDEREMOS A COPA BALBINA PARA INTENTAR QUE QUEDE EN SADA

    E coma non podia ser outro, aqui tedes ao noso flamante campeón, o Jaime:

    Para todo o que quera visitar a Copa, que saiba que estará (e esperemos que quede alí) todo o verán exposta no noso bar de cabeceira, "O Pescador", (en Fontán, xusto debaixo da Capitanía).

      A mecánica  deste ano e coma nos outros, co mesmo sistema de puntuacións. Para quen non o saiba, ou non o lembre, son 3 puntos por tripulante (indistintamente patrón ou mariñeiro) so por participaren. Isto significa estar co barco na auga no momento previo á saida, ainda que non a chegue a tomar correctamente por calqueira motivo.
 
    Como sabedes, premiamos deste xeito a participación, tanto nas nosas regatas de Sada coma noutros eventos no eido da vela tradicional no golfo Artabro. Ainda que só sexa unha exhibición e non haxa regata competitiva, calquera que participe e que estea inscrito na clasificación da copa, suma puntos.

     Ademais, nas nosas regatas súmase a puntuación da clasificación, e decir tantos puntos coma barcos estean na saida para o primeiro, un menos para o segundo, e así ate o derradeiro, que sumará 1 punto aos 3 da participación.


   Tamén está previsto otorgar un premio especial non so á persoa que obteña mais puntos, senón tamén ao barco que máis puntuación acade.

  Para poder inscribirse, habería que mandar un correo electrónico cos nomes dos tripulantes áo noso enderezo, pero tamén admitimos a inscripción a berridos desde a embarcación, e a última hora, que e coma na práctica sucede. Pero por favor, pensade que nos e todo moito máis doado se nos avisades con algo de tempo.

    Se unha tripulación participa nunha soa regata das nosas, queda automáticamente inscrita na clasificación, ao non ser que expresamente nos comunique o contrario.

     Tamén para que fagades memoria, vos poñemos un plano mais ou menos de ónde facemos as regatas:

Ahí estameos, coma sempre as 5 da tarde. Coma sabedes, todo o peso da organización deportiva da regata recae sobre o C.N. Recreativo , que tamén organiza nesas datas as suas regatas de vela lixeira. A manga de vela tradicional faise sempre despois da saida de vela lixeira, e o percorrido normalmente e mais sinxelo (un Barlo- Sota). Pero non podemos anunciar con antelación o percorrido, porque coma sabedes, nunha regata o percorrido vai en función das condicions meteorolóxicas dese dia. Por favor, pasade as 5 da tarde polo barco do comité ou ben preguntádenos a calquera das embarcacions Patexeiras ao chegar.

      EN SAN XOAN A SARDIÑA MOLLA O PAN 

      Coma sabedes, o vindeiro dia 23 ademais de ser o dia da primeira regata, é o San Xoan. Os Patexeiros, conxuntamente co C.N. Recreativo, faremos unha sardiñada, así que os participantes á regata estades invitados. Iso si, tedes que nos avisar como mínimo con 24 horas de antelación para ter prevista a infraestructura. Ninguén quedará sen sardiñas, pero hay que ter unha inscripción previa.

      O resto do calendario da Copa será:

              - dia 28 de Xullo: 2ª regata

              - dia 25 de Agosto: 3ª regata

             -  dia 29 de Setembro: 4ª regata e peche da Copa

       Ademais (pendente de confirmar) están os seguintes eventos xa clásicos na nosa ria:

            -  Xullo:  Regata de Redes

             - Agosto:  Regata de Ares

            -  día 8 de Setembro (sábado):  A Parrocheira en Ferrol


          Ainda non temos confirmación das datas, pero esperamos informarvos tamén destes eventos.

      Moita sorte a todos, e xa sabedes,  a ver se conseguides quitarnos a Copa, pero mentras tanto, cantaremos a ritmo de samba:

...........A COPA BALBINA E NOSA.....



     

domingo, 17 de xuño de 2012

Calafateando

Este fin de semán pouco traballo fixemos na Desexada. O pouco tempo do que dispuxemos prácticamente nos limitados ó calafateo.


O venres me puxen a quitarlle a masilla e pasta que tiña a quilla, que era por onde tiñamos a vía de auga.

Logo me puxen a calafatear co cordón que trouxera Agustín. Chegeui ata a metade da parte de babor porque andaba a chubascos, e ainda que traballando na quilla non chovía moito, a espalda sí se mollaba.

Pepe tamén se achegou e intentou facer a caña do temón, pero non lle gustaba o deseño e decideu aprazalo para outro día que tivera claro como facela.

O sábado pola mañán non puiden ir a traballar por motivos que non veñen ó caso pero que posíblemente teñan que ver cos recortes na Sanidade, pero deixemos o tema.

Pola tarde seguín calafateando e acabei toda a parte de babor.

Acompañóume Xose Lagares, que estivo repasando unha unión que non nos quedara a paño na estampa de popa.

Bueno, xa casi non queda nada. Se podo ir traballar unhas horas pola semán, penso que quedará lista para botar ó mar. Senón o teremos que deixar para o último fin de semán de xuño.

O seguro é que non a teremos lista para a primeira regata da Copa Balbina, é unha mágoa pero é o que hai.

Por certo, cada día atópome con máis xente que me dí que segue o noso blog. E polo Feedjit que temos instalado na páxina así o confirmamos, léennos de moitas partes da Galiza, da península e incluso do mundo.

Grazas a todos por seguirnos, intentaremos manter o sitio sempre actualizado con novas e a poder ser interesantes, porque últimamente nos limitamos a ir escribindo o noso día a día nos traballos cos barcos. A excepción de algunha boa reportaxe como a de Miguel sobre Thailandia.

A ver se algún outro Patexeiro se digna a facernos algún artigo sobre a súa inminente viaxe a Irlanda, nazón irmán e cunha cultura moi parella á nosa.

Esperamos verche nas fotos coa camiseta dos Patexeiros, que, vos recordo non debedes deixar na casa cando vaiades de visita pola extranxeiro.

Agradecemos a todos os amigos da Asociación que cando vaiades de vacacións saquedes unha foto coa vosa camiseta dos Patexeiros e nola enviedes ó noso correo.

Palmeirán

martes, 12 de xuño de 2012

พิพิธภัณฑ์เรือไทย (THAI BOAT MUSEUM)



Como sabedes, hai moitos tipos de turismo, e parece que tamén hai un pequeño espacio para o turismo mariñeiro.

E practicando esta modalidade estivemos en Thailandia no mes pasado. Nunha visita a Ayutaya, antiga capital do reino de Siam, coñecimos a una familia moi peculiar, os donos e fundadores do THAI BOAT MUSEUM (พิพิธภัณฑ์เรือไทย)
Cremos que non só merecen un artigo divulgativo, senon que con elo, queremos rendirlle una homenaxe, porque de verdade que hai xente neste mundo , que a merece, e a familia Paitoon e un claro exemplo.
O Thai Boat Museum e un museo adicado as embarcacions tradicionais thilandesas especialmente de rio. Mr Paitoon,  foi mestre de construcción naval no que pensó que equivaldría aquí á escola de enxeñería naval  durante 40 anos.  Para explicar  os proxectos, construia maquetas que logo mostraba aos alumnos, e de ahí naceu una forte afición ao maquitismo e ao coleccionismo que tanto el coma seu fillo seguen cultivando.

Tanto e así , que viven nunha  preciosa casa museo(a casa tamén e de construcción tradicional tailandesa)  adicado as embarcacions tradicionais thilandesas.  O museo conta con numerosas pezas reais e moitisimas mais maquetas. Hai embarcacios que superan os 150 anos de antiguedade, hai outras que foron feitas directamente do tronco da árbore, vaciando este.

Unha das pezas mais chamativas, e una embarcación tradicional posta tal e como iban ao mercado frotante, coa sua báscula, e incluso mercancía exposta.  Había outra que era a “cafetería” frotante, e outras mais adicadas a outros usos. 

E curioso observar coma nun sitio tan lonxano e desconectado da nosa cultura popular os pasos da destrucción do patirmonio frotante (fluvial, neste caso) son prácticamente os mesmos  que aquí.  Comentabanos eles, que coa chegada da fibra, cada vez quedan menos carpinteiros que fagan embarcacions de madeira, e que prácticamente tamén alá nunha xeración perdeuse o oficio.

Claro que segue  a haber toda  esa ebullición de vida en torno aos ríos, pero buscouse o abaratamento e a funcionalidade,  e pucos quedan xa que sigan coas suas embarcacions de madeira “(Rua”, como llechaman alá a una embarcación).

Por iso, hai que destacar o traballo desta  familia, que logrou reunír  todas esas embarcacions nunha casa tradicional tailandesa, e gracias a eles podemos ver unas mostras do que e ou do que foi a sua arte en construcción naval.

Como non, Intercambiamos enderezos, asinamos no libro de visitas, e quen sabe, tal vez poidamos  ter un contacto asiduo cos donos do museo, porque coma nós, navegan as veces en contracorriente para conservar o patrimonio fluvial neste caso.

Eles non están dotados de subvencions , e a entrada do museo e una doazón, para se manter. Ademais, por se fora pouco o ano pasado as inundacions fixeron entrar a auga ate o 2º piso (ainda se veía a marca da auga nalguns sitios).  Pero seguiron, amañaron  todo o que puideron, e ala están, recibindo as visitas cunha amabilidade exquisita, cun sorriso permanete , cunha hospitalidade insospeitada e transmitindo  toda esa enerxía positiva ao visitante.
nesta foto do panel de ferramenta, podedes ver a marca da
auga nas inundacions. E tede en conta que estaba colgado na parede do segundo piso.
Por suposto que paga a pena ir.  A Thailandia , a Ayutaya (una cidade maravillosa, antiga capital do Reino de Siam) e como non ao seu maravilloso Thai Boat Museum

Aparte das nosas fotos,  podedes ver mais información na sua páxina:

http://thaiboatmuseum.com






domingo, 10 de xuño de 2012

Desexando rematar A Desexada

Outro fin de semán máis currando no último barco adquirido pola Asociación.

O venres estivemos un numeroso grupo de patexeiros en Lorbé. Achegámonos por alí Pepe, Agustín, Miguel, Francisco e máis eu, Palmeirán.

Miguel trouxo o perfil para a quilla da Desexada e tamén o mastro que o tiñamos no CNRS. E logo se puxo a soldar unhas pletinas de galvanizado, que trouxera eu de Coruña, na porta do local que estaba roída polo óxido.


Francisco e máis eu estivemos rascando a patente vella da parte de babor.

Logo eu me puxen a darlle unha man de pintura ó costado de babor. A nova cor elexida para o barco ten nome propio. PROA, un dos nosos colaboradores, nola grabou como BEIGE PATEXEIROS.

A última hora entre Agustín, Miguel e máis eu levantamos o barco usando un gato de coche e metémoslle o perfil pola quilla. O deixamos asentado para atornillalo ó día seguinte.

E rematamos xa coas operacións pasadas as 10 da noite.

O sábado pola mañán só aparecemos por Lorbé, Pepe e máis eu. Tiñamos pensado ir á Balbina a colocarlle as brazolas pero o tempo amenazaba choiva e decidimos quedar en terra e traballar na Desexada.

En principio só nos ibamos a adicar a calafatear e pintar, pero vendo o estado da popa, decidímonos a  actuar nesa parte.

Desmontamos o soporte do motor e vimos que as táboas estaban totalmente podres, é máis , empurrando por elas só coa man xa casi se vencían.

Metémoslle un corte coa serra circular para aproveitar parte da peza que estaba san.

Ó mediodía chegou Martiño para botar unha man, e cando veu a canteira que fixéramos no barco casi lle da un jamacuco.

Martiño se puxo a rascar os barraganetes para que eu poidese logo pintalos.

Despóis se puxo a traballar nas partes que quedaban sen lixar do carro de varada e logo doulles minio. Xa quedou lista para pintar. Eu xa tiña levado o venres toda a tornillería nova para este asunto.

Mentres Pepe facía a peza nova para a estampa de popa, eu me puxen a encintar e pintar os barraganetes e a parte interior da sorraina. E tamén a darlle outra man ó costado de babor.


Colocamos a peza nova na popa. Moi bo traballo. Pepe sentíuse moi ben, porque ainda que non poidéramos ir traballar á Balbina, deixamos feito un bo traballo na Desexada. Un traballo que había que facer, visto o estado das táboas cando as quitamos.














Antes de irse, Pepe tamén deixou lista a nova peza de reforzo para asentar o soporte do motor. Fíxolle unha molduriña coa tupí.

Xa a última hora da tarde, démoslle unha imprimación á peza nova da popa e logo un pouco de minio por fora e alcatrán pola parte de dentro.







Mentras Martiño remataba de darlle minio ás pezas do carro de varada, eu metinme debaixo do carro da Desexada e me puxen a meterlle os tornillos ó perfil da quilla.

Antes de sair de Lorbé, aproveitei para darlle un pouco de alcatrán ó masteleiro.


Pouco nos queda, e a ver se o vindeiro fin de semán temos rematado todo o calafateo, darlle patente, facerlle o tambucho e botala a inchar para que esté lista para a primeira regata da Copa Balbina.

Palmeirán


domingo, 3 de xuño de 2012

Traballando en todos os frentes

Esta fin de semán estivemos varios Patexeiros en Lorbé traballando en distintas cousas.

O venres pola tarde, Francisco adicóuse a lixar a obra morta de estribor, mentras eu acababa de rascar o interior da parte de popa.


Pepe estivo facendo unha peza para apoiar as taboas do plan no pañol de proa e logo se puxo a ordear o local, xa que cada dia temos máis cousas e se non hai orde xa sabedes o que pasa.

Cando Francisco acabou de lixar ese costado adicóuse a preparar o pequeno carro de varada, cortando coa radial os tornillos que estaban tan oxidados que non había forma de sacalos.

Eu púxenme a aspirar o barco para proceder logo a pintar o interior pola metade do barco, xa que o pañol xa estaba casi listo de outra xornada..

Ó final da tarde chegou Miguel co novo banco para o chinchorro que enfibrou pola semán, e que é o que nos sirve para achegarnos á Balbina.


O sábado empecei eu só a rematar de pintar o interior do barco pola parte de popa.

Pouco despois chegaron Roberto e Silvia que tiñan que facer unha reparación de emerxencia no seu veleiro e de paso achegaríanse a achicar a Balbina porque non a fóramos mirar dende facía un mes, e daquela xa choveu.

Eu continuei pintado ata que a media mañán chegou Fran Vázquez.

En principio quedáramos para ir traballar a bordo da Balbina a colocar as brazolas, pero como xa era algo tarde, non tíñamos os tornillos, e ademáis a Desexada ten que estar lista para a Copa Balbina, quedámonos finalmente a traballar neste barco.

Fran se puxo a rascarlle a patente vella que estaba bastante solta.

Como o traballo de rascar a obra viva e de pintar o interior é bastante incómodo, aproveitamos un pequeno descanso para cambiar de actividade e fixemos un pouco de mixtura para botarlle pola sentina a efectos de eliminar posibles vías de auga.

E chamámoslle mixtura porque dependendo das zonas lle chaman de distintas maneiras: brea, alquitrén, carena, etc... E tamén comprobei que en Lorbé cada mariñeiro lle chamaba de distinta maneira. De rapaz en Palmeira decíamos que iban a "carenar a dorna"

Nós a fixemos con aproximadadmente tres partes de colofonia, parte e media de alcatrán vexetal e un pouco de sebo. Quentámolo ata que quedou homoxéneo, e como non tíñamos un cazo para botalo, improvisamos un cunha lata de cervexa e un pau.















Non nos chegou para sellar toda a sentina, así que teremos que volver a facer outro pouco máis.

Paramos para xantar e Fran tivo que marcharse con urxencia.

Pola tarde rematei de pintar o interior e me puxen a rascar o costado de babor para, a ver se pola semán, podemos ir pintando toda a obra morta.

Pola súa parte, o Comando Subacuático Patexeiro, formado por Jaime e Miguel estiveron preparando unha liña de fondeo en Sada para os barcos da flota.

Refrotaron o Arredemo, que estaba a inchar e localizaron uns mortos que tiñamos perdidos dende os temporais do inverno pasado.

Esta semán deberían quedar todos os mortos operativos para ter os barcos fondeados.

Palmeirán


A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: ospatexeiros@gmail.com ou infórmate na nosa web: www.patexeiros.org