domingo, 10 de xuño de 2012

Desexando rematar A Desexada

Outro fin de semán máis currando no último barco adquirido pola Asociación.

O venres estivemos un numeroso grupo de patexeiros en Lorbé. Achegámonos por alí Pepe, Agustín, Miguel, Francisco e máis eu, Palmeirán.

Miguel trouxo o perfil para a quilla da Desexada e tamén o mastro que o tiñamos no CNRS. E logo se puxo a soldar unhas pletinas de galvanizado, que trouxera eu de Coruña, na porta do local que estaba roída polo óxido.


Francisco e máis eu estivemos rascando a patente vella da parte de babor.

Logo eu me puxen a darlle unha man de pintura ó costado de babor. A nova cor elexida para o barco ten nome propio. PROA, un dos nosos colaboradores, nola grabou como BEIGE PATEXEIROS.

A última hora entre Agustín, Miguel e máis eu levantamos o barco usando un gato de coche e metémoslle o perfil pola quilla. O deixamos asentado para atornillalo ó día seguinte.

E rematamos xa coas operacións pasadas as 10 da noite.

O sábado pola mañán só aparecemos por Lorbé, Pepe e máis eu. Tiñamos pensado ir á Balbina a colocarlle as brazolas pero o tempo amenazaba choiva e decidimos quedar en terra e traballar na Desexada.

En principio só nos ibamos a adicar a calafatear e pintar, pero vendo o estado da popa, decidímonos a  actuar nesa parte.

Desmontamos o soporte do motor e vimos que as táboas estaban totalmente podres, é máis , empurrando por elas só coa man xa casi se vencían.

Metémoslle un corte coa serra circular para aproveitar parte da peza que estaba san.

Ó mediodía chegou Martiño para botar unha man, e cando veu a canteira que fixéramos no barco casi lle da un jamacuco.

Martiño se puxo a rascar os barraganetes para que eu poidese logo pintalos.

Despóis se puxo a traballar nas partes que quedaban sen lixar do carro de varada e logo doulles minio. Xa quedou lista para pintar. Eu xa tiña levado o venres toda a tornillería nova para este asunto.

Mentres Pepe facía a peza nova para a estampa de popa, eu me puxen a encintar e pintar os barraganetes e a parte interior da sorraina. E tamén a darlle outra man ó costado de babor.


Colocamos a peza nova na popa. Moi bo traballo. Pepe sentíuse moi ben, porque ainda que non poidéramos ir traballar á Balbina, deixamos feito un bo traballo na Desexada. Un traballo que había que facer, visto o estado das táboas cando as quitamos.














Antes de irse, Pepe tamén deixou lista a nova peza de reforzo para asentar o soporte do motor. Fíxolle unha molduriña coa tupí.

Xa a última hora da tarde, démoslle unha imprimación á peza nova da popa e logo un pouco de minio por fora e alcatrán pola parte de dentro.







Mentras Martiño remataba de darlle minio ás pezas do carro de varada, eu metinme debaixo do carro da Desexada e me puxen a meterlle os tornillos ó perfil da quilla.

Antes de sair de Lorbé, aproveitei para darlle un pouco de alcatrán ó masteleiro.


Pouco nos queda, e a ver se o vindeiro fin de semán temos rematado todo o calafateo, darlle patente, facerlle o tambucho e botala a inchar para que esté lista para a primeira regata da Copa Balbina.

Palmeirán


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com