martes, 27 de outubro de 2015

Temos un novo Larrán na familia

O noso compañeiro patexeiro Javier o de Betanzos, acaba de conseguir unha nova xoia. Un estupendo Larrán DM-1 que cun pouquiño de traballo poñerá a funcionar coma un reloj dentro de pouco.



 Xa contamos cun Larrán DM-3 na Balbina, e agora este DM-1 do noso compañeiro. Os Patexeiros teñen uns cachiños da historia que siguen vivos.



Onte mesmo o sacou e lle fixo o primeiro arranque, agora hai que poñelo a punto. E tal como é este home, sabemos que o vai deixar perfecto.


Agora fáltanos un DM-2.




domingo, 25 de outubro de 2015

Recollemos os barcos

Esta fin de semán recollemos parte da flota patexeira, dando por rematada a tempada de navegación deste ano.

Se fai unha semán xa subeu A Feituca ó seu lugar de invernaxe en Mera, o sábado tocóulle á Leliadoura, que saeu por estrada rumbo a Lorbé onde lle faremos uns traballiños durante o inverno.


Tamén a dorna Boaventura a sacamos o venres do fondeo para levala ó seu pantalán de amarre.
Aproveitamos para facer unha saidíña a remos ata o pantalán, que como vedes o mar estaba coma un prato e daba gusto remar.


A Betty entrou no taller para ver se desta vai. Esperemos vela navegando na vindeira tempada.


O Arredemo subirá dentro de poucos días.

So nos queda no mar a Lala na Ría do Burgo e A Desexada no seu fondeo de Sada, que esperemos poida navegar algo no inverno.

Como vedes, a flota anda desperdigada por diversos sitios ó chegar o inverno. A ver cando chega o día que os poidamos ver todos xuntos amarradiños.


xoves, 22 de outubro de 2015

Resumo da última regata da Copa Balbina 2015 e entrega de premios.

 O pasado sábado 10 de outubro organizamos en Sada, a última regata da VII Edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela. Este evento daría por pechadas as nosas actividades no mar durante este ano 2015.

As malas previsións do tempo fixeron que non acudira ningún barco de fora. Dende aquí pregamos ós medios de comunicación que cambien as súas previsións meteorológicas por espacios do tarot porque acertan máis ou menos o mesmo.


Ó final tivemos unha tarde estupenda na que so chispeou uns 5 minutos e disfrutamos dun sol estupendo. O vento, iso si, pouco. Só nos dou para facer unha volta da primeira manga.

Únicamente tres barcos da flota patexeira participaron na regata: A Leliadoura con Víctor e Jose, o Arredemo tripulado polos tres tenores, perdón, os tres Javieres (Aguado, Cobelo e Naveira). -Ainda que vista a falta de vento un deles abandoou a regata en marcha para ir a por cervexas-. E A Desexada tripulada por Anuska, Mar, Dolores e o palmeirán.


Tras a decisión dos xuices de dar por finalizada a proba na primeira volta da primeira manga por mor da falta de vento, entraron a Leliadoura de primeira, A Desexada de segunda e o Arredemo de terceiro.

A clasificación final da Copa Balbina non sufreu variacións:


Primeiro clasificado e gañador da VII Copa Balbina, o Abur, de Redes. Segundo clasificado a dorna nai Albatros, de Perbes. Terceiro clasificado o bote Arxil, de Ares.

Una vez rematada a regata fixemos a entrega de trofeos e da Copa no bar Covadanca, acompañados duns estupendos pinchos.

Alí estivo Paco o patrón do Abur, que veu por terra, recollendo o seu trofeo e a Copa Balbina, que terá que custodiar ata a vindeira edición. Iso sí, recordarlle que o habitual é que o gañador da Copa a veña recoller por mar.

Tamén a semper fidelis tripulación da Albatros ca excepción da armadora Marta Santos Rodriguez que desta nos cambiou polo ioga, pero xa sabe que non nos enfadamos con ela.


Botamos de menos nesta última regata a moitos amigos que veñen asiduamente e que desta, uns por mor das previsións meteorolóxicas e outros por estar dando conta das viandas nunha voda, non nos poideron acompañar. Pero recordade que nas festas dos Patexeiros nunca se pasa fame.




Vémonos na VIII edición da Copa, para a que algunhas tripulacións xa están empezando a traballar nos seus barcos.

Relevo na Copa, o patrón da Albatros entrega a Copa Balbina ó patrón do Abur.

luns, 19 de outubro de 2015

Os Patexeiros no Mercado do Mar do Festival Mar de Mares

O último fin de semán de setembro estivemos presentes no Mercado do Mar do Festival Mar de Mares na Coruña.


O Mercado do Mar, que tivo lugar nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña expoñía diversas accións emprendedoras sustentables, relacionadas co mundo do mar, dende artesáns que confeccionaban os seus productos con cunchas, redeiras que fabricaban complementos, artistas que creaban uns fermosos obxectos con crebas, mozas emprendedoras que deseñaban roupa con motivos mariñeiros e técnicas artesáns, empresas que comercializan polbo procedente das rías galegas sen ningún tipo de aditivos e o fan incluso chegar diréctamente ó consumidor, emprendedores do sector das algas, unha empresa que comercializaba a lamprea en diversas formas, e un comercializador de mariscos de calidade  que se está convertendo nun referente proveendo ós mellores restaurantes da zona .



Os Patexeiros tamén estivemos presentes cun stand para concienciar ós asistentes sobre a importacia da preservación do patrimonio marítimo, poñer en valor a carpintaría de ribeira e dar a coñecer as nosas actividades.

No stand, mostrábamos de forma contínua distintos vídeos dos Encontros de embarcacións tradicionais, traballos en carpintarías de ribeira, videos das distintas tipoloxías de embarcacións de Galiza, etc...


Desplazamos ata os xardíns de Méndez Núñez á Leliadoura, a buceta do Norte que construíron os alumnos dos Cursos de carpintaría de ribeira que organizamos. Alí no centro dos xardíns, ca súa nova vela desplegada, a Leliadoura convirtéuse no centro do Mercado do Mar, chamando a atención de centos de persoas que paseaban polos Cantóns e divisaban a súa vela nos xardíns.


Foron centos as persoas que a fotografiaron e se fotografiaron con ela.


Tamén, a carón do noso stand montamos unha pequena zona de xogos para nenos co obxecto de ensinarlles a pescar de maneira sustentable, a recoñecer os peixes e a respetar as tallas. Por ela pasaron tamén centos de rapaces ó longo de todo o fin de semán, e gardaban cola para facerse cunha cana para pescar.


O venres, ademáis tivemos a oportunidade de dar unha charla na carpa central do Mercado, explicándolles ós asistentes que era a FGCMF e qué actividades facíamos Os Patexeiros, aproveitando para facer unha defensa das carpintarías de ribeira que están en vías de extinción se non se cambia a mentalidade dos nosos gobernantes e a maneira de actuar das institucións.





O Festival tivo unha gran afluencia de visitantes ó longo de todo o fin de semán.



Os expositores ofreceron de maneira continuada degustacións dos seus productos, dos que damos fé que eran dunha calidade excelente.

Esperamos estar presentes en vindeiras edicións.


Podedes ver máis fotos deste evento no noso facebook.




venres, 2 de outubro de 2015

RECUPERAMOS A ÚLTIMA REGATA DA COPA BALBINA

O vindeiro sábado día 10 de outubro, pecharemos a tempada de navegación, recuperando a última regata da Copa Balbina deste ano, que tivéramos que aprazar debido ó incendio da nave da Escola de vela do CNRS, colaboradores nosos, e onde tamén tiñamos nós material almacenado.

A regata será coma sempre ás 17:00 fronte á rampa de servizo do CNRS en Sada. Convocatoria ás 16:30 horas.

Ó rematar a regata, entregaranse os trofeos ós tres primeiros clasificados da Copa, agasallos ós participantes e faremos unha merendilla.

No caso de mal tempo, suspenderíase xa definitivamente e daríase por concluída a VII edición da Copa Balbina cas puntuacións actuais, xa que dentro de pouco entrarán as suradas e queremos ter os barcos a bo recaudo.

A ver se temos sorte e a podemos desputar.
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: ospatexeiros@gmail.com ou infórmate na nosa web: www.patexeiros.org