venres, 30 de decembro de 2011

Curso de Carpintaría de ribeira - Aberta inscrición



Ábrese inscrición ata cubrir prazas vacantes para este vindeiro módulo de 50 horas do Curso de Carpintaría de ribeira.

- O cupo, será limitado a 15 asistentes. Actualmente xa hai 6 prazas cubertas por alumnos que continúan doutros módulos.
- As inscricións serán por riguroso orden de chegada ó noso correo patexeiros@hotmail.com 
- Os cursos serán impartidos por carpinteiros de ribeira profesionais.
- Haberá unha pequena parte teórica e moita, pero moita práctica.
- Como obxectivo do curso, continuarase traballando nunha buceta do norte que se empezou en módulos anteriores partindo de plantillas.
- Traballaremos nunha lancha duns 8 metros colocando o forro e cuberta
- Facilitarase material de seguridade ós asistentes: gafas protectoras, guantes, batas.
- Entregarase a cada asistente material teórico en soporte dixital.
- As xornadas do curso desenrolaranse os sábados dende as 16:00 horas. Prégase puntualidade.
- En cada xornada haberá un pequeno descanso de 15 minutos para mollar a palleta.
- Ó finalizar os módulos daranse uns diplomas acreditativos ós asistentes.


PREZOS
                                          MÓDULO 50 HORAS     
SOCIOS PATEXEIROS                      100    €                                      
SOCIOS C.N.R.S.  *                           120    €                                      
NON SOCIOS.                                    150    €                                     


O PAGO DA INSCRIPCIÓN  REALIZARASE COMO MOI TARDE O MESMO DÍA DE COMENZO DO CURSO.

INSCRICIÓNS E INFORMACIÓN ADICIONAL A TRAVESO DO NOSO CORREO : patexeiros@hotmail.com 


                 ¡¡¡ QUEDA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN !!! 

* Socios do Club Náutico Recreativo de Sada. Comprobarase a súa condición de socio.

mércores, 28 de decembro de 2011

OS PATEXEIROS CONSTRUIRÁN UNHA GOLETA DE DOUS PAUS


Tras o barapau que supuxo que Portos de Galicia cancelase a construcción da goleta nun asteleiro galego por falta de presuposto, a carpintaría de ribeira en Galicia quedou doente.

Os Patexeiros, no seu afán de promover a cultura marítima e fomentar o oficio dos carpinteiros de ribeira, xa acreditado cos numerosos cursos de carpintaría de ribeira, que vimos desenvolvendo nos últimos anos, decidimos embarcarnos nun proxecto de embergadura.

Entramos en conversas cun amigo noso, enxeñeiro naval e deseñador, que nos fixo o deseño e o proxecto completo sen ter que desembolsar nin un so euro. A idea é construir unha goleta de 2 paus, de 25 metros de eslora e 6,5 de manga e casi 3 metros de calado, cunha fasquia similar á goleta América, que como sabedes foi a que dou nome á prestixiosa Copa América.

A goleta aparellará duas cangrexas con escandalosas, foque e trinqueta, e da confección das velas se encargará unha empresa galega. Levará un sistema novidoso para manobrar as escandalosas. Este sistema, totalmente mecánico e con engranaxes en madeira de guayacán, foi ideado por un dos cerebros da Asociación, e permitirá facer as manobras cun mínimo de tripulación.

Por suposto unha parte dos socios estaba en contra de levar ó cabo este proxecto, xa que algo así esixe un presuposto moi, pero que moi elevado, pero o ímpetu dun grupo de socios optimistas impúxose e aprobóuse levalo adiante sempre e cando se conseguira polo menos un 90% da súa financiación.

Despóis de presentar o proxecto en ducias de sitios, tanto oficiais como privados, por fin, unha empresa galega con presencia en máis de 70 países, accedeu a financiar case que a totalidade do proxecto, a cambio de que a goleta leve as súas velas estampadas co logo da empresa ou das marcas que son propiedade da empresa, durante un prazo de 15 anos.

Como sempre, saíron voces críticas decindo que eso sería moi “charramangueiro”, ou que era unha utilización mercantilista da Asociación, pero tras escoitar os argumentos de que o principal era defender á carpintaría de ribeira e que o proxecto xerase cartos no país, todos estiveron de acordo.

A goleta utilizarase para fins ecoloxistas, na preservación das artes de pesca tradicionais, a defensa do litoral costeiro, a conservación das especies mariñas, e loitará contra os vertidos clandestinos nas rías, entre outras funcións medioambientais.

Virá así a actuar a modo de outra famosa goleta, o Rainbow Warrior II.

A goleta tamén estará presente en todas as regatas da Copa Balbina de vela tradicional ainda que está previsto que non compita nela directamente, pero si se desputarán unha serie de desafíos a dous contra barcos cunha superficie vélica similar á da futura goleta, entre eles o Osorio, gañador de varias edicións da Copa Balbina.

O asteleiro no que se construirá ainda non está determinado pero tendo en conta a recente ampliación das instalacións, que fixo Pepe no Asteleiro de Lorbé, e a relación que o une cos Patexeiros, ó longo destes anos de realización dos cursos de carpintaría e das reparacións nos barcos da flota, posíblemente se lle adxudique finalmente a construcción, que comenzaría o vindeiro verán.

O que nos queda pendente neste momento é a elección do nome que lucirá a goleta. Un sector dos Patexeiros apoiaba o nome de Artabria, outro a quería chamar Balbina II, e outros nomes que soaron foron Esperanza, Marola, Ardentía, Lua de Lorbé. Como non houbo quorum, decidimos que se faría un concurso a traveso da web para que a xente vote o nome que levará a goleta

Non vos podemos mostrar os planos neste intre porque se están facendo unhas modificacións de última hora, pero si vos presentamos o que foi un dos primeiros bocetos do deseñador.

Estade atento á nosa páxina porque en pouco tempo teredes máis novidades sobre este proxecto.




mércores, 21 de decembro de 2011

Bo Nadal


Os Patexeiros desexámosvos que pasedes un Bo Nadal e que naveguedes sempre con bo rumbo.

domingo, 18 de decembro de 2011

Curso de Carpintaría - Seguimos coas cadernas

Onte sábado continuamos armando as cadernas restantes.

Fixemos varios grupos, uns cortaban as pezas que faltaban, outros estaban ensamblándoas a un lado do taboleiro mentres outro grupo empezaban a marcar outra caderna, outros remataban as que estaban ensambladas, todo o persoal ocupado.

Tamén aproveitamos para darlles unha imprimación de fondo de cara ó parón do Nadal.


Ó conxunto roda-quilla-codaste aplicámoslle unha man dunha mezcla ó 50% a base de alquitrán vexetal e un lasur cor roble. A ver se conseguimos, ademáis de protexela, que a madeira non se retorza.

As cadernas levan o mesmo tratamento.

Como era o último día antes das vacacións de Nadal, aproveitamos para facer un brindis pola carpintaría de ribeira e meter uns polvoróns no corpo.



Por outra banda, a lancha de Pepe xa ten colocado o trancanil, en iroko. Está quedando moi bonita.
















Palmeirán

mércores, 14 de decembro de 2011

CONFLICTO FGCMF - CONCELLO DE VILAGARCIA

Xa sabedes que sempre procuramos non solapar as novas no blogue, intentando que permanezan polo menos unha semán en primeira páxina, pero neste caso, a petición da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, da que tamén somos membros, publicamos estas novas sobre o conflicto que hai entre a Federación e o Concello de Vilagarcía dende que éste último se negou a facerse cargo da débeda contraída ca Federación dende o pasado Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en Carril - Vilagarcía este verán.

Enviamonsvos as declaracións do Alcalde de Vilagarcía na Voz e en Diario de Arousa relacionadas coa débeda que o Concello ten co X Encontro

http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/12/13/0003_201112A13C5994.htm


El Concello no asumirá el déficit de los Encontros Tradicionais de Carril
(Diario de Arousa 13-12-2011)
Redacción > Vilagarcía El alcalde, Tomás Fole, dejó claro ayer que el Concello de Vilagarcía no está dispuesto a asumir el déficit de los Encontros Tradicionais de Carril, que mantiene abierto un conflicto entre la administración local y la Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, cuyos representantes apelan a un acuerdo verbal con exconcejales para reclamar el pago de 21.000 euros.
El regidor local recordó ayer que el evento contó con organizadores, colaboradores y patrocinadores y discrepó, por tanto, en que tenga que ser únicamente el Concello de Vilagarcía el que asuma el déficit de la organización de estos encuentros. En cuanto a las críticas vertidas desde la Federación en referencia a la escasa colaboración de la administración local con el evento, Tomás Fole puntualizó que recurrieron a todos los departamentos para conocer el alcance del apoyo prestado por el anterior gobierno local y que ya le enviaron una lista con los datos recabados. En este sentido, Fole destacó las dos subvenciones de 20.000 y 70.000 euros que Ravella entregó a Rompetimóns, un colectivo implicado también en estos Encontros para la construcción de una goleta. El alcalde incidió en que si no se hubiesen entregado esas cantidades para un barco que “finalmente no pudo ir al mar”, el Concello tendría “otra disponibilidad de fondos”. A la lista de colaboraciones añadió los 6.000 euros que se gastaron en la edición de un disco presentado en Vilaxoán en el marco de este encuentro. Con estas cifras, el regidor local quiso “que las cosas queden claras”.
Al respecto de este escrito del Concello, Fole ya conocía la respuesta de la Federación y es que desde el colectivo ya mostraron su desacuerdo. El alcalde está dispuesto a “llegar a entendimiento” pero aclaró que “es difícil asumir ese déficit”. 

Para ter máis información sobre este conflicto, e ver os antecedentes, vos invitamos a que entredes na páxina da FGCMF donde se dá conta disto, e dónde podedes ver os documentos orixinais que remitiron tanto o Concello de Vilagarcía, como a resposta da Federación ó citado escrito.



Xulguen vostedes, avispados lectores, á vista do que se dí nos mesmos.
            O alcalde de Vilagarcía inaugurando o X Encontro - Carril-2011. Foto de Olga                                                   do Blog da A.C.D. Dorna

Dende as filas Patexeiras esperamos que ainda quede algo de "sentidiño" neste mundo e se solucione este problema de boas maneiras canto antes, xa que senón está en perigo a celebración de vindeiros Encontros de embarcacións tradicionais de Galicia.


luns, 12 de decembro de 2011

Nova xornada do Curso de Carpintaría

Nesta xornada adicámonos a traballar en casi a totalidade das cadernas que nos faltaban por rematar.

Mentras uns nos poñíamos a darlle os remates (igualalas co bastrén, lixalas, etc...) ás que quedaron armadas da xornada anterior, outros iban armando novas cadernas.

E o resto do grupo preparaba as que quedaran despezadas da xornada anterior, pasándoas pola cepilladora, e pola regruesadora, para logo proceder a perfilalas na serra de cinta.

A ver se para a vindeira semán xa podemos armar algunha sobre o armazón roda-quilla-codaste.

Por outra banda os traballos na lancha de 8 metros de Pepe xa van moi adiantados. Xa ten todos os baos botados, e en poucos días empezarase co forro e coa cuberta.


luns, 5 de decembro de 2011

O Museo Etnográfico de Artes (Ribeira - A Coruña)

A uns 3 Kms do centro de Ribeira, pola estrada que vai ó mítico cabo de Corrubedo, atópase a parroquia de Artes.

Este pequeno núcleo de menos de 1000 habitantes, pode ser que teña un grande record. Poderíamos decir que é unha das parroquias máis cultas do mundo, xa que nos seus escasos 6,3 Kms cadrados de superficie alberga dous interesantísimos museos.

Por un lado está o Museo do Grabado e a Estampa, moi cerca da igrexa parroquial, e pola outra banda da estrada xeral, no lugar de Sego, atópase o Museo Etnográfico de Artes , que será o que ocupe hoxe un espacio na noxa páxina.

Este pequeno, pero interesante museo, creado pola iniciativa dos veciños, ocupa os baixos do Centro Cultural e Recreativo de Artes, e seguramente sexa un dos grandes descoñecidos para a poboación. Fixen unha pequena enquisa entre amigos e coñecidos da zona e uns me decían que oíran falar del pero que nunca foran, e outros nen sequera sabían da súa existencia. Incluso lle preguntei á señora do bar do Centro Cultural e me comentou que era moito máis visitado por xente de fora que por xente dos arredores.

Pois ben, ¿e por qué traemos hoxe á páxina dos Patexeiros a este museo?. Pois porque ten nunha das súas salas unha moi boa mostra do noso patrimonio marítimo.
















Aparte de albergar unha boa colección de artes de pesca tradicionais (nasas, rañas, cotelos, poteras, etc...) ten varias maquetas do proceso constructivo dunha dorna, e unha fenomenal colección de motores mariños, a grande maioría construído por talleres da zona e de toda Galicia.


Entre estas maravillas podemos atopar un par de motores AYON, que como a maioría de vós sabedes, facíanse en Noia (A Coruña),



 Nas fotos vedes dous motores Ayon de tres cilindros con prequecemento por mecha, como o noso Larrán da Balbina


Tamén podemos ver os famosos HMR feitos en Ribeira, nos talleres El Nervión, que como moitos ainda recordaredes atopábanse moi cerquiña do edificio do Concello.


Nestas fotos podedes ver dous modelos de motores, de dous e de catro cilindros fabricados neses famosos talleres, ámbos tamén con prequecemento por mecha,


Tamén atopamos un modelo de motor Lores, fabricado no Grove.


E como non, tamén teñen un Pazó.

Ademáis podedes ver varios motores usados como motobomba e outras moitas cousas curiosas, polo que vos recomendo visitedes este pequeno e interesante museo.


Vendo o potencial que tivo a industria da motorización naval en Galicia, é moi difícil de entender como ningún destes fabricantes locais logrou subsistir ata os nosos días.

Preguntéille a un veciño e amigo, gran entendido neste campo, que axudou a restaurar varios dos motores que vedes nestas fotos, sobre esta cuestión, e a conclusión á que chegou foi que eses empresarios tiveron que loitar en anos moi duros, donde á escaseza de materiais de boa calidade para forxar os motores se unía o pouco que se investía no desenrolo de nova tecnoloxía.

Moitos deses motores foron fabricados a base de fundir restos de chatarra dos desguaces e de barcos afundidos e embarrancados.

Non se chegou a unha estandarización das pezas e das medidas, cada fabricante optaba polas súas, e iso limitaba a dispoñibilidade de repostos.

Coa chegada dos grandes fabricantes exteriores, como Caterpillar e outros, con motores feitos con aceiros de moi boa calidades, pezas de medidas estandarizadas internacionalmente, os motores locais se viron abocados á desaparición.

Ben poidemos ser unha potencia, pero....pasóunos como á industria motociclista española.

Por último, e facendo gala de embaixador da zona, e aproveitando a visita que fagades ó museo recordade que, a menos de 800 metros tedes o outro famoso museo do Grabado, que vos dixen anteriormente, a 3 Kms tedes o Parque Natural das Lagoas de Carregal e Vixan, as dunas de Olveira, a 4 Kms o faro de Corrubedo, a 3 Kms o Dolmen de Axeitos, a 5 Kms. podedes visitar o porto de Palmeira, un dos máis antíguos do Concello e ónde ainda a embarcación predominante é a dorna, a uns 5 Kms tamén tedes as poboacións de Aguiño e Castiñeiras donde podedes aproveitar e visitar a carpintaría de ribeira de Domingo Ayaso, e logo a 7 Kms de Artes podedes subir ó mirador da Curotiña e contemplar toda a Ría de Arousa cunha vista que abarca dende Fisterra ata o monte de Santa Tegra, e dende donde poderedes ver, se tedes un bo día, a totalidade do Parque Nacional das Illas Atlánticas, dende Cortegada, pasando por Ons, ata as Cíes en Vigo e Sálvora, Vionta e Noro.pechando a Ria de Arousa.

(Disculpade a calidade das fotos, pois foron quitadas co teléfono?
Palmeirán.
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: ospatexeiros@gmail.com ou infórmate na nosa web: www.patexeiros.org