luns, 30 de abril de 2012

Como sempre, traballando.

Este venres alá nos fomos a Lorbé, Francisco e máis eu para facer varios traballiños.

Primeiro fomos buscar un pequeno carro de varada, para barcos de pouco porte, que tiñamos gardado nun galpón a uns kilómetros do noso local.

Francisco estivo desenferruxándoo coa rebarbadora e o cepillo de arame, afloxando os tornillos e tuercas con aceite para poder desmontar todas as partes móbiles. Unha vez quitada parte do oxido vese en bastante bó estado.


Agora temos que acabar de quitarlle o que lle queda, pintalo, sustituir parte da tornillería e meterlle un par de rodas novas, que as que ten están deformadas..

Así, xa nos servirá para traballar nos barcos máis pequenos da flota. Outro aparello máis ó servicio dos socios patexeiros.

Pola miña parte, continuei rascando e pintando o resto do enxaretado da Desexada, acabando dúas parrillas máis. Só queda unha, que xa deixei rascada e tratada co alcatrán.

En canto poda, a ver se remato de rascala por dentro para poder seguir traballando e a temos lista para empezar a finais de maio a navegar con ela.

O sábado acheguéime a Ribeira a ver a saída dunha das regatas de primaveira dos amigos do Lajareu por Barlovento e tiréille unhas fotos a unhas dorniñas moi bonitas que lle estaban dando o alcatrán.

Que bonito queda este mexunxe nas cubertas.

Palmeirán

mércores, 25 de abril de 2012

Vela latina en Menorca e Moçambique

Como o mar non está para navegar estes días, púxenme a navegar pola rede,  explorando a fondo varias páxinas que xa tiña visitado antes moi por encima.

Cheguei a dos Amics de la Mar de Menorca, unha asociación menorquina que ten a súa sede no edificio da antigua comandancia de mariña de Ciutadella de Menorca, e que tiven o pracer de visitar este pasado verán cando estiven de vacacións pola illa.

Para os que ainda non decidíchedes o destino das vosas vacacións, e se a crise volo permite, recoméndovos que visitedes Menorca, un sitio moi tranquilo, cunhas das mellores praias do mundo (esas si que non se pode decir que sexan moi tranquilas), cun patrimonio marítimo ainda bastante extenso, cunha xente cojonuda e con moito mar por todas partes.

Vede unhas cantas imaxes da illa para abrir o apetito.

 Llauds no porto de Fornells

Unha téquina a punto de perderse para sempre

Llauds amarrados en pantaláns de baixo custe. ¡Con esas maréas así calqueira!

 Os Amics de la Mar de Menorca recuperaron entre outros, un antiguo llaud chamado Besitos, que teñen amarrado xusto no mesmo edificio da súa sede.

Editaron un libro moi bó, que vos recomendo a todos aqueles que sintades interese ou curiosidade pola navegación con vela latina. O libro ten por título Introducció a la práctica de la Vela Llatina, está escrito por Cristófol Al-lés, e está en catalá, pero para nós, os galegos, non representa moito problema entendelo pola proximidade coa nosa lingua. De feito eu leíno casi todo sen problemas no viaxe de volta.

O libro ten gran cantidade de estupendos gráficos, debuxos e fotos dos barcos e das manobras. E era moi barato. Se non recordo mal custaba 10 euros. Un módico prezo para unha fenomenal publicación.

Pois ben, falando co presidente me comentaba o traballo que facían e os problemas cos que se atopaban, que como podedes imaxinar son os mesmos que temos os desta outra banda.

Na súa páxina, que vos recomendo navegar por ela a fondo, ver as entradas antiguas, ver os estupendos documentais do programa Thalassa que teñen, etc...

Pois iso, volvendo á súa páxina, atopei unha reseña a unha regata de barcos de vela latina que se fai en Moçambique todo-los anos alá polo San Xoan. Cheguei a ver máis información sobre ela a traveso da páxina de Fundación Ibo.
 Foto descargada da páxina dos Amics de la Mar de Menorca

Hai que ver que tremendos trapos se gastan por aquelas latitudes. Lástima dunha desas para a Balbina.

 Foto descargada da páxina da Fundación Ibo

Veña, a ver se mellora o tempo, rematamos de arranxar os barcos e podemos empezar a navegar por outros mares que non sexan este de Internet.

Palmeirán

domingo, 22 de abril de 2012

Formación, cursiño e Desexada

Este fin de semán dou para moito nas filas patexeiras.

Se o venres pola tarde achiquei a Desexada, e fun xunto con Francisco achicar e baldear a Balbina , o sábado tamén foi un día moi completo.

Pola mañán, dous patexeiros, Martiño e Palmeirán, asistimos en Sada ás Xornadas de seguridade no mar ANAVRE e Salvamento Marítimo. Alí nos atopamos con outros amigos como Mini e Arturo, do Clube do Mar de Ferrol, e con Ángel, un dos alumnos do curso de carpintaría.

Varios ponentes falaron da seguridade no mar, de como traballa Salvamento Marítimo e con que medios conta, a Cruz Vermella dóunos unhas rápidas nocións de primeiros auxilios no mar, e náutica Vidal Sande fíxónos unha presentación-demostración dos medios de seguridade pasiva, chalecos, traxes, balsas, cos que deberíamos contar sempre. É moitas veces non o facemos.

Ó final da mañán a Cruz Vermella fixo un simulacro de rescate no mar de tres náufragos voluntarios, con desplegue de balsas de apertura automática, lanzamento de botes de fume e bengalas.


Para rematar tivemos a oportunidade de visitar un dos barcos de Salvamento Marítimo da Xunta de Galicia. A verdade e que quedei impresionado coa tecnoloxia electrónica que leva a bordo e ca impecable sala de máquinas. Non puden facer fotos daqueles dous impresionantes motores Caterpillar, cromados e impecables porque se me acabou a batería da cámara, pero impresionante é a palabra para definilos.

Ó mediodía dirixinme cara a Lorbé para traballar un pouco na Desexada. Pensando que iba a seguir chovendo, empecei a pintar o empanetado que xa estaba rascado.

Logo, sobre as 5, chegaría Miguel Marta e estivo lixando o resto das parrillas do empanetado.


Sobre as 6 da tarde levámoslle o picnic ós alumnos do cursiño de carpintaría, que estaban facendo o trancanil da banda de babor cara á popa.

E fómonos cedo por compromisos familiares.

Outro día, máis.

Palmeirán



luns, 16 de abril de 2012

Sobre o cursiño e outras cousas

O pasado venres alá me fun cara Lorbé coa intención de intentar achicar a Balbina das últimas choivas e baldear a cuberta coa auga do mar que tanto ben lle fai.

Nada máis chegar ó local patexeiro, duas cousas me fixeron desistir de tal menester.

Por unha parte non se atopaba alí a neumática de Roberto, coa que pensaba ir ata a Balbina, pois a tiña amarrada no fondeo do seu veleiro, e o noso chinchorro segue sen ter reparada a roda, co que acarrexala ata a rampa por unha persoa sóa é tarefa imposible.

Aparte diso empezou a caer todo o que non choveu nestes meses e xa non parou en todo o día. Así que me puxen a traballar no local patexeiro, barrendo, limpando e ordeando a parte de abaixo.

Logo fun cumprir con outra obriga patexeira acudindo á invitación que nos fixeron os amigos da A.C.Suárez Picallo, con motivo da presentación do número 4 da Revista Cultural de Sada, AREAL, adicada neste número a Isaac Díaz Pardo.

A presentación empezou cunha emotiva homenaxe a Isaac. Entregóuselle un ramo de flores a Mimina, a súa compañeira, que estaba presente no acto. Interviron o Presidente da Asociación, o vicepresidente, que presentou a revista e posteriormente falaron José María Monterroso e Felipe Senén que coa súa intervención despertou moitos aplausos do público asistente.

O acto finalizou cunha grande actuación da fenomenal Tombalobos Orquestra, que fixeron que o público participara na grande parte das pezas que interpretaron, algunas delas moi mariñeiras como aquela de "No mar unha dorna", que vos poño aquí neste enlace ó Tube doutra actuación distinta a ésta porque sei que ós das Rias Baixas vos vai gustar.

E para rematar a A.C.Suárez Picallo repartiu entre os asistentes exemplares da revista Areal, financiada coa colaboura de moitos negocios de Sada.

O sábado pola mañán volvín cara Lorbe para intentar de novo achicar a Balbina e intentar traballar algo na Desexada e no local.

A choiva, de novo impedíume facer as dúas primeiras cousas polo que me puxen a traballar no altillo, ordeándoo, colocando estanterías, e colocando as primeiras pezas do Museo Patexeiro.

Esta pequena colección está formada por pezas que atopamos dentro da Balbina, así como ferramenta doada por diversas persoas, entre elas o Sr. José Luis Lino, recoñecido carpinteiro de ribeira en Sada e tamén na outra beira do Atlántico.

O aspecto co que quedou o altillo ó final da mañán era máis ou menos éste que reflexa a imaxe panorámica.


Ó mediodia estiven rascando a pintura vella do empanetado da Desexada e dándolle unha man de alcatrán antes de pintalo para que queden ben protexidas.

Pola tarde acudín a darlle a benvida ós alumnos do Curso de Carpintaría, xa que había algúns que empezaban hoxe, e alí me quedei con eles ata media tarde xa que a choiva seguía sen deixar facer outras cousas.
 
Ainda así aproiveitei as pequenas paradas que había sen choiva para achicar a Desexada que quedara descuberta, e baldeala con auga do mar.

Cando estivo toda ben baldeadiña tapéina coa lona para que non a castigue moito a choiva e o vento, ata o vindeiro fin de semán, que a ver, se o tempo o permite, intentaremos darlle un empuxón ós traballos.


No curso de carpintaría os alumnos remataron de colocar o trancanil de babor e deixárono cravado.

Tamén frasquiaron, fixeron, colocaron e cravaron o de estribor.


Estas operacións foron feitas casi totalmente polos alumnos, limitándose o mestre prácticamente a darlle instruccións.

Para os dous novos alumnos, ísto sonáballes a chinés, pero bueno, se souberan a de veces que os antiguos alumnos tiveron que repetir as operacións ata asimilalas, quedaríanse algo máis tranquilos.

A carpintaría de ribeira precisa de moita práctica, práctica e práctica.

Hoxe os alumnos foron decantándose por unha ferramenta cada un.

Mentres Moncho escolleu a rebarbadora para conformar os barraganetes, Jorge se decantaba pola serra de cinta para cortar as táboas, Fernando pola caladora para abrir o sitio para meter os barraganetes, Xulio pola trencha para rematalos, e Ángel polo metro, o lápis e o martelo, para as operacións de medición e de cravado.

Antón e José Manuel, os novos alumnos, foron tímidos á hora de coller ferramentas, xa que necesitaban absorver moitos coñecementos primeiro. Participaron nunha sesión rápida de afiado de ferramenta que lles dou Pepe e ó final da tarde, algún deles xa se animou a tomar medidas e marcar.

Outro día, máis.

Palmeirán


martes, 10 de abril de 2012

Prolongación do Curso de Carpintaría


A petición de varios dos alumnos da 3ª edición, imos a prolongar durante 4 xornadas máis o Curso de Carpintaría de ribeira.

Comunicámovolo por se algún dos alumnos de outros módulos ou edicións anteriores estades interesados en participar nesta prolongación.

Como sabedes, ó longo das xornadas pasadas estivemos construindo unha buceta do norte, e agora mesmo faltan por realizar as operacións de colocación de trancanil e sorraina, botar a cuberta e colocar as tracas do forro, colocación de fogonadura, tinteiro, etc.

Esta prolongación sería interesante para todos aqueles que non tivérades a oportunidade de ver estes procedementos no voso módulo correspondente.

Como se trata dunha prolongación fora de programa, a nosa idea era facelo o máis económico posible para vós, pero de forma que cubra gastos. Polo tanto o prezo final dependerá do número de asistentes

Os prezos que se estarían baraxando serían:

- De 6 a 8 asistentes: 45 euros por persoa
- De 9 a 11 asistentes: 40 euros por persoa
- De 12 a 14 asistentes: 35 euros por persoa
- De 15 a 17 asistentes: 30 euros por persoa


As xornadas de cursiño serían: 14 e 21 de abril -------- 5 e 12 de maio . Temos que saltarnos o 28 de abril por non estar o mestre dispoñible esa data.

O horario sería o de sempre: os sábados de 4 a 8 1/2 da tarde, cun descanso de 15-20 minutos.

Tamén, como se trata dunha prolongación e a un custe reducido, non se proveerá de material ós alumnos (gafas, guantes, etc...) a non ser que teñamos excedentes doutras edicións. Por tanto, traede os das edicións anteriores. Do que si dispoñemos é de batas brancas de traballo para que non vos enlixedes moito.

Intentaremos manter o picnic co que vos solemos deleitar no descanso, que non chegarán a tanto os recortes.

Por favor, confirmade a vosa inscrición antes do venres 13 de abril.


Non se poderá levar a cabo a prolongación con menos de 6 asistentes xa que non cubriría gastos mínimos.

Gracias a todos.

luns, 9 de abril de 2012

Paseo pola Ría de Arousa

Ó longo destes días, fixen un descanso no traballo dos barcos da Asociación e alá me fun ca familia para a miña terra.

E aproveitei para pasar un día dando unha voltiña pola outra banda da Ría de Arousa, aquela que me queda xusto enfrente e de paso seguir disfrutando do noso rico patrimonio marítimo en compaña da familia.

O xoves pola tarde xa empecei dando unha camiñata pola praia da Corna ata a punta de Cabío. Alí ainda queda algunha gameliña esperando na praia o aluvión de bañistas que dentro de pouco invadirán esa fermosa praia.

Como moitos sabedes, na entrada da praia de Cabío hai unha dorniña no mesmo paseo, para recordarnos a todos que aquilo foi mar de dornas, pero parece ser que ás autoridades non lles importa moito porque a dorna atópase nun estado lamentable coa cuberta rota, bancos rotos e as primeiras do plan desfondadas. A ver se alguén o remedia para este verán, porque xa que unha dorna non se merece estar enrriba dunha beirarrúa, polo menos se ten que estar, que esté o máis digna posible que lle deron de comer a moita xente.

O venres empezamos a ruta visitando Rianxo. Alí poidemos contemplar a lancha Xeiteira, que senón recordo mal construíra a Escola Obradoiro de Rianxo. Lucía así de pintadiña rodeada dun mar de arjasos.


Seguindo polo porto de Rianxo atopéime, nos Asteleiros Catoira, co galeón Illa de Cortegada dos amigos Rompetimóns, que debe estar alí para facer algún traballiño.
















Continuamos a estrada que vai de Rianxo a Catoira por Isorna e un pouco antes da ponte de Catoira, se poden ver á dereita varios restos de gameliñas no fango.

Pasando pola ponte de Catoira podemos ver o que máis chama a atención da pequena da casa, as tres réplicas de barcos vikingos que participan na famosa romaría vikinga. Recordade que unha delas estivo presente no X Encontro de Carril.

Collemos todas as estradas máis próximas á costa posibles e imos pasando polo pobo de Catoira, por Carril coa fermosa Illa de Cortegada á nosa dereita. Atravesamos Vilagarcía pola zona portuaria e dirixímonos cara a Vilaxóan todo pola costa, polos depósitos do Ferrazo, sen facerlle caso ós sinais que nos aconsellan coller outra estrada máis rápida.

O porto de Vilaxoán deixóume impresionado pola cantidade de barcos bateeiros que ten amarrados. Debeu de coincidir que nunca os vira a todos amarrados nun día de festa, pero estaba o porto petado deles.

Continuámos sempre á beira do mar cara a Vilanova, pasámos pola praia das Sinas e sen parar atravesamos Vilanova  e collemos a ponte que nos levaría á Illa de Arousa.

Nada máis chegar á Illa estivemos no porto de Cabodeiro e como xa era hora de xantar tiramos cara ó porto do Xufre que malo sería que alí non se comera ben.



No porto e arredores poidemos ver que a materia prima da maioría dos barcos amarrados e fondeados era a madeira. Así que para aqueles que pensan que a madeira está "out" e a fibra "in" recoméndolles que se pasen polo porto do Xufre para que polo menos se replantexen a súa opinión.


Tamén poidemos ver o galeón Komaira, restaurado polos veciños da Illa.

Despóis de xantar, a base de productos do mar, polbo á feira, chipiróns e uns rapantiños (non foi por estar de vixilia de venres Santo senón porque estando rodeados de mar por todas partes parecéunos máis axeitado que pedir un chuletón), empezou a chover e xa non parou en todo o día.

Acheguéime a sacarlle unhas fotos ó Rei do Mar que estaba amarrado ó muelle. ¡¡¡Que fermoso que está quedando!!!.


Demos unha volta polo centro, moi cambiado dende a última vez que pasei por aquí. O "remexido urbanístico" tamén atacou á Illa.

Da pena ver o poderío que tiveron as industrias do mar na Ría de Arousa e como pecharon moitas das fábricas conserveiras e de salazón nas últimas décadas.















Algunhas mantéñense en pé por ter hoxe novas utilidades, como museo, por exemplo, e doutras xa non queda más ca as chemineas.

Para empezar o peche da visita á Illa démoslle a volta empezando pola parte norte dónde se atopa o Faro, que polo que se vé está convertido nun bar.


Cerca do faro ainda se poden contemplar estampas tan fermosas como ésta que vedes a continuación, dignas de editar unha postal. ¡E que A Illa é moi fermosa, ainda!
.

Xusto por un camiño que hai ó lado podedes ver tamén a laxe da Escorregadoira. Unha laxe que se aprecia perfectamente dende o outro lado da Ría.


Seguimos bordeando a Illa e pasamos polo Instituto de formación en Acuicultura, que ainda que o seu arquitecto non lle dese tanta altura non se perdía nada.

E chegamos á zona dónde está o campo de fútbol e tamén a nova depuradora (EDAR, como lles chaman agora), e volvo a constatar que ós arquitectos moito lles gusta a altura. ¿terán algún complexo?

A piques de abandoar a Illa achegámonos ó parque natural do Carreirón a dar un paseo. Gustóume moito o cartel que hai á entrada.


Para que non queden dúbidas do que se pode coller ou non.

E antes de sair pola ponte tamén pasamos polo Bao, a ver se víamos algunha dorniña fondeada, pero ainda están todas gardadiñas en terra.





Un bonito e didáctico día que só nos fastidiou un pouquiño a choiva e o frío, pero como chover ten que chover que fai moita falta, non vamos a queixarnos diso.


Palmeirán

luns, 2 de abril de 2012

Actividades do sábado

Unha vez temos á Balbina no mar, e ainda que non está rematada, ímonos a relaxar un pouco que este traballo non é alimento.

O sábado pola tarde Fran Vázquez e máis eu estivemos traballando na Desexada.

Continuamos reparando a cuberta, que tiña partes bastante deterioradas. Fran botóulle este remendiño que vedes a estribor e colocou un par de xunquillos.

Eu cambiéi esas táboas que vedes xusto na proa, enmasillei e dinlle o mexunxe para que quedase o máis protexida posible xa que estaba madeira á vista.

 Ó final da tarde presentaba este aspecto.















O Comandante Martiño, achegóuse tamén a Lorbé a traernos brea e sebo para calafatear. En breve nos poñeremos con esta encanisada.

Mentras, a poucos metros de nós, os alumnos do Curso de Carpintaría estaban no seu último día de cursiño.

Nesta xornada tocóulles frasquiar e colocar unha parte do trancanil de babor.

Tempo lles levou porque casi o fixeron eles sós. O mestre, Pepe, estaba un pouco fastidiado da espalda e non podía facer esforzos.

Neste último día de cursiño, o noso amigo Ángel, deleitóunos cun dos seus famosos licores, e desta vez tocóulle ó de laranxa.

Como os rapaces quedaron con mono de traballar na madeira, pedíronnos continuar un pouco máis para ver que procedementos lle faltan para rematar a buceta.

Falamos co mestre, e estaba conforme, así que se vai a levar adiante a ampliación de catro xornadas máis do cursiño.


Nuns días sacaremos o anuncio para saber se algunha persoa máis estaría interesada en asistir, sobre todo orientado os alumnos do primeiro módulo ou de cursos anteriores, que non chegaron a ver estes procedementos.

Manterémosvos informados.

Palmeirán
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: ospatexeiros@gmail.com ou infórmate na nosa web: www.patexeiros.org