domingo, 25 de setembro de 2016

Rematou a VIII edición da Copa Balbina

Onte sábado, a pesares deses ventos de 25 e 30 nós que nos pronosticaban todos os partes meteorolóxicos para a tarde do sábado,  celebramos a última regata da VIII edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela.
 


Adiantamos a regata ás 16:30 porque nos daban moita auga a partires das 20:00 horas.

Moitos patróns estaban indecisos de sair ou non, pero como a esa hora non sopraba forte vento, o noso anemómetro daba 9 nós, os máis atrevidos dixeron "saímos!!!" e alá foron todos os demáis detrás.

De Ares achegóuse o María Jesús con tres tripulantes, que eses sí que colleron a surada na travesía e nos dixeron que nunca paparan tantos salseiros.

De Perbes, coma sempre, chova, vente, neve ou faga un calor sahariano, chegou a dorna nai Albatros, ca súa tripulación habitual.

Por parte dos Patexeiros saíron as habituais A Desexada, A Feituca, Boaventura, Leliadoura e estrenóuse a Rabuda, a nova dorna da flota patexeira.

Como foi habitual esta tempada, a regata se fixo a dúas mangas de dúas voltas a un triángulo.

Na saída da primeira manga, Boaventura, A Desexada e Albatros colleron un pouco de ventaxa sobre os demáis, o vento rolaba contínuamente e había que andar buscándoo a cada momento.


Albatros empezou a remontar e enseguida dou caza á Desexada.

A Rabuda sorprendeu a toda a flota pola súa lixereza, remontaba posicións con facilidade e enseguida se puxo de terceira. Nas manobras tiña algún que outro problema ó levar só ó patrón, sen tripulante, e ahí perdía un pouquiño, pero logo volvía a remontar.

Á primeira boia chegamos toda a flota moi xunta, semellaba que a regata iba a estar moi pelexada. A orde era, Albatros, Feituca, Boaventura, Rabuda, Desexada, María Jesús e Leliadoura.

Mentras todos poñían rumbo leste dereitos á segunda boia,, A Desexada cunha táctica arriscada intentaba buscar o vento alongando o rumbo sur-suroeste, ceñindo ó rolante vento. Non saeu ben e perdeu unha posición, a favor do María Jesús.

Volvemos a chegar bastante xuntos á segunda boia. O vento empezaba a decaer.

Agora en empopada dirixíanos á terceira boia.

A falta de vento mermaba ós barcos máis pesados e favorecía ás dornas, máis lixeiras.  Albatros cas súas grandes velas empezaba a distanciarse, a Feituca poñíase en segundo lugar, a Boaventura tiña problemas e perdía posicións pero enseguida volveu a remontar seguida da Rabuda que no primeiro largo da segunda volta parecía que levaba motor. Moito anda esta dorna!!!!

O resultado da 1ª manga foi: Albatros, A Feituca, Boaventura, María Jesús, A Desexada e Leliadoura. A Rabuda foi descalificada por entrar por fora da boia, unha mágoa pois nese momento entraría en cuarta posición.

A segunda manga foi un calco da primeira pero con menos vento. A Desexada, Boaventura e Albatros saíron moi ben e no primeiro largo houbo unha pugna entre os barcos, máis chegando á primeira boia, A Desexada volveu a tomar rumbo SO para intentar gañar vento e volvéuse a equivocar, pois todos os demáis barcos colleron rumbo dereitos á segunda boia e volveron a pasar por diante.

Na segunda volta desta segunda mangaa o vento caía ainda máis e  rolaba a cada minuto, facendo tolear ós patróns que intentaban buscalo. Albatros poñíase de primeiro e A Feituca colleu unha boa racha e pegou un empurrón distanciándose bastante dos demáis barcos. A Rabuda colóuse na terceira praza, Boaventura pelexaba ca Desexada pola cuarta praza e de novo, A Desexada volveu a tomar un rumbo equivocado e volveu a perder posicións. A Leliadoura, seguía o rumbo da Desexada, pero en cambio achegábase máis á Desexada.

A Boaventura no último largo consigueu pasár á Rabuda e finalmente a orde de chegada foi similar á primeira manga, ca excepción de que agora sí, a Rabuda entrou por dentro da boia.

Albatros, A Feituca, Boaventura, Rabuda, María Jesús, A Desexada e Leliadoura.

Logo da regata, na churrascada que organizamos para pechar a tempada de regatas e concentracións, os patróns dos barcos que viñeran de fora, comentáronnos que eles si sufriran a surada e lles costara chegar a Sada.

O Osorio, que non estivo presente na regata pero sí viñeron os tripulantes por terra a acompañarnos, comentáronos que cando estaban chegando a Sada, fallóulles o motor e rompéulles varias pezas do barco, co que víronse obrigados a dar volta para Ares.

Cando xa estábamos comendo o churrasco, pechóuse todo de golpe e empezou a chover coma se se acabara o mundo, e choveu e choveu, pero nós seguíamos ca festa baixo un toldo improvisado, e asando o churrasco cun paraugas.

Fixemos un sorteo de agasallos, nos que todos os barcos levaron algo, e procedéuse á entrega de premios.

O terceiro clasificado na xeral foi A Desexada.

Segundo clasificado e sorpresa desta edición da Copa Balbina foi A Feituca. O seu patrón, Pablo Morán xa nos advirteu que para o ano seguirá pelexando por conseguir levarse a Copa.

E o vencedor da VIII edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela foi a dorna nai Albatros, que levará a Copa para Perbes por segunda vez.


Debido á intensa choiva e a que non se vía nada co chaparrón, a dorna Albatros e o bote María Jesús tiveron que pernoctar en Sada.

Ó día seguinte, a Copa Balbina, facía a súa singladura por mar, como manda a tradición, rumbo a Ferrol, onde será custodiada durante todo un ano pola tripulación da Albatros.


Parabéns ós gañadores desta edición!!!! Desfrutade da Copa.


CLASIFICACIÓN XERAL
BARCO PUNTOS TRAS DESCARTES
ALBATROS 92 88
A FEITUCA 70 70
A DESEXADA 64 64
OSORIO 49 49
BOAVENTURA 46 46
LELIADOURA 46 46
ABUR 31 31
ARXIL 23 23
RICHI 20 20
MARÍA JESÚS 17 17
ARREDEMO 15 15
LOLA 12 12
RABUDA 9 9

Queremos dar as grazas a todos os barcos e tripulacións que participaron nesta edición da Copa Balbina, ós habituais de todas as edicións e ós que viñeron por primeira vez, así como a todos os que cos seus barcos participan nas distintas concentracións de embarcacións tradicionais que teñen lugar no noso país, porque grazas a eles mantéñense vivas estas fermosas embarcacións e esta marabillosa afección.

Grazas ós noso colaboradores, ó Concello de Sada polo seu apoio, ós técnicos de Cultura e deportes, ó C.N.R.S polo seu apoio loxístico un ano máis, e xa van oito. Grazas tamén a Marina Sada por cedernos desinteresadamente, cando os precisamos, os amarres necesarios. Agradecerlle a Altavela polos detalles que tivo con nós e a Forja Picado de Betanzos por facernos unhas reparacións de emerxencia de maneira desinteresada.

Seguro que nos queda alguén a quen darlle as grazas, porque afortunadamente ainda hai xente que colabora de forma desinteresada con pequenas asociacións como a nosa.

Agora, descanso para os patróns e tripulacións que xa están cabilando como mellorar os barcos para a vindeira edición.

Vémonos na IX Edición da Copa Balbina!!!!




xoves, 22 de setembro de 2016

Subida a Betanzos - I Xuntanza de embarcacións tradicionais

Sí, xa volo dixéramos, que íamos subir ata Betanzos cos barcos este sábado 17.



Para iso liamos ós amigos da sección de navegación tradicional do Clube Náutico de Ares e ós compañeiros da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais de Galicia ("os da Coruña", para o resto dos mortais).

 Sí, é certo, somos os que máis lío montamos agora mesmo no Arco Ártabro, e intentamos liar a todos os demáis, e ás veces ata o conseguimos.

Dende Sada saíron 4 embarcacións da armada patexeira: A Feituca, A Desexada, Arredemo, Boaventura e Rabuda. Hai, carallo, que son 5 !!!!!! Só era para saber se estábades atentos ó que aquí contamos. En total, 14 tripulantes patexeiros.

Dende o espigón da Coruña saía ás 9 da mañán o galeón Punta Pragueira con cinco tripulantes, tres deles patexeiros en tránsito ós que esperaban as súas embarcacións en Sada, máis dous deles quedáronse enrolados no galeón.


Dende Ares saía o Richi cas súas fermosas velas verdes, que semella o Alexander Von Humbolt, con dous tripulantes e o Osorio que desta portaba unhas velas cas que semellaba celebrar o día do orgullo.


Os Patexeiros, tarde saímos, pois a maréa era viva e baixa, co que non podíamos nin achegarnos os barcos.

O Punta Pragueira xa chegara a Sada facía media hora, e o comandante Martiño metíanos presión polo VHF.

- A ver, cona, que xa temos fame !!!!

Eran as súas finas verbas, cando en realidade pensaba : "Arranchade dunha vez, senón vou ahí e arráncovos a cabeza!!!!"

Sobre as 13:30 poñíamos proa a Punta Xurelos. A incógnita era se poderíamos pasar pois ás veces estando a media maréa fórmanse unhas ondas que rompen nos baixos facendo moi difícil o paso.


Achegándonos á Punta Xurelos, arrimámonos o máis posible á esa banda, disfrutamos como enanos surfeando as grandes ondas que viñan do medio da Ría, e enfilamos a Ponte do Pedrido.

A nosa Wikipedia patexeira, Agustín Deus, informábanos de que os pilares da ponte están construídos sobre unha base de piñeiros espichados no fondo areoso, e que o arquitecto foi Eduardo Torroja, o avó da cantante de Mecano, Ana Torroja.

A dorna Boaventura iba en cabeza da expedición informándonos da canle máis axeitada para pasar, pois as boias que delimitan a navegación fai tempo que quedaron desfasadas polos grandes aportes de aréa a fango que fai o río.

Chegaban indicacións de Jaime polo VHF:

- "Pegádevos ós barcos fondeados no Pedrido !!!!!"

Na Desexada desoímos as súas instruccións e cando nos achegábamos á ponte da autopista, quedamos cravados no fondo, tendo que desmontar a pala do temón e subindo a motor.

Un pouquiño antes dese episodio, xusto cando pasábamos por debaixo da Ponte do Pedrido pasóunos o Richi, coma unha exhalación, parecía que iban a motor, pero non, todo o seu velame así o atestiguaba.

O Punta Pragueira tamén tocou ca pala, pero tendo dúas posicións, subéuna e morreu o conto.

O terceiro barco en tocar no fondo foi a Rabuda, o seu patrón Ramón, pensa que é multitarefa coma o sistema operativo dos Apple e pese a navegar él só, púxose a sacar fotos ó mesmo tempo e tamén quedou espichado.

A Desexada ó ter que encender o motor demos a volta para ver cómo lle iba ó Arredemo, que era o barco que pechaba a expedición, e nada máis chegar a él, vemos que tamén tocaran e andaban arredor a poucos metros do Pedrido, intentando zafarse, máis tamén tiveron que quitar a pala e botar un cabo para que os remolcásemos.


Ó continuar a nosa singladura, vemos como unha vez pasado a ponta da autopista, a Rabuda xa estaba a remolque do barco dos Caneiros, O Bicho, que baixara a botarnos unha man, ou incluso un cabo, xa que eles son expertos en remontar estas canles.


A Boaventura seguía a vela, e o Punta Pragueira a motor. A Feituca iba cas velas izadas pero tivo que quitar tamén a pala, outro máis que tocou, e iba manobrando ca axuda dos remos.


Ás tres e media da tarde arribamos ó Porto vello de Betanzos.

Poucas veces se viran por eses lares tantos barcos a vela xuntos, co que se empezou a xuntar xente mirando e dándonos instruccións de como amarrar, porque todo hai que decilo, non estamos acostumbrados ás correntes do río e como te despistes, en seguida acabas contra a ponte dos camiños de ferro.

En Betanzos, despóis de tomar a foto conxunta de rigor empezamos a comer a bordo do Bicho, onde nos deleitamos con diversos manxares, lacón asado, empanadas, biscoitos, etc... regados por zume de cebada fermentado.

Ó pouco de empezar a comer, chegaba o Osorio, o último barco que faltaba.

Despóis de comer fixemos unha pequena ruta polos bares da ribeira de Betanzos e empezamos a desfilar cara ós barcos.
Foto "La Opinión Coruña"

O Punta Pragueira foi o que máis buleu, pois tiña medo a atoparse de novo con problemas por mor da maréa. O Richi tamén baixou cedo xa que ainda lle quedaba a singladura ata Ares.


A flota patexeira parteu ás sete e media da tarde, sendo despedidos por múltiples bentanceiros que se congregaron á carón do petril para ver sair á colorida flota.


Osorio decideu quedar e pasar a noite no porto de Betanzos.

Baixamos todos remolcados pola Desexada, desfrutando das estupendas paisaxes da Reserva da Biosfera das mariñas coruñesas e terras do Mandeo.

Ás oito e vinte da tarde pasamos baixo a Ponte do Pedrido, e nos quedaba agora enfrontarnos ás  grandes ondas que se formaban, na desembocadura,  agora máis fortes cá ida é con máis cadencia.

Aproando, e coidando que todos os barcos foran aliñados, despóis de media hora de capear as ondas, a Boaventura soltou o remolque e izou a vela poñendo rumbo ó pantalán de Sada.








Pouco despóis foi o Arredemo o que izando a súa latina puxo tamén proa ó pantalán.

A Desexada continuou remolcando á Feituca e á Rabuda ata os seus amarres, e unha vez deixados nas súas respectivas boias saímos a comprobar que o Arredemo continuara sen problemas a súa singladura. Xa estaba na bocana do muelle co que demos por rematado o seguemento e fomos para o amarre.

Un fermoso día, no que todos quedamos abraiados ca fermosura de remontar a desembocadura do Mandeo e Mendo, e que prometemos repetir para o ano, a poder ser, con máis barcos.


Vémonos este sábado 24 na última da tempada. A última regata desta VIII Copa Balbina.



martes, 20 de setembro de 2016

Parrocheira 2016 - operación abortada!!!

O pasado sábado día 10, A Desexada e A Feituca dende Sada, con cinco patexeiros a bordo, o galeón Punta Pragueira dende A Coruña, e a buceta Osorio dende Ares, poñían rumbo a Ferrol pola mañán para asistir a que ata fai dous anos era unha concentración de embarcacións tradicionais e emblemática nas Rías Altas, a Parrocheira.

A mañán despertóuse con ceos cubertos, néboa e choiva.

Non se sabía cento por cento se os amigos de Ferrol iban a facer algo, pero ainda así, alá iban, dispostos a navegar.


Dende o whatsapp chegaban novas desalentadoras, comentaban os compañeiros que non ían a facer nada.

Os primeiros en chegar a Ferrol foron o Punta Pragueira e Osorio, que comunicaban que alí non había nada.

A Desexada, e A Feituca,  pouco antes xa cambiaran de rumbo e voltaban a Sada.


Chegando ó amarre dixeron, "e por qué desaproveitar o día de navegación????"

Embarcaron todos na Desexada e puxeron proa á Ponte do Pedrido, animados por un deles para dar un rule polo Mandeo e subir ata Betanzos.


Á entrada do Pedrido, atopáronse cas famosas ondas que se forman a media maréa na unión do mar e os ríos, e ahí se puxeron eles a surfear, guiados por un gran coñecedor do entorno, Javi Naveira.


E alá chegaron ata Betanzos, e supoñemos que os bares terían clientela, porque a bofé que esta xente non soporta a sede.


 Dentro de unha semán terían que repetir de novo a subida, para asistir á I Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Betanzos, pero esa xa é outra historia.

Unha mágoa, que A Parrocheira teña desaparecido nestes dous últimos anos do panorama das concentracións de embarcacións tradicionais. Un referente no Norte e en toda Galiza, que se está vendo abocado á desaparición por falta de relevo xeracional.

Esperemos que volva a resurdir con forza, porque alí barcos hainos e boa xente tamén.

xoves, 1 de setembro de 2016

3ª Regata da Copa Balbina

O pasado sábado 27 de agosto regateamos de novo frente á praia de Sada, na que foi a 3ª Regata da VIII Edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela.


A tarde prometía, bo tempo, sol e un ventiño estupendo.

Oito barcos de distintas tipoloxías e aparellos xuntáronse na liña de saída desta 3ª Regata.: A Desexada, A Feituca, Abur, Albatros, Arxil, Leliadoura, Lola e Osorio.


Na saída da primeira manga, coma sempre, moi atentos saíron,  Arxil, Albatros, A Feituca e Abur con outro rumbo.

O Abur deseguida se distanciou e empezou a sacar ventaxa.


A Desexada na segunda boia rompeu a ferraxe do temón, tendo que abandoar a regata.

O resultado da primeira manga foi: Abur, Arxil, A Feituca, Albatros, Lola, Osorio e Leliadoura.
Un estupendo resultado para A Feituca que consigueu por fin impoñerse nunha manga á Albatros. Algo tería que ver ese trinquete novo made in feito na casa que se currou Pablo para a ocasión.


Na segunda manga, a saída foi moi semellante á da primeira manga.


O resultado final da segunda manga : Abur, Albatros, Arxil, A Feituca, Osorio, Lola e Leliadoura.


Agora temos pendente asistir á Parrocheira, a Ferrol, o 10 de setembro.



A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: ospatexeiros@gmail.com ou infórmate na nosa web: www.patexeiros.org