domingo, 25 de setembro de 2016

Rematou a VIII edición da Copa Balbina

Onte sábado, a pesares deses ventos de 25 e 30 nós que nos pronosticaban todos os partes meteorolóxicos para a tarde do sábado,  celebramos a última regata da VIII edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela.
 


Adiantamos a regata ás 16:30 porque nos daban moita auga a partires das 20:00 horas.

Moitos patróns estaban indecisos de sair ou non, pero como a esa hora non sopraba forte vento, o noso anemómetro daba 9 nós, os máis atrevidos dixeron "saímos!!!" e alá foron todos os demáis detrás.

De Ares achegóuse o María Jesús con tres tripulantes, que eses sí que colleron a surada na travesía e nos dixeron que nunca paparan tantos salseiros.

De Perbes, coma sempre, chova, vente, neve ou faga un calor sahariano, chegou a dorna nai Albatros, ca súa tripulación habitual.

Por parte dos Patexeiros saíron as habituais A Desexada, A Feituca, Boaventura, Leliadoura e estrenóuse a Rabuda, a nova dorna da flota patexeira.

Como foi habitual esta tempada, a regata se fixo a dúas mangas de dúas voltas a un triángulo.

Na saída da primeira manga, Boaventura, A Desexada e Albatros colleron un pouco de ventaxa sobre os demáis, o vento rolaba contínuamente e había que andar buscándoo a cada momento.


Albatros empezou a remontar e enseguida dou caza á Desexada.

A Rabuda sorprendeu a toda a flota pola súa lixereza, remontaba posicións con facilidade e enseguida se puxo de terceira. Nas manobras tiña algún que outro problema ó levar só ó patrón, sen tripulante, e ahí perdía un pouquiño, pero logo volvía a remontar.

Á primeira boia chegamos toda a flota moi xunta, semellaba que a regata iba a estar moi pelexada. A orde era, Albatros, Feituca, Boaventura, Rabuda, Desexada, María Jesús e Leliadoura.

Mentras todos poñían rumbo leste dereitos á segunda boia,, A Desexada cunha táctica arriscada intentaba buscar o vento alongando o rumbo sur-suroeste, ceñindo ó rolante vento. Non saeu ben e perdeu unha posición, a favor do María Jesús.

Volvemos a chegar bastante xuntos á segunda boia. O vento empezaba a decaer.

Agora en empopada dirixíanos á terceira boia.

A falta de vento mermaba ós barcos máis pesados e favorecía ás dornas, máis lixeiras.  Albatros cas súas grandes velas empezaba a distanciarse, a Feituca poñíase en segundo lugar, a Boaventura tiña problemas e perdía posicións pero enseguida volveu a remontar seguida da Rabuda que no primeiro largo da segunda volta parecía que levaba motor. Moito anda esta dorna!!!!

O resultado da 1ª manga foi: Albatros, A Feituca, Boaventura, María Jesús, A Desexada e Leliadoura. A Rabuda foi descalificada por entrar por fora da boia, unha mágoa pois nese momento entraría en cuarta posición.

A segunda manga foi un calco da primeira pero con menos vento. A Desexada, Boaventura e Albatros saíron moi ben e no primeiro largo houbo unha pugna entre os barcos, máis chegando á primeira boia, A Desexada volveu a tomar rumbo SO para intentar gañar vento e volvéuse a equivocar, pois todos os demáis barcos colleron rumbo dereitos á segunda boia e volveron a pasar por diante.

Na segunda volta desta segunda mangaa o vento caía ainda máis e  rolaba a cada minuto, facendo tolear ós patróns que intentaban buscalo. Albatros poñíase de primeiro e A Feituca colleu unha boa racha e pegou un empurrón distanciándose bastante dos demáis barcos. A Rabuda colóuse na terceira praza, Boaventura pelexaba ca Desexada pola cuarta praza e de novo, A Desexada volveu a tomar un rumbo equivocado e volveu a perder posicións. A Leliadoura, seguía o rumbo da Desexada, pero en cambio achegábase máis á Desexada.

A Boaventura no último largo consigueu pasár á Rabuda e finalmente a orde de chegada foi similar á primeira manga, ca excepción de que agora sí, a Rabuda entrou por dentro da boia.

Albatros, A Feituca, Boaventura, Rabuda, María Jesús, A Desexada e Leliadoura.

Logo da regata, na churrascada que organizamos para pechar a tempada de regatas e concentracións, os patróns dos barcos que viñeran de fora, comentáronnos que eles si sufriran a surada e lles costara chegar a Sada.

O Osorio, que non estivo presente na regata pero sí viñeron os tripulantes por terra a acompañarnos, comentáronos que cando estaban chegando a Sada, fallóulles o motor e rompéulles varias pezas do barco, co que víronse obrigados a dar volta para Ares.

Cando xa estábamos comendo o churrasco, pechóuse todo de golpe e empezou a chover coma se se acabara o mundo, e choveu e choveu, pero nós seguíamos ca festa baixo un toldo improvisado, e asando o churrasco cun paraugas.

Fixemos un sorteo de agasallos, nos que todos os barcos levaron algo, e procedéuse á entrega de premios.

O terceiro clasificado na xeral foi A Desexada.

Segundo clasificado e sorpresa desta edición da Copa Balbina foi A Feituca. O seu patrón, Pablo Morán xa nos advirteu que para o ano seguirá pelexando por conseguir levarse a Copa.

E o vencedor da VIII edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela foi a dorna nai Albatros, que levará a Copa para Perbes por segunda vez.


Debido á intensa choiva e a que non se vía nada co chaparrón, a dorna Albatros e o bote María Jesús tiveron que pernoctar en Sada.

Ó día seguinte, a Copa Balbina, facía a súa singladura por mar, como manda a tradición, rumbo a Ferrol, onde será custodiada durante todo un ano pola tripulación da Albatros.


Parabéns ós gañadores desta edición!!!! Desfrutade da Copa.


CLASIFICACIÓN XERAL
BARCO PUNTOS TRAS DESCARTES
ALBATROS 92 88
A FEITUCA 70 70
A DESEXADA 64 64
OSORIO 49 49
BOAVENTURA 46 46
LELIADOURA 46 46
ABUR 31 31
ARXIL 23 23
RICHI 20 20
MARÍA JESÚS 17 17
ARREDEMO 15 15
LOLA 12 12
RABUDA 9 9

Queremos dar as grazas a todos os barcos e tripulacións que participaron nesta edición da Copa Balbina, ós habituais de todas as edicións e ós que viñeron por primeira vez, así como a todos os que cos seus barcos participan nas distintas concentracións de embarcacións tradicionais que teñen lugar no noso país, porque grazas a eles mantéñense vivas estas fermosas embarcacións e esta marabillosa afección.

Grazas ós noso colaboradores, ó Concello de Sada polo seu apoio, ós técnicos de Cultura e deportes, ó C.N.R.S polo seu apoio loxístico un ano máis, e xa van oito. Grazas tamén a Marina Sada por cedernos desinteresadamente, cando os precisamos, os amarres necesarios. Agradecerlle a Altavela polos detalles que tivo con nós e a Forja Picado de Betanzos por facernos unhas reparacións de emerxencia de maneira desinteresada.

Seguro que nos queda alguén a quen darlle as grazas, porque afortunadamente ainda hai xente que colabora de forma desinteresada con pequenas asociacións como a nosa.

Agora, descanso para os patróns e tripulacións que xa están cabilando como mellorar os barcos para a vindeira edición.

Vémonos na IX Edición da Copa Balbina!!!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com