Paseo pola Ría de Arousa

Ó longo destes días, fixen un descanso no traballo dos barcos da Asociación e alá me fun ca familia para a miña terra.

E aproveitei para pasar un día dando unha voltiña pola outra banda da Ría de Arousa, aquela que me queda xusto enfrente e de paso seguir disfrutando do noso rico patrimonio marítimo en compaña da familia.

O xoves pola tarde xa empecei dando unha camiñata pola praia da Corna ata a punta de Cabío. Alí ainda queda algunha gameliña esperando na praia o aluvión de bañistas que dentro de pouco invadirán esa fermosa praia.

Como moitos sabedes, na entrada da praia de Cabío hai unha dorniña no mesmo paseo, para recordarnos a todos que aquilo foi mar de dornas, pero parece ser que ás autoridades non lles importa moito porque a dorna atópase nun estado lamentable coa cuberta rota, bancos rotos e as primeiras do plan desfondadas. A ver se alguén o remedia para este verán, porque xa que unha dorna non se merece estar enrriba dunha beirarrúa, polo menos se ten que estar, que esté o máis digna posible que lle deron de comer a moita xente.

O venres empezamos a ruta visitando Rianxo. Alí poidemos contemplar a lancha Xeiteira, que senón recordo mal construíra a Escola Obradoiro de Rianxo. Lucía así de pintadiña rodeada dun mar de arjasos.


Seguindo polo porto de Rianxo atopéime, nos Asteleiros Catoira, co galeón Illa de Cortegada dos amigos Rompetimóns, que debe estar alí para facer algún traballiño.
















Continuamos a estrada que vai de Rianxo a Catoira por Isorna e un pouco antes da ponte de Catoira, se poden ver á dereita varios restos de gameliñas no fango.

Pasando pola ponte de Catoira podemos ver o que máis chama a atención da pequena da casa, as tres réplicas de barcos vikingos que participan na famosa romaría vikinga. Recordade que unha delas estivo presente no X Encontro de Carril.

Collemos todas as estradas máis próximas á costa posibles e imos pasando polo pobo de Catoira, por Carril coa fermosa Illa de Cortegada á nosa dereita. Atravesamos Vilagarcía pola zona portuaria e dirixímonos cara a Vilaxóan todo pola costa, polos depósitos do Ferrazo, sen facerlle caso ós sinais que nos aconsellan coller outra estrada máis rápida.

O porto de Vilaxoán deixóume impresionado pola cantidade de barcos bateeiros que ten amarrados. Debeu de coincidir que nunca os vira a todos amarrados nun día de festa, pero estaba o porto petado deles.

Continuámos sempre á beira do mar cara a Vilanova, pasámos pola praia das Sinas e sen parar atravesamos Vilanova  e collemos a ponte que nos levaría á Illa de Arousa.

Nada máis chegar á Illa estivemos no porto de Cabodeiro e como xa era hora de xantar tiramos cara ó porto do Xufre que malo sería que alí non se comera ben.



No porto e arredores poidemos ver que a materia prima da maioría dos barcos amarrados e fondeados era a madeira. Así que para aqueles que pensan que a madeira está "out" e a fibra "in" recoméndolles que se pasen polo porto do Xufre para que polo menos se replantexen a súa opinión.


Tamén poidemos ver o galeón Komaira, restaurado polos veciños da Illa.

Despóis de xantar, a base de productos do mar, polbo á feira, chipiróns e uns rapantiños (non foi por estar de vixilia de venres Santo senón porque estando rodeados de mar por todas partes parecéunos máis axeitado que pedir un chuletón), empezou a chover e xa non parou en todo o día.

Acheguéime a sacarlle unhas fotos ó Rei do Mar que estaba amarrado ó muelle. ¡¡¡Que fermoso que está quedando!!!.


Demos unha volta polo centro, moi cambiado dende a última vez que pasei por aquí. O "remexido urbanístico" tamén atacou á Illa.

Da pena ver o poderío que tiveron as industrias do mar na Ría de Arousa e como pecharon moitas das fábricas conserveiras e de salazón nas últimas décadas.















Algunhas mantéñense en pé por ter hoxe novas utilidades, como museo, por exemplo, e doutras xa non queda más ca as chemineas.

Para empezar o peche da visita á Illa démoslle a volta empezando pola parte norte dónde se atopa o Faro, que polo que se vé está convertido nun bar.


Cerca do faro ainda se poden contemplar estampas tan fermosas como ésta que vedes a continuación, dignas de editar unha postal. ¡E que A Illa é moi fermosa, ainda!
.

Xusto por un camiño que hai ó lado podedes ver tamén a laxe da Escorregadoira. Unha laxe que se aprecia perfectamente dende o outro lado da Ría.


Seguimos bordeando a Illa e pasamos polo Instituto de formación en Acuicultura, que ainda que o seu arquitecto non lle dese tanta altura non se perdía nada.

E chegamos á zona dónde está o campo de fútbol e tamén a nova depuradora (EDAR, como lles chaman agora), e volvo a constatar que ós arquitectos moito lles gusta a altura. ¿terán algún complexo?

A piques de abandoar a Illa achegámonos ó parque natural do Carreirón a dar un paseo. Gustóume moito o cartel que hai á entrada.


Para que non queden dúbidas do que se pode coller ou non.

E antes de sair pola ponte tamén pasamos polo Bao, a ver se víamos algunha dorniña fondeada, pero ainda están todas gardadiñas en terra.





Un bonito e didáctico día que só nos fastidiou un pouquiño a choiva e o frío, pero como chover ten que chover que fai moita falta, non vamos a queixarnos diso.


Palmeirán

Comentarios

Publicacións populares deste blog