Rumbo á igualdade
Rumbo á igualdade: éxito do curso básico de vela tradicional para mulleres
En total participaron 16 mulleres, que durante dúas xornadas intensas de teoría e práctica tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo da navegación tradicional, coñecer as nosas embarcacións e gozar do mar compartindo experiencias.
O curso contou tamén cunha aula virtual, na que as alumnas puideron acceder a materiais de apoio sobre temas fundamentais como:
-Introdución á igualdade e o papel da muller na náutica de recreo.
-Nocións básicas sobre que é un barco e os principios da navegación a vela.
-As embarcacións tradicionais de Galicia.
-Seguridade no mar: manobras de persoa á auga, normativa vixente, equipos obrigatorios e táboas resumo de material de seguridade.
-Meteoroloxía aplicada á navegación, con recursos en tempo real e ferramentas dixitais.
-Materiais prácticos: nudos, cartas electrónicas e documentación técnica.
Tamén contamos cun simulador de comportamento da vela Latina, coa maqueta da "Balbina":
Durante as prácticas, as participantes puideron familiarizarse coas manobras básicas, coidar da seguridade a bordo e aprender a gozar do mar nas embarcacións da nosa asociación. O curso contou cunha moi boa acollida por parte dos patróns das embarcacións de Os Patexeiros, que acompañaron, apoiaron e fixeron posible esta experiencia enriquecedora.
A valoración final foi tan positiva que se acordou organizar unha nova saída cando mellore o tempo, co obxectivo de seguir afondando nos coñecementos adquiridos e manter vivo este espazo de aprendizaxe e igualdade no mar.
Con este curso puxemos rumbo a un obxectivo claro: promover a igualdade tamén na vela tradicional e abrir camiño para que cada vez máis mulleres se incorporen a esta apaixonante actividade.
Comentarios
Publicar un comentario
Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com