sábado, 23 de febreiro de 2013

Calagraña: Unha maravilla de traballo no estaleiro de Lorbé

No estaleiro de Pepe en Lorbé, levan uns meses traballando no veleiro Calagraña.

 Desmontaron e botaron nova toda a cuberta, en madeira de iroko sobre contrachapado marino. A caseta da ponte está feita en iroko e samanguila.


Nestes momentos xa están moi avanzados os traballos e xa lle deron varias máns de aceite de teka á cuberta.

Como podedes ver nestas fotos está quedando moi pero que moi ben.

E ainda lle falta por colocar os portillos, e traballar no interior.

Fixádevos que detalles tan bonitos dos soportes para os winchs, as portas de peche da caseta, os cuarteis, a caña do temón, etc..

Podedes ver máis información sobre este traballo na páxina web do Estaleiro de Lorbé.


Palmeirán

martes, 5 de febreiro de 2013

A Desexada adianta a sua viaxe a Lorbé

Pois, sí, debido ó percance que sufreu esta pasada semán, tivemos que adiantar a varada da Desexada en Lorbé.

Estaba previsto que fose sobre o mes de maio para preparala para o Encontro do Freixo, pero xa a temos alí.

O problema é que agora estamos centrados na Balbina e terémola que deixar alí tapadiña ata que teñamos tempo de traballar nela.

Este sábado en canto chegou, lle limpamos as barbas e a deixamos tapada.

Palmeirán

venres, 1 de febreiro de 2013

Unha de cal e dúas de area

Pois se fai uns días dábamos unha boa nova por ter chegado na web oficialmente ás 20.000 visitas, agora toca unha mala.

Xa era raro que os temporais non fixeran algún estrago na flota patexeira, este ano. Seguro que moitos xa o estábades esperando, porque claro, Os Patexeiros somos máis chulos que ninguén e pretendemos desafiar a Neptuno e a Eolo deixando os barcos fondeados no mar todo o inverno, e para máis arbolados.

Ilusos de nós, porque todos os anos os deuses nos gañan a partida.

Xa o decía Paco Costas naquela serie documental sobre tráfico que víamos cando éramos pequenos e que se chamaba "La Segunda Oportunidad". A serie sempre empezaba coa frase "o home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra". Bueno, pois Os Patexeiros penso que xa imos a superar o record de tropezos.

Fai dous días, unha forte surada levóunos a Desexada, que este ano xa aguantou o seu, azoutada continuamente por temporais, e ainda así aguantou e aguantou, pero esta vez foi moito e xa non pudo máis.

Jaime estívoa vixiando todos os días e achicándoa de vez en cando, e estaba ben, pero ese mesmo día coincideu que tivo que ausentarse e os deuses cebáronse co barco.

Afortunadamente, grazas á flotabilidade que lle engadimos na última reparación quedou entre augas e non foi ó fondo.

Apareceu tal e como a vedes, camuflada como un chopo,  flotando na dársena de Sada.


En canto nos avisaron púxose en marcha o dispositivo patexeiro de rescate, vamos, como sempre estábamos sen zodiac, e sen maneira de chegar ata o barco para amarralo. Un socio en Vigo, outro en Katmandú, outro indisposto, etc...

Grazas ó amigo Oscar do Clube Náutico de Sada que se ofreceu a axudarnos e estivo alí ata xa entrada a noite, coa lancha amarrando a Desexada para que non se escapara, sinalándoa para que non supuxera perigo para outros barcos e reforzando ainda máis a flotabilidade, e quitándolle a maior.


Ó día seguinte de novo, os amigos do Clube Náutico de Sada nos botaron unha man para remolcala ata a rampa, onde hoxe a subimos ó carro.

Como vedes, non sufreu danos de importancia.

Agora vai a ir para Lorbé para empezar xa a preparala para que poda estar presente no Encontro de Outes.

E a ver se por fin, a partires de agora,  deixamos xa de ser tan chulos e ivernamos os barcos en terra cando chegue o mal tempo

Palmeirán
A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com