Sail & Oar 2010

O fin de semana do 14 e 15 de agosto tivo lugar, na illa de Cumbrae (Escocia), o primeiro festival Sail & Oar. Vela e remo, para entendérmonos. Este evento está organizado pola asociación Galgael e contou coa presenza de embarcacións irlandesas, vascas e galegas; aparte, por suposto, das propias de Escocia.

A illa de Cumbrae esta situada no fiordo do Clyde onde historicamente se desenvolveu unha importante industria naval. Millport é a única vila da illa e está formada por unha ringoleira de casas ao longo da costa, nunha fermosa bahia. Hacia o alto da illa está a catedral máis pequena da Gran Bretaña e na ribeira abondan os iates clásicos, cousa normal sendo Millport un dos destinos para deportes nauticos máis populares da zona de Glasgow.



O primeiro día do festival era o sábado, pero xa o venres se via actividade. A xente chegaba cos seus barcos, as asociacións montaban os postos e había xa numerosas tendas de acampada instaladas polas campas que rodeaban o Garrison House. Xa indo no ferry me cadrou cun St Ayles Skiff, bote de remos para autoconstrucción que abondaba no festival. Ao chegar a Millport, porén, as primeiras embarcacións que vexo son as galegas que levaron os compañeiros da asociación ACD Dorna de Arousa: unha buceta, unha dorna, unha dorna de tope e unha gamela.



O venres, tras disfrutar da cea ofrecida por Galgael, era o momento perfecto para coñecer os pubs do pobo. Nun pub situado no porto había música en directo e ali se mesturaron as tripulacións e visitantes de todas as nacións asistentes.

O sábado pola mañá, mentras os máis remataban de preparar os seus postos, nós puxémonos a colgar os carteis do Proxecto Dorna e preparabamos todo para as charlas que se darian ao longo da xornada. Sobre as 11 asistimos a unha visita guiada polo posto da asociación vasca Albaola. Andoni explicounos como chegaran a recuperar unha tipoloxia de embarcación perdida, a chalupa baleeira. Un equipo arqueolóxico Canadense descubreu un galeon do século XVI e dispuxeronse a recuperalo para un museo. O barco levaba varias chalupas e contactaron coa xente de Albaola para conseguir reconstruilas. O equipo arqueolóxico canadense proporcionoulle a Albaola as medidas das embarcacions, de xeito que estes poideron construir duas réplicas usando as mesmas técnicas ca as dispoñibeis no século XVI. A presenza vasca nesa zona do Canadá semella que foi abondosa pois moitos pobos levan nomes vascos e antigos documentos indican que os nativos chegaron a aprender rudimentos de euskara, sendo asi esta lingua de obrigado coñecemento para quen quixera participar no lucrativo mercado das peles.


Foi un éxito entre os máis pequenos a piscina que levou Aixola. Trátase dunha piscina inchable e varias gamelas de pequeno tamaño cunhas aspas e veos para as mans. Ao empezo miraban con desconfianza o invento pero, tras o primeiro valente, facian cola para subir nas gameliñas e "bogar" nese pequeno mar.




Dentro das actividades programadas polo Proxecto Dorna fixeronse unha serie de presentacións. En primeiro lugar Don Oscar Mota, da Asociação das Industrias Navais portuguesa, presentou o estado no que se atopa o desenvolvemento da marca BATE. A marca BATE pretende ser unha marca para as embarccacións construidas artesanalmente, de madeira como material principal e reproducindo fasquias tradicionais do arco atlántico europeo. Tras a presentación do señor Mota, un servidor presentou a aplicación desenvolvida para inventariar o patrimonio marítimo do arco atlántico. En último lugar Don Lino Lema da consellaría do mar presentou o estado no que se atopa o plan de revitalización das carpintarias de ribeira.

Galgael, os anfitrións, tiñan unha ampla mostra das actividades que desenvolven. Aparte da construcción de embarcacións tamén fan talla en madeira, torneado, forxa, cestería e traballo con la. É moi meriotorio o traballo de Galgael pois traballan con grupos de persoas con alto risco de exclusión social, eufemismo que encerra a ex-presidiarios, drogadictos e marxinados en xeral. Toda esta xente de desviveu para traballar na organización do evento e traballando nas diversas actividades. É moi salientabel a amabilidade e o excelente trato que nos deron aos que nos deplazamos alá.



A expedición irlandesa, chegou a Great Cumbrae por mar nos seus currachs (embarcacións con armazón de madeira recuberta de lona embreada). A fasquia dos currach destacaba entre o resto das embarcacións que navegaban pola bahia de Millport. Son barcos moi curiosos, teñen o casco completamente redondo, sen quilla. Case non teñen arrufo ata chegar á proa onde se lanza de súpeto facendo un ángulo na regala.



Tamén houbo ao longo do día actuacións de grupos folk que lle puxeron a guinda á festa.




Á tarde os que tiveramos obrigas ao longo da mañá buscamos onde embarcarnos. Tiven a oportunidade de ir remar nunha galera escocesa. Esta embarcación lembra ás naves viquingas pola sua construcción en tingladiño, o seu marcado arrufo e por levar unha vela cuadrada. É unha embarcación con moito francobordo e os remos son longos, grosos e pesados. Incluso xente moi afeita a remar tivo problemas neste barco. Con todo, foi unha fermosa experiencia sair en grupo por estas augas.




O resto da tarde adiqueina a pasear pola feira, sacar fotos e coñecer un pouco mellor Millport. As 7 da tarde fomos ás presas para cear, pois levaban os vascos facendo cola dende media hora antes e corriamos o risco de quedar sen nada. Tíñannos preparado un porco enteiro asado ao espeto. Impresionante.

Tras a cea comezou xa a festa nunha das carpas. Había música en directo e un "bochinche". Nun descanso do grupo sairon a tocar os irlandeses, os comentarios que houbo quedan moi ben resumidos pola frase "se desafinan, que mal soa. Se a música é asi, que mal soa". O comentario era un pouco esaxerado porque hai que ter en conta que non eran profesionais. Tamén sairon os vascos ao escenario. Cantaron un par de cancións a segunda das cales, por ser máis animada, xa foi seguida con palmas e incluso con bailes porla poboación local. Para rematar a intervención botaronse ao chan un detras do outro e fixeron como que remaban ao son de "Boga. Boga".

Antes destas espontaneas intervencións, Uxio de ACD Dorna (que xa debía saber algo) estívo reunindo a todos os galegos e quixo enseñarnos unha canción:

Pícaro picariño, pícaro son eu.
Pícaro picariño, son de Ribadeo.
Son de Ribadeo, son de Ribadeo.
Pícaro picariño, pícaro son eu.

Aqui saltaba el e soltaba unhas estrofas.

Abreme a porta Maria, senón entro polas tellas.
Téñoche un neno empezado e faltanme as orellas.

Estribillo todos

Unha noite no muiño, unha noite non é nada.
Unha semaniña enteira, esa si que é muiñada.

Estribillo... e asi ata que se quedara sen estrofas, o que non tiña pinta de ser axiña.

O caso é que, polo que sexa, os galegos non saimos a lucirnos e tivemos que sufrir as burlas dos vascos. Penso que a razón non é outra máis que os galegos formábamos un grupo máis heteroxeneo. E non me creo que os vascos non ensaiaran e que fora todo improvisado.

Xa de noite pecha, uns rapaces prenderon lume nunha mega-bbq e foise xuntando xente arredor. Cadroume de falar un anaco cun indíxena das highlands que se adicara a construir barcos. Este señor coñecia Vigo pois pasara por ali nunha viaxe que fixera no seu barco. A travesía fora Escocia, Irlanda, Galicia (Vigo), Madeira, Canarias, Barbados. Estando en Vigo cadráralle unha forte tormenta e tivo que avisar a un iate fondeado preto del porque o estaba arrastrando o vento contra o espigón.

O domingo era o día da miña partida pero, aos que ainda ficaban ata luns, quedáballes un día espectacular. O ceo azul coma ningún e o mar, coma un plato, reflexaba os barcos do porto formando unha bela postal da illa. Pero nin gota de vento. Non sei se ao final tiveron que sair a remos ou se, como afirmaba algún, soplou a media mañá.

Se queredes máis información podedes visitar a páxina do evento, o seguimento case en tempo real que fixeron os de ACD Dorna (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10) e o artigo de Xocas para a páxina da FGCMF. Tamén hai fotos na miña galería de Picasa.

Saudos patexeiros!

Comentarios

  1. Home, Fran, xa esperaba eu que fixeras unha boa crónica para o blog, e non me defraudaches. Tan caladiño que tiñas o de que ias a ir a Scotland que me tiven que enterar por un paxariño e xa estaba eu pendente da túa crónica. Moi boas as fotos do teu álbum (crítica: moitas sepulturas pero poucas rapazas isleñas nas fotos). E o vídeo que colgaches cojonudo, o de melenas do bombo víveo.

    Unha aperta.

    Palmeirán

    ResponderEliminar
  2. Ás rapazas de Caledonia graveinas en video, pero estou pendente da cesión de dereitos de imaxe. Sonche cousas moi complicadas. :-D

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

Publicacións populares deste blog