Cuarta xornada do segundo curso de carpintaría

Antes de comezar co repaso do feito no curso quero presentar as miñas desculpas por tardar tanto en publicar esta entrada.

Na cuarta xornada do curso comezamos facendo prácticas do aprendido a semana anterior. A maior parte da clase botouse a un bote que tiña Pepe no taller para lle tomar as medidas. Uns poucos fóronse ao taboleiro a sacar unha plantilla de cuaderna a partir das formas ali debuxadas.

Pola metade da clase achegouse Eduardo, un mariñeiro veciño de Lorbé e aprendeunos a facer estrobos e gazas. Xa no anterior curso se achegaran uns vellos mariñeiros que nos contaran historias de cando ian pescar en chalanas con vela latina ata o cabo Prior e nos estiveran tamén explicando como facer os estrobos e nós varios.


Medida dos cartabóns:
Tras o aprendido na clase anterior o seguinte paso é aprender a tomar a medida dos ángulos que lle hai que dar ás cuadernas, estampa, etc.

Se observamos a planta dun barco (a vista de gaivota) observaremos que forma unha curva. Por tanto as cuadernas non poden estar cortadas a escuadro, deben estar biseladas axeitadamente para que o forro pouse nelas en toda a superficie. Éstes ángulos tómanse coa falsa escuadra, tamén chamada cartabón. Por extensión coñécese como cartabón a aqueles ángulos que se collen coa falsa escuadra nunha embarcación.


O cartabóns das cadernas pódense medir no taboleiro de formas. Hai múltiples técnicas pero todas se basean en obter o ángulo dunha caderna á seguinte. As únicas cadernas que non levan cartabóns son as mestras.
Na práctica, sobre o taboleiro de formas o ángulo non se mide tomando como referencia dous puntos dunha liña de auga como podería pensarse; en vez diso téntase atopar unha liña perpendicular á caderna na liña de auga de forma que se construe un tiángulo rectángulo no que un cateto é a distancia entre as duas cuadernas e o outro cateto é a clara (espaciado entre cuadernas).
Esta medida de ángulos hai que facelo para cada caderna e en cada liña de auga polo que é unha labor lenta e tediosa. Para facer máis rápidamente o traballo os carpinteiros preparan unha ferramenta específica para medir os ángulos. Trátase de unha escuadra que ten un lado coa mesma lonxitude ca a clara entre cadernas. É por tanto unha ferramenta propia de cada bote, non se pode reutilizar (a menos que teñamos a mesma clara). As medidas tómanse con esta ferramenta e transládanse a unha regla onde se toma nota gráficamente de cada ángulo por cada caderna.
Esta plantilla ten un lado con marcas cada 5mm. Unha destas marcas coincidirá coa seguinte caderna debuxada e tomarase o ángulo que forma coa axuda dunha falsa escuadra.

Construcción dunha caderna:
Unha vez que temos rexistrados todos os cartabóns das cuadernas podemos comezar a construilas.

Unha cuaderna está construida a partir de unha serie de pezas chamadas xenéricamente ligazóns. As ligazóns máis horizontais, as que xuntan na quilla, chámanse xenois. Os xenois van unidos entre si por medio dunha varenga.

Unha caderna raras veces pode ser construida dunha soa peza; a excepción son as situadas máis á proa, por seren case rectas. Ainda que atopáramos un tablón suficientemente ancho sería unha mala idea facer a caderna dunha soa peza porque a madeira é moi resistente lonxitudinalmente pero non transversalmente.

Para a forma das cadernas preparamos anteriormente plantillas a partir do taboleiro. Agora ao ter ademáis o ángulo podemos ver se necesitamos máis madeira (a gañar) ou se, pola contra lle imos quitar madeira á caderna. Esto significa que debemos ter tino de deixar madeira abondo ali onde o cartabón nos dicta que gañamos madeira. Esto enténderase perfectamente en canto estraguemos un par de cadernas.

Nun taller de carpintaría pódense cortar os ángulos das cadernas directamente cunha serra de cinta acoplándolle un accesorio feito adrede, os afeizoados podemos entallar testigos na caderna e rematar o traballo co cepillo.





Cálculo de fondeos:
Rematamos a clase cunha explicación teórica de como facer cálculos de fondeos. David deunos unha serie de fórmulas para saber como afectan as forzas de vento, marea e correntes a un bote de vela ou motor.

Isto é todo de momento, nuns poucos días teredes listo o artigo sobre o quito día do curso onde vimos as técnicas de frasquiado.

Saudos patexeiros!

Comentarios

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com