venres, 5 de novembro de 2010

Terceira xornada do II curso de carpintaría de ribeira

O sábado 30 chegamos ao ecuador do cursiño. Nesta xornada faltaron moitos dos alumnos, unha pena porque foi, ao meu entender, a clase máis importante do curso. Vimos os fundamentos de como se construe un barco.

Primeira parte: O cepillo

Antes de meternos en temas máis teóricos vimos unha ferramenta que tiñamos pendente e que é de vital importancia: o cepillo de carpinteiro.

Un cepillo de carpinteiro tradicional consta de:
  • Un corpo de madeira.
  • Unha folla afiada que é a que corta a madeira. Adoita a chamárselle simplemente ferro.
  • Un deflector metálico situado sobre o ferro, apretado cun tornillo pola parte inferior.
  • Unha cuña que mantén o ferro preso ao corpo do cepillo.
O ferro instálase no cepillo coa cara que se desbastou durante o afiado hacia abaixo. En caso de dúbidas podemos pensar en como se usa unha trencha: se se traballa coa parte plana hacia abaixo a trencha (ou o ferro do cepillo) tenderá a clavarse na madeira.

O afiado do ferro do cepillo é idéntico ao de unha trencha: baleirado, afiado e asentado. Como a folla é máis ancha débese ter tino para non perder a perpendicularidade mentras o baleiramos na moa do esmeril. Nos ferros do cepillo tamén se adoita a eliminar os gabiláns para evitar que o cepillo se clave. Os gabiláns son os extremos puntiagudos do extremo afiado do ferro, nos cepillos redondeanse. Tamén se debe ter tino con que se quente demasiado a folla, as dos cepillos quéntanse máis ca as das trenchas por seren máis finas.
O deflector serve para axudar a levantar a fibra da madeira e a expulsar a viruta do cepillo. A posición do deflector é importante: adoita a colocarse entre a fin do fio do ferro e a metade do mesmo, pero so a experienza nos pode dar a posición idonea para un determinado cepillo.
O corpo do cepillo adoita a ser de aciñeira porque esta madeira é moi resistente á abrasión. So é superada polo pau-ferro e o guayacán. Dada a situación de protección existente para as aciñeiras o seu uso é moi reducido; con todo, débese rexeitar calquera cepillo que non teña polo menos a sola de aciñeira (ou outra das madeira mencionadas).

A cuña é so para manter en sitio ao ferro. Normalmente as cuñas teñen un rebaixe recortado na parte máis fina para evitar obstruir a saida de viruta.

Nun cepillo tradicional sácase ferro dándolle un golpe na parte de diante e métese dandolle un golpe atrás.
Para comprobar o ferro que hai sacado débese mirar a sola do cepillo de frente e o ferro que hai sacado débese ver apenas coma un pelo.
Os modernos cepillos metálicos teñen algunhas vantaxes sobre os de madeira:
  • A sola é de aceiro, que é máis resistente á abrasión.
  • O cepillo pesa máis.
  • O ferro sácase virando un tornillo que vai encaixado unha ranura que ten a folla.
  • Pódese regular o ángulo de ataque cunha panca.

Segunda parte: Elaboración dun medio modelo e taboleiro de formas
Nun proceso de recuperación dunha embarcación tradicional pódense dar dous escenarios:
  • Que dispoñamos do barco para poder tomar medidas sobre o mesmo.
  • Que so dispoñamos de material gráfico (fotografías, debuxos, etc) nos que basearnos.
Se nos atopamos no segundo suposto teremos que deducir a forma da embarcación a partir do material que teñamos. Unha boa ferramenta que ven sendo usada dende hai séculos polos carpinteiros é a elaboración dun medio modelo.
Para elaborar o medio modelo debemos fabricar un bloque de madeira co tamaño aproximado que lle imos dar ao modelo. Alternaremos duas madeiras (preferibelmente blandas) de distinta cor que nos marcarán as liñas de auga. Estas madeiras poden ir encoladas ou encaixadas nuns soportes de madeira que as aguantan. No caso de ir encoladas pódense usar colas animais (cola de coello) que dan a vantaxe de poderen ser despegadas ou colas de carpinteiro normais.

O feito de poder despegar o medio modelo facilita enormemente a tarefa de medición para elaborar o taboleiro.

No bloque debemos escoller e marcar unha cara como referencia e non a tocar. Esta cara correspóndese co plano de cruxía do barco.

No medio modelo so se representa a parte exterior do forro, ata a liña de alefríz. Non se representan quilla, roda nin ningúnha outra parte que soresaia do forro.

O primeiro é transladar ao bloque as medidas de:
  • Eslora
  • Manga
  • Ancho do espello
  • Caida do espello
  • Arrufo
Coa axuda dun listón flexibel vanse debuxando no bloque as formas desexadas para o bote. Na meirande parte dos botes a caderna mestra e, por tanto, a parte máis ancha esta perto do medio do barco. Porén, nos botes de Ribadeo esta está deplazada hacia a proa.

Cando teñamos ben definidas as liñas desexadas para o bote hai que proceder a cortar as partes sobrantes, as que quedan fora das liñas marcadas. Feito esto pódeselle atornillar unha madeira ao bloque para poder agarrala co tornillo do banco ou cuns sarxentos, con esto traballaremos máis cómodos.

Coa axuda de cepillos, bastrén, escofina e coitelas iremoslle dando forma ao medio modelo según como queiramos que sexa o bote. Se queremos un bote moi estable asegurarémonos de que ten volume tanto en popa como en proa e se queremos un bote máis rápido tallaremos unha entrada fina e daremoslle saida á auga en popa.

Nunha embarcación para vela a forma de popa é tan importante ou máis ca a de proa pero non hai fórmulas máxicas, é necesario buscar un compromiso. Se a estampa vai sumerxida creará unhas turbulencias indesexabeis, se ten pouco volume encapillará auga cando temos mar de popa, etc.

Cando teñamos a forma definitiva marcaremos as liñas das cuadernas na parte fixa (cruxia) e transladaremolas aos costados coa axuda dunha cartulina flexibel.

Agora que temos o medio modelo preparado podemos comezar a tomar medidas e pasalas ao taboleiro. As ferramentas que usaremos son o compás e o compás de exteriores.
Preparamos un taboleiro onde debuxar as formas. A liña inferior do taboleiro debe ser completamente recta. No centro desta trazaremos unha perpendicular, será a cruxía do barco. A continuación marcaremos a escala real a quilla e as liñas de auga. Á dereita da liña de cruxia debuxaremos a proa do barco, á esquerda a popa (os ingleses fan ao revés, olliño!).

Coa axudas dos compases e a regla comezaremos tomar medidas na intersección das liñas de auga e as cuadernas do modelo e tranladaremolas, aplicando a escala escollida, ás liñas de auga correspondentes no taboleiro. Finalmente, axudándonos dun listón flexibel debuxaremos unha curva fluida que pase por todos os puntos da cuaderna. Repetiremos isto con todas as cuadernas. A cuaderna mestra é a única que se debuxa completa, é dicir, que se debuxa tanto en popa como en proa. Esto indica, claro, que no barco vai tamén duplicada.

Co taboleiro xa listo estamos preparados para facer plantillas das cuadernas. O obxetivo e calcar as curvas do taboleiro as taboas finas que farán a plantilla. A técnica usada por Pepe consiste en poñer clavos tumbados perpendiculares a curva da caderna, poñer encima as tablillas duplicadas (as cuadernas son simétricas e deste xeito xa se cortan xuntos ambos os dous lados) e darlles uns golpes de martelo para marcar a cabeza dos clavos.
No levante español usan reglas de chumbo que doblan sobre a curva que queren capturar para translada ás taboas da plantilla. Con este método córrese o risco de que se altere a forma da regla e introduzamos cambios na forma da cuaderna.

Cos puntos xa marcados servímonos, unha vez máis, dun listón flexibel para trazar unha curva fluida que pase por todos os puntos. Cortamos a plantilla pola liña trazada e coa axuda dun gramil (pode ser temporal) trazamos o grosor da cuaderna e cortamos por esa nova liña. Rematado este proceso separaremos as tablillas e teremos unha plantilla da cuaderna completa. Queda para o próximo día aprender a tomar os cartabóns das cuadernas.



Por último so queda decir que se se considera oportuno, tamén se poden debuxar a roda e o codaste aos lados das liñas de formas das cuadernas.

Terceira parte: Tomar medidas dun bote existente

Como comentábamos anteriormente, no caso de termos acceso ao bote que queremos duplicar podemos tomar as medidas directamente do mesmo. Debemos tomar todas as medidas posibeis para reproducir a embarcación o máis fielmente posibel, en particular:
  • Lonxitude da quilla
  • Forma da estampa
  • Angulo de unión entre a estampa e a quilla
  • Cartabóns do espello
  • Forma da roda
  • Cuadernas
De non ser posibel tomar as medidas de todas as cuadernas pódense tomar so da cuaderna mestra e de un par delas a popa e outras tantas a proa. Neste suposto teremos que deducir a forma das restantes cuadernas durante a montaxe do bote instalando listóns lonxitudinais que toquen nas cuadernas que si medimos. Este procedemento pode dar lugar a imprecisións.

Capturar a forma dunha cuaderna é un proceso iterativo: comézase preparando unhas tablillas finas e bastante anchas. Nunha desas táboas recortaremos a forma da quilla e, mais ou menos a ollo, marcaremos a forma que ten o bote. Recórtase pola liña, preséntase no bote e debúxase a curva do bote de forma máis precisa, axudándose da man para manter sempre a mesma distancia do bote á tablilla. Se non se pode representar toda a cuaderna cunha única taboa clavarémolas entre si. A última toma de medidas consiste prácticamente en pasar o lápis de carpinteiro pegado ao casco debuxando a forma directamente nas tablillas onde fóramos aproximando a forma.
Co proceso anterior conseguimos unha plantilla con un so lado verdadeiro e que representa, ademais, a parte exterior do forro. Se debuxáramos no taboleiro a forma obtida nesta plantilla estaríamos ancheando o barco. Para trazar a forma das cuadernas podemos clavar a plantilla ao taboleiro e axudarnos dunha peza de madeira do mesmo grosor ca o forro para separar o lápis da plantilla.
Para tomar medidas de un barco pódese dar o caso de que se vaia destruir o mesmo. Neste suposto pódese desmontar con coidado e usar as pezas do bote orixinal (en especial as cuadernas) como plantillas para trazar a forma do bote. Dende logo este é o método co que temos acceso a máis información, pero é moi pouco probabel que se nos dea.

En realidade a clase do sábado deu para máis, porque ao longo da clase xurdiron numerosas preguntas que David e Pepe nos foron solucionando, pero é completamente imposibel deixar todo reflexado no blog; xa bastante longa saiu estra entrada!

O vindeiro sábado máis e mellor.

Saudos patexeiros!

6 comentarios:

  1. Os gráficos son moi claros. Estades a facer un traballo moi bo.

    ResponderEliminar
  2. Moi bo o artigo, Fran. Pero non dés moitos detalles que logo non nos veñen ós cursiños, jejeje.

    ResponderEliminar
  3. Penso que este traballo de Fran non vos vai quitar xente nos cursos, máis ben vai atraer xente. :-)
    Por moi listo que un sexa, se queres sacar unha plantilla dunha caderna, como non cho expliquen en directo non vas ser capaz, sí podes entender o proceso, pero os "trucos" que fan que funcione o proceso so se poden aprender en directo ou probando moitas veces ata dar con eles.
    Que a xente vexa que o curso é valioso, útil, aproveitable, e que se traballa nun barco "de verdade" é o mellor xeito que de quen esté interesado poida valorar se lle compensa asistir.
    A miña experiencia é que son cartos e tempo moi ben investidos.

    ResponderEliminar
  4. Ola:

    Desfrutade deste artigo que o do sábado pasado ainda non o comecei.

    Xocas, botamoste en falta nesta "edición" do curso, contabamos con que repetiras.

    Saudos.

    ResponderEliminar
  5. Xa me gustaría pero non me foi posible comprometerme por tantos sábados. Igual me paso a saudar antes de acabe o curso, pero nin iso é seguro.
    A ver si para a 3ª edición...

    ResponderEliminar
  6. Fantástica esa pedagoxía Fran: vas ter que editar un libriño con copyright... a información está para compartir: teño varios cepillos vellos, dos meus antergos... heime de poñer a reparalos. A ver se chos levo un día e lles botas unha ollada. Graziñas pola labor que estades a facer. ¡Unha aperta patexeira! un saúdo Nacho baamonde

    ResponderEliminar

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com