martes, 24 de xullo de 2012

Regata de Redes 2012


Tal e como dixemos no artigo anterior, alá nos fomos, este pasado sábado, tres barcos da flota patexeira a Redes. Unha cita habitual para Os Patexeiros dende a nosa creación como Asociación.

Quedamos o venres pola tarde para rematar de aparellar a Desexada.

Como o que a desarbolou, o Comandante Martiño, non estaba presente, alá se puxeron Pepe, Jaime e Agustín con esa laboura. Pepe e Jaime abordo, Agustín colocando uns tensores no bauprés e eu rematando de poñerlle os folios e identificadores. E parece que acertamos e todo quedou no seu sitio.

Miguel fíxolle unha pequena caña e un cañín exprofeso para a Regata de Redes, a ver que tal lle vai.

Como tiñamos mono de navegar, ás 9:30 da tarde saímos a dar unha volta nela para probar que todo iba ben. E navega que é unha pasada.

Xa o sábado quedamos todas as tripulacións na rampa do CNRS para ultimar detalles, arbolar e zarpar rumbo a Redes sobre as 10:30.

Repartímonos os dous Migueles (Marta e Martínez) no Arredemo; Jaime, Carlos Quintas e Moncho na Desexada, e Pepe e máis eu na dorna Boaventura.

Non había apenas vento, pero a dorna saeu de primeira ca vela izada dende o mesmo fondeo intentando coller vento por algún lado, seguida do Arredemo que botou man da doble propulsión (a remo e a vela) dende o comenzo ata casi chegado ó medio da ría, polo que optamos por mudarlle o nome a Aderremo.

Por último saeu a Desexada que tivo que desmontar o motor que lle colocáramos o día anterior, porque os Patexeiros somos tan previsores que levamos o motor e olvidámonos o depósito de combustible.

Na travesía ata Redes os patróns deixaron levar a caña todo o tempo  ós novatos para que fóramos facendo prácticas de navegación.

Na dorna tivemos que facer moitos bordos buscando o vento, mentres que o Aderremo coa axuda da doble propulsión tiraba dereito para Redes. Cando nos demos conta, xa nos aventaxaban unha distancia insalvable.

E sí, si señor, o Aderremo chegou de primeiro a Redes, ahí tedes a foto que da fé de tal acontecemento, para os máis incrédulos que din que o Arredemo sempre queda de último.

E todos tivemos que aguantar todo o día ó presidente Miguel que nolo recordaba a cada instante. Ainda que para quitarlle algo de mérito ó presi, todos pensamos que posíblemente algo tivo que ver o cambio de patrón, xa que levou a caña todo o tempo Miguel Marta. As cámaras de fotos é o que teñen, son unhas chivatas.

A Desexada foi a última en chegar pero mirade logo que bonita quedou fondeada toda engalanada para a ocasión. Porque todo hai que decilo, se algún patrón patexeiro é detallista, ése é o Jaime.

Esperamos polo boteiro que nos achegou á rampa e vede o desembarco que fixemos os Patexeiros.

A verdade é que somos a envidia das tripulacións. Todos uniformadiños e sobre todo somos a envidia, pola cantidade de comida que levamos a todas partes. ¡Que non nos falte a comidiña que ven ahí un ano de fame!




E alí estivemos dándolle ó dente e á gorxa dende que chegamos a 1 da tarde ata as 5 que empezaba a regata.

Non nos movemos desa mesa, pola que pasaron empanadas, rexóns, tortillas e larpeira, e ducias de cervexas, porque non vexades o calor que facía nesa rampa. Ollo, notade que os patróns, seguindo a lexislación vixente, só tomaban cervexa sen alcol e auga, do resto dos tripulantes non se pode decir o mesmo.


 Por Redes poidemos ver a ducias de amigos. Por alí estaban o tio Mini co seu jarabullo, perdón, Bote de Pao.


Tamén estaba Juanjo co seu Alivanta, que por certo, quedou en segunda posición na regata. Noraboa compañeiro.

Non, homes, non. Non sexades mal pensados, non foi a motor. Na regata soltou o trapo.

O amigo Arturo do C.M.de Ferrol co seu Canouro, o bote máis bonito da ría e un dos máis rápidos. (Se non o digo me papa). Que vedes aquí pasando por detrás da Desexada.






A Teresa, que como sempre luce unha preciosa bandeira Patexeira.

Os amigos da Asociación da Coruña, José Carlos, Antonio, Orlando, e compañía, co seu precioso galeón Punta Pragueira que lucía unha caseta noviña do trinque saída do estaleiro de Pepe de Lorbé.






E como non, o único, o auténtico, o gañador de dúas edicións consecutivas da Copa Balbina, o mellor patrón de travesías nocturnas. Don Pepe do Osorio co seu estupendo barco....




... ay, non, carallo, que ese non é. Eso é ou unha patera ou unha lancha desas das feiras que se lle meten fichas...

Agora sí. Aquí está o Osorio. ¿Quen carallo sería o que fixo a identificación das fotos?
 
Tamén estiveron outros amigos, José Antonio do Arxil, e moitos máis ...pero síntoo non teño fotos dónde se vos vexa o barco completo.


Debía haber sobre uns corenta barcos.


A regata foi moi rifada, houbo moita competividade, manobras moi apuradas nas viraxes, algún amago de abordaxe, e incluso un pau que rachou.






Este ano os Patexeiros acabamos todos, unhs mellor ca outros, pero todos o pasamos moi ben.

A Desexada foi o barco Patexeiro mellor clasificado, seguido da dorna Boaventura. Non é de extrañar con ese porte e esa chulería coruñesa do noso patrón.

Ainda que nun largo viramos nunha boia que non tiñamos que virar e perdemos un pouco de tempo. Eso nos pasa por non memorizar o campo de regatas e sair a cegas.

E desta, na regata, ó último dos barcos patexeiros foi o Arredemo, agora xa con Miguel o presi á caña. Que iban bastante ben ata o último largo que tamén se deberon liar o palangre ou atopar con algún problema na virada. Porque como vedes nas foto iban diante nosa.

O gañador da regata, non fai falla que volo diga. Un ano máis foi para o Sauntress. Si, en galego soa Son Tres, debe ser porque sempre van abordo Martin, Luis e o canciño. Este ano lucía unha nova cor no seu casco, un bonito verde inglés. Aquí o vedes á nosa popa xusto antes de doblarnos.




Bueno, despois da regata, houbo callos, cervexa, e festa con actuación incluída.

Jaime e Moncho voltaban por mar a Sada na Desexada, mentres os demáis o facíamos por estrada e iríanse buscar os dous barcos restantes ó dia seguinte.

Ata o ano que ven, Redes, alí estaremos de novo, e a ver se é posible con máis barcos patexeiros.

Tedes todas as fotos no noso Album. Esperamos que vos gusten

Palmeirán

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com