Embarrancamento do galeón Punta Pragueira

O pasado fin de semán, do 3 de novembro, os compañeiros de Amigos das Embarcacións Tradicionais da Coruña recibiron unha chamada que a bo seguro nunca desexarían ter recibido.

O mariñeiro do C.N. de Ares lles daba a mala nova de que o galeón Punta Pragueira estaba embarrancado nunha furna preto do Clube Nautico.

Parece ser que unha desas noites de temporal se soltou do amarre en Lorbé e atravesou toda a ría para quedar varado na Cova da Pedra Feita de Ares.

Ese mesmo sábado alá se achegaron a velo, pero en seguida se fixo noite e ese día xa non poideron facer nada.

Ó día seguinte, varios membros da Asociación da Coruña acompañados por uns cantos Patexeiros acudiron a intentar reflotalo e sacalo das pedras. 

Todo o día estiveron intentando tapar os furados que tiña con madeira, trapos e espuma de poliuretano, pero a auga que entraba, a area que tiña dentro sumada ós kilos de plomo de lastre que ten o barco facían imposible sacalo de entre as pedras.

Chegaron cansos e derrotados do intento. A desesperación era total, podía ser que o forte mar de fondo que había eses días se cebara co barco e o destrozara complétamente.

O luns avisaron ó seguro para que enviasen ó rescate, sempre que quedase algo que rescatar.

O mar de fondo amainou un pouco e quedaron en que enviarían a un buzo e o rescatarían o mércores.

O xoves día 8 nos chegaron novas de que o barco xa estaba a salvo no peirao de Ares.

Venres 9, pola mañán o levaron por mar a Lorbé, abarloado ó barco do buzo e sobre as 11 da mañán xa estaba na rampa do estaleiro.

Como podedes ver polas fotos ten bastante traballo.

O costado de estribor está bastante destrozado, ten varios boquetes. Aquí o vedes ainda como estaba botando a auga do interior.



 O botalón está roto, e a unión da roda coa quilla tamén.

A sorraina e a tapa regala están totalmente arrancadas.



 A quilla está destrozada, posíblemente a teñan que facer nova completamente ou polo menos un gran tramo.

Na popa tamén hai varios desperfectos. O codaste está roto e varios golpes nas táboas do forro. Perdeu o temón.

O motor posíblemente estará danado.

Con respecto ó costado de babor, é o menos perxudicado ainda que tamén ten traballo.

A cuberta, caseta e arboladura foron as partes menos afectadas.

Foto do costado de estribor unha vez limpo o barco de area e da espuma de poliuretano.


Esperemos que cando rematen os traballos volvamos a ter ó Punta Pragueira lucindo tal e como o recordamos.

Dende a A.C.M. Os Patexeiros queremos darlle ánimos e todo o apoio moral e loxístico que poidamos ós compañeiros da Asociación da Coruña. É moi triste ver como todo o traballo e o desembolso económico que levas feito por preservar o patrimonio marítimo se vai ó traste en cuestión de minutos.

Todos Os Patexeiros quedamos moi tristes ó coñecer a nova, e seguimos estando afectados cada vez que nos achegamos a traballar na Balbina e vemos ó seu lado ó Punta Pragueira.

Desastres como éste deberíanos servir para pelexar todos xuntos diante das Administracións, locais e autonómica para conseguir que as Asociacións que traballamos na conservación do patrimonio marítimo dispoñamos de puntos de amarre ou fondeo abrigados das inclemencias do tempo.

Temos que recordar que este incidente non é o primeiro que acontece, pasóunos a nós con varios barcos, fai dous invernos, pasou nas Rías Baixas, e non queremos que se repita algo así de novo.

Nota: Ainda que fomos coñecedores do embarrancamento do Punta Pragueira dende o primeiro día non publicamos esta nova ata hoxe por respeto ó que estaban sufrindo os compañeiros da Coruña.

 

Comentarios