xoves, 18 de xullo de 2013

Rematou o XI Encontro. Viva o XII Encontro

Foron días de atoparse con moitos amigos. Foron días para navegar, para desfrutar do recendor do alquitrán, para admirar todo tipo de aparellos,  para cantar, para comer, para pasalo ben. Iso é un Encontro.


Amigos do Freixo
 
 Amigos da ría de Arousa


 


Amigos de Euskal Herria
 Amigos de Portugal




 Este XI Encontro no Freixo deixou tamén o listón moi alto a pesares de ser "época de crise".

A zona de acampada habilitada no campo de fútbol dispoñia de todo o necesario.


Tiñamos boas vistas do pobo do Freixo e da ría, contábamos con vixilante de seguridade, alí estaba tamén o aparcadoiro dos remolques, que así non andaban dispersos polo pobo. Habilitaron unha carpa con colchonetas para aqueles que se olvidaron da tenda. Tiñamos unha caseta con duchas para homes, outra para mulleres, e outra caseta con baños. E todo iso a escasos 300 metros do porto, onde estaba o centro neurálxico deste Encontro.

A colaboración dos voluntarios dende a nosa chegada foi total. Sen dúbida a homenaxe que se lles fixo o último día foi moi merecida,  porque realmente fixeron todo moi ben para que estivéramos como na nosa casa.

As zonas habilitadas para o amarre das embarcacións, todo un luxo. Os barcos de porte nun lado, as grandes dornas noutro, as bucetas fondeadas todas xuntas, as dornas de 7 e 9 cuartas tamén xuntas, e logo unha zona de pantaláns para aquelas tipoloxías varias. Todo isto grazas á colaboración dos mariñeiros da zona que se prestaron a deixarnos os amarres para eses días.

Logo, as carpas coas exposicións e artesáns tamén moi ben, con obradoiros de cestería, de sombrereiría, armado de palangres, etc...

Que decir da zona de xogos para nenos. Alí os nosos pequen@s disfrutaron moitísimo, xa fose navegando na piscina, pescando peixes de papel, andando cos zancos, debuxando, ou nos outros moitos xogos que os voluntarios tiñan pensados para os pequenos.



As exposicións e charlas neses maravilloso clube náutico que ten O Freixo tamén tiveron moitos asistentes.






















Outras actividades paralelas, como as visitas guiadas ós asteleiros, rutas a cabalo pola praia, etc... tamén contentaron ós asistentes.

A comida, por suposto, como sempre, estupenda, rodaballo á plancha, bacallao, callos, empanada, salpicón, ensaladilla, menús variados todos os días, con dous pratos, pan, bebida e postre, e por só 5 euros. Todo un esforzo da organización, dos voluntarios, e dos amigos cociñeiros para darnos de comer ben, a tantas bocas, e por tan poucos cartos. Un 10 como sempre, mestres cociñeiros.

A navegación, tampouco nos iba a fallar. Bo tempo todos os días. Ás veces pouco vento, pero que nos daba para navegar aquelas dúas horiñas pola mañán e outras tantas pola tarde, perféctamente. Algún problemiña, tivemos os barcos coas fortes correntes que traballan á saída do porto do Freixo, pero logo xa te ibas acostumbrando a elas, e xa saías máis atento.
 


As actuacións das noites, unha pasada. Todos os asistentes desfrutaron do sons da grande Sés, Terbutalina, Wayfarers, os fabulosos e festeiros Sondeseu, Os Cempés, e as charangas e bandas que nos acompañaron neses días.

E chegou o día de rematar. O domingo, despois da comida, da entrega de agasaios, e da despedida oficial, as tripulacións e barcos empezaron a abandoar o porto do Freixo, uns por mar, outros por terra e outros que facian as singladuras a medias, como algúns amigos do Lajareu, que iban ata o Son por mar e dalí a Ribeira, por terra.

Os Patexeiros, cargamos A Desexada no novo remolque da Asociación e a buceta que tivemos na exposición noutro, e marchamos do Freixo sobre as 7 e media da tarde do domingo.

Uns poucos ainda quedaban de festa no Freixo para sair o luns para os seus portos de orixe, o mestre Bedoya e o seu Ría de Ferrol, Arturo e o seu Calagraña, varias dornas grandes, etc...

Nós chegamos sobre as 9 e media a Sada e nos puxemos a descargar os barcos e volver a arbolar a Desexada, para deixala lista para a vindeira Concentración de embarcacións tradicionais Porto de Redes do día 27. Alá nos veremos.

Viva o XI Encontro, viva O Freixo e viva a xente do Freixo. Gora O Freixo.

E agora, xa esperamos con ansias as candidaturas para o XII Encontro. Proa ó XII

Tedes unha morea de fotos que fixemos durante os días do Encontro, no noso facebook.
https://www.facebook.com/ospatexeiros.acm

Palmeirán

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com