XII XORNADA DO CURSO

Este pasado sábado 22, estaba previsto que rematáramos coa 4ª Edición do Curso de carpintaría, despóis da ampliación que lle fixemos.
 
A buceta xa está casi lista, e só faltan retoques por cuberta.
 
Hai que tapar as puntas, poñerlle as cornamusas, os fileretes, facer a fogonadura, o tinteiro e a tapa do cuartel, pero bueno, xa quedou totalmente forrada.
 
  

A primeira hora da xornada mentras uns botaban os pechos do forro, os demáis se puxeron a calafatear as xuntas.

Uns cos mazos tradicionais de calafate, e outros co martelo, porque non tiñamos máis mazos.
 

Meteron estopa e tamén fia de esparto. Tamén lles deixamos cordón de esparto embreado para que probaran a usar distintos tipos de materiais para carenar.

Cepillaron a roda, a quilla, etc para matar os cantos.


Aquí podedes ver un detalle do escarpe a raio de xúpiter, onde apreciades a chave (cuña de aprete) e o tornaaugas.

Unha vez rematado o traballo dentro, levóuse a buceta para o exterior do taller para lixala e suavizar as formas. 
 
 
A esta tarefa adicáronse Javier, Moncho e Dani, cada un cunha máquina distinta.
 

Durante a pausa, que xa se fixo algo tarde, aproveitamos para brindar pola buceta, e logo continuóuse cunha tertulia, pois xa non tiñan moitas ganas de traballar. E claro, como era o último día tampouco os presionamos moito. Que nas tertulias tamén se empapan de coñecementos, sobre todo cando hai xente experimentada da que aprender.


Moncho trouxo a rama de loureiro símbolo do remate do barco que se lle colocou logo no pinchón.
 
Fixemos unha pequena sesión de fotos diante da buceta, á que se uneu algún espontáneo. 


Para ser xustos, nesta foto tamén deberían estar os alumnos da anterior edición do Curso, pois foron os encargados de empezar este proxecto da réplica daquela buceta Amalia que chegara xa fai un par de anos casi destrozada ó taller de Pepe, para botarlle a cuberta, e que hoxe podedes ver no Museo do Salgado do Grove.
Aquí a tedes nunha foto do día no que a foron buscar a Mera para levala ó Grove.


Volvemos a meter dentro o barco, pois o mestre Pepe tíñanos organizada unha tremenda merenda cea de peche de curso.

Preparamos as mesas e empezaron a chegar as viandas e a correr a bebida.
 

A familia do mestre Pepe ó completo baixou ó taller, e tamén o mestre David para festexar con nós o remate do curso.

A muller de Pepe, como outros anos, deleitounos cunha fonte de orellas, outra de "buñuelos" e outra de rosquillas artesáns, que estaban todas riquísimas. Felicitámola cun grande aplauso.  Moitas grazas de parte de todos os asistentes.  Grazas tamén a Belén, por axudarlle a amasar a sua nai, ou iso nos dixo.
 

De vez en cando, os alumnos pasaban xunto á buceta e notábaselles a cara chea de satisfacción polo seu traballo.

Un alumno patexeiro orgulloso do seu traballo.
 

O mestre tamén estaba orgulloso do traballo feito polos seus alumnos de dúas edicións.
 

E o presidente dos Patexeiros tamén quixo posar diante desa fermosura de buceta pois tamén tiven que asistir durante as dúas edicións, casi todos os sábados para poder facervos os resumes das xornadas e quitar as fotos, sen sair en ningunha. Así que desta non vos librades.
 

Tamén andaba por alí este persoeiro, que algúns identificaron como Harry Potter. Non era para menos a súa ledicia, pois acababan de rematar un bo traballo.


E antes de irnos, Pepe, que xa nos sorprendera coa merendola, volvéunos sorprender decíndonos que o vindeiro sábado teríamos unha nova xornada para intentar alistala por cuberta. Outra xornada extra por xentileza do mestre carpinteiro.

Así que xa sabedes, o vindeiro sábado, DERRADEIRA XORNADA DA 4ª EDICIÓN DO CURSO DE CARPINTARÍA DE RIBEIRA E MANTEMENTO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS.

Palmeirán

Comentarios