martes, 3 de agosto de 2010

Na I Feira Mariñeira de Sada

-“Que, e agora, ¿Cómo se che queda o corpo?”.Isto foi o que me dixo Francisco Grandal cando ante nós, Luis, o que fora carpinteiro de ribeira en Sada, botou toda a súa ferramenta diante de nós, anunciando que era un agasallo á asociación.



Luis traballara nos asteleiros que estaban na praia, alá onde hoxe hai edificios de pisos con bares e franquicias. Presentouse él, que pasaba por alí, pola feira, mentras Francisco estaba a fasquiar (en Sada “frasquiar”) una das taboas do forro, cun incontestable:
- “Así non vas ben, rapaz, así non che vai sair”…. Moi noso, moi galego, en negativo. Pero acto seguido, Luis nos deu unha clase do frasquiado a todos que quedamos abraiados. O público da feira xuntouse a miralo, e nós a atender a explicación, que boa falta nos fixo. E unha vez que tivo terminado, tamén nos dixo que esa ferramenta que tiñamos nos, que non valía. E foi cando unha hora mais tarde foi ao seu trasteiro e nos fixo ese fermoso agasallo.A súa ferramenta ten un gran valor para nós. Dalgún xeito, e a materialización do relevo, para el profesión, para nós afición, dun oficio dos nosos devanceiros.

Coma o atleta que completa unha volta e dalle o testigo ao seguinte, Luis nos deu gubias, formóns, unha garlopa, un cepillo que él mesmo fixera no Uruguay, un berbiquí que lle trouxeran de Nueva York, un par se serróns, limas, unha broca específica para os furados dos toletes, e sobre todo, moitísimo ánimo, que o imos a empregar para seguir reparando os nosos barcos e manter esta, para nós, afición.
Ademáis, dese momento máxico, un dos mais fermosos da nosa historia coma asociación, houbo outros moi interesantes na Feira, como a entrega da Copa Balbina da edición 2009 a Pepe. Non quixo o campeón acaparar o protagonismo, e mesmo afirmou que a copa a gañamos todos, porque estamos vivos, porque facemos cousas, e con isto todos case sen darnos conta, estamos a conservar parte do noso patrimonio marítimo.



Agora a copa, por fin rematada, xa ten a sua primeira plaquiña, co nome do Pepe do Osorio, de Ares. Algún dia terá o nome dalgún Patexeiro.


Tamén nese acto, entregamos os diplomas do cursiño de carpintería. Temos que pedir disculpas porque cos nervios destes dias dos preparativos esquecimos avisar a alguns dos participantes.

E mentras a Feira transcorría estivemos a recoller ditos mariñerios, que a xente nos foi deixando nun tabolerio, e noutro fixemos unha colección de nós.

O artísta de Carnota Nando Lestón, nos deixou parte da sua obra para decorar o conxunto, uns cadros maravillosos que fai co que o mar trae as praias. Nalgún dia teremos que ir por ahí pola costa da Morte a ver que nos deixou o mar despois dos primeiros temporais.


Na Feira, mentras facíamos o que lle chamamos “carpintería – espectáculo”, todo con ferramenta artesanal, e diante do público, aproveitamos para reparar parte da cuberta do “Arrecarallo”, o bote que estamos a restaurar na asociación e xa quedou botada parte da cuberta e feito o remo que faltaba, os toletes e mais os estrobos.


E no banco de traballo antiguo, estivo o todo o domingo Nacho facendo a talla do cartel da Balbina, para meterlle na proa da caseta.


E coma fin de festa, botamos alá diante, na praia, os barcos ó mar, a Boaventura e máis o Arredemo, que estiveron expostos todo o fin de semán , e saimos navegando con eles a vela, para que o público vira non só os barcos en terra, coma obxetos de museo, senon tamén cómo nevegan. O que nunca saberá este distinguido público e que un dos barcos case vai a pique ó sair da praia cunhas olas que chegaron dunha lancha, e que no outro se lles esqueceu meterlle o bitoque, e tiveron que ir achicando todo o tempo. En fin, cousas do directo.


Agora temos o reto de preparar a segunda edición para o ano que ven, e de seguir arranxando o Arrecarallo, a ver se facemos del un bote de regatas medianamente rápido. Xa nos dixo o Luis, que o chamáramos, que nos explicaba mais. Agora temos a promesa de que nos van deixar un local, a ver se e certo, e alá levaremos o noso obradoiro. E como non, chamaremos a Luis que veña e que nos conte, ademais de cómo se frasquía, cómo era a descarga do patexo, como navegaba a vela a Balbina, como era a vida mariñeira en Sada, naqueles tempos, mentres nós, mais novos, dámoslle ao cepillo e ó serrón, coa súa propia ferramenta.

Que, e agora, ¿cómo se vos queda o corpo?

2 comentarios:

  1. Pena non poder ir, estos dias coinciden moitas actividades.
    O de Luís é algo especial, tendes moita sorte, ou moita xustiza.

    ResponderEliminar
  2. Cada día que entro na vosa páxina vexo mellores historias, pero con esta veu sorpresa e a fachenda de ter uns veciños, ría de por medio, que se moven e traballan tan ben.
    Así da gusto.
    Un saudo dende Caamouco.

    ResponderEliminar

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com