Xornada intensiva

Este sábado pasado, fixemos xornada intensiva en Lorbé e Sada para arranchar os barcos e telos listos para o vindeiro sábado 17 de maio, para a festa da botadura do Dia das Letras Galegas.

Un total de 10 patexeiros, incluíndo a dous socios novos e a un amigo que tamén nos botou unha man, repartímonos nos tres barcos buceta, Desexada e Boaventura, para ir alistándoos.

A primeira hora, e mentras non chegaba toda a tripulación, funlle dando a imprimación de Xylamón fondo ó mastro da buceta.

En canto chegaron os demáis, puxemos A Desexada quilla arriba para empezar a rascala. Nesa tarefa, aplicóuse moi ben o persoal, e como vedes, casi a deixan a madeira vista. Aquí, Javi Naveira, gañóuse o título de Rebarbadora-man.

Tamén se recravou a aparadura e se calafateou de novo. Arrincamos todo o cordón vello e aplicámoslle un sandwich de sika, cordón de cáñamo embreado e sika de novo. A ver se a damos estancado de todo, que tiñamos un problema con este barco, que non éramos capaces de ataxar a vía de auga. Rafa Lage, fixo de mestre calafate.

A media mañán saeu un equipo para Sada, a virar de novo a dorna Boaventura, que deixáramos o venres quilla arriba. E en Sada se quedaron Martiño e Pepe pintando a dorna.

Os que volveron para Lorbé, Jaime, e Miguel Marta, puxéronse a afinar un pouco máis o mastro da nova buceta. Traballo de cepillo e remate de lixa, onde tamén lles axudou o amigo Javi Lage, que veu de estranjis, pero quedóuse logo con nós botando unha man. Jaime aguantaba do mastro e viráballo mentras os outros lle daban ó cepillo e á lixadora.


O que eu non entendo é porque todas as mozas que pasaban polo porto de Lorbé, andando ou en coche, lle botaban piropos a Jaime, e incluso tocaban o claxon do coche??????

Jaime, tamén se adicou a pintar o rezón da Desexada. Si, canta moito, pero tiñamos ese amarelo oxirite na chabola e había que darlle saída. Ademáis sempre podemos cantar aquelo de "Teño un rezón amarelo.. qués lo que se lleva ajoraaaaaa....."


A última hora, xa cara á noite, e vendo que quedara casi a madeira vista, puxéronse a darlle unha man de Silver Proa, como base para a aplicación da patente.




E mentras os mencionados facían o seu traballo en Lorbé, á outra banda da rúa portuaria, Agustín arranchaba a cabullería, ordeaba a chabola, e eu púxenme a darlle unha man de patente branca á buceta.

Primeiro usamos unha barateira de Titán, que en canto vimos o resultado que nos daba, démonos conta que tiráramos os cartos. E que ese famoso refrán popular de "Pouco pagas, merda levas" se cumpría unha vez máis. Esa patente non cubría casi nada e ademáis en canto secaba, ós dez minutos, cuarteábase. E non rendía nada, vaciamos un cacharro de kilo nunha banda. (Non lle saquei fotos ó resultado, pero era malísimo)


Logo deixóunos Pepe o carpinteiro unha pouca do fabricante Hempel, e iso era outra cousa, que maravilla, que rendemento, moi boa, e con medio kilo démoslle a casi todo.

Neste caso non usamos patente do noso colaborador Proa, porque non a teñen de cor branca.




Unha vez seca a patente, viramos a buceta para empezar a darlle por dentro unha man do mescladillo alquitrán/Xylazel. Embarquei, e asistido por Agustín, alí empecei a faena.



Para dar o mexunxe, e facilitar que se introducise máis doadamente na madeira, primeiro quentábao ó baño maría nesa freidora de última xeración.


Non, non é chocolate "Neslé" como podedes pensar polo aspecto e polo cacharro, non sexades lambóns. Éche ese mescladillo que vos dixen antes. E llo damos así mixturado porque o alquitrán só, ainda que protexe moi ben a madeira, quéimase moito co sol e queda cun aspecto moi feo (cativo, como decimos en Palmeira). O Xylazel, ademáis de protexer tamén a madeira, axuda a que o sol non ataque ó alquitrán e quede sempre brillante.


Este efecto pódese ver na cuberta da Desexada que despois dun ano no mar e varada en Sada, sufrindo as inclemencias do tempo, tiña a cuberta relucinte. E tamén na cuberta da Balbina, que ten o mesmo tratamento.

A pena foi non ter unha sulfatadora en Lorbé para poder darlle este mexunxe con ela, porque meterse dentro da buceta e darlle a todas as cadernas, baixo cuberta, durmintes, etc.... con brocha e rodillo, deixóume baldado, pero baldado de todo.


E confésovos que acabei un pouquiño mareado. Menos mal que a Juardia Sivil ainda non fai controis de alquitrán nas estradas, non fora a ser que dera positivo.....


De cando en cando tiña que parar e poñíame a pintar o mastro co mesmo mexunxe, para descansar un pouquiño.


Sobre as 8 da tarde volveu o equipo de Sada, que xa remataran o traballo. A Boaventura xa está lista para a botadura, a falta de pintar remos, pau e temón, e facerlle os adornos característicos, esas ondiñas de mar que ten pintadas pola cinta.

Nós quedamos ainda ata as 10 da noite, e ainda queda traballo por rematar. A ver se hai voluntarios para ir currar un pouco pola semán.

Palmeirán.


Comentarios