Fin de semán polo Grove

Como ben é certo, que non todo vai ser traballar, este pasado fin de semán estivemos polo Grove desfrutando dese precioso entorno.

E hai moito que ver, recoméndovolo. Ainda que neste pequeno resumo só vos falarei da parte mariñeira.

Aproveitando o bo tempo, demos un paseo polo porto do Grove, donde me sorprendeu  ver un estupendo Pavillón de deportes náuticos, que xa nos gustaría ter noutros portos, e de seguro que axudaría a fomentar moito máis o deporte no mar. A tarde anterior xa puden ver entre a Toxa e a península do Grove máis de dúas ducias de piragüistas entrenando.


 Algo que non podedes deixar de ver, amarrado no porto, é o Hidria Segundo, o único barco de vapor, funcionando, que existe en España. Este barco, como algúns sabedes, foi construído a mediados dos anos 60 do século XX, e equipado co motor de vapor do seu predecesor o Hidria. Traballou moitos anos como alxibe no Porto de Vigo, suministrando auga ós barcos fondeados ata que nos anos 90 cando xa a maoiría dos barcos contaban con potabilizadoras e a auga corrente nos portos era habitual, foi para o desguace e de alí o rescataron Sesé e Jacobo, que despóis de 9 anos de traballo e empeñando todo o que tiñan nas súas vidas, conseguiron restauralo e poñelo a funcionar como barco museo. Despóis de moito ir e vir por España adiante, intentando sobrevivir e sempre levando ca porta no naríz por parte das distintas Administracións, agora desgraciádamente vense na obriga de vendelo.


Como lín nalgún sitio, todos esperamos que non se repita o que pasou co Galatea e acabe fora do seu país de orixe esta única e inigualable parte do patrimonio marítimo do noso país, que é o Hidria II.

Continuando pola beiramar, atopamos os estaleiros de Garrido, onde levamos unha sorpresa ó ver o Komaira da Illa de Arousa varado para facer unhas reparacións na popa.


O Grove, debido á súa peculiar xeografía, ten a ventaxa de ter mar casi que por todos os lados, co que pasear por él da gusto e nos enche de distintas sensacións moi agradables.


Xusto enfrente ós estaleiros podemos apreciar a illa da Arousa e  a entrada ó porto do Grove, un verdadeiro campo minado de baixos, delimitado polos sinais.


Continuamos pola costa rumbo a Porto Meloxo, o porto mexiloeiro por excelencia.

Esta zona é tamén un refuxio natural para as embarcacións tradicionais, que como vedes ainda nos dá a impresión de estar noutros tempos.


Enfrente a Porto Meloxo temos a zona de Punta Moreiras, onde se atopan o Acuario do Grove e o espazo museístico das Salgadeiras de Punta Moreiras.


O Acuario do Grove é moi interesante. Ten unha variedade de especies moi completa, algúns xogos para que demostres a axilidade visual e unha pequena parte adicada ás embarcacións tradionais. Iso sí, a parte exterior está un pouco descoidada, pode ser que por ser tempada invernal, e o prezo das entradas é máis caro ca as do Aquarium Finisterrae da Coruña, sobre todo as dos nenos que custan o dobre, ainda que tamén hai que decir que o do Grove é de xestión privada e o da Coruña é municipal e xa o pagamos por outro lado. Ainda así merece a pena que vaiades.


E ó lado do Acuario atopamos as Salgadeiras de Punta Moreiras, un espazo constituído por dúas zonas diferenciadas, a antiga fábrica, moi ben restaurada onde se poden distinguir todos os procesos da salga, está permanentemente aberta e a súa entrada é gratuíta. Alí se atopan as prensas que se utilizaban para prensar o peixe xa salgado.


Dentro desa primeira fábrica tamén atopamos tres embarcacións tradicionais. Unha dorna, unha gamela e unha buceta, a Amalia. A buceta rescatada polos amigos do Clube Náutico Punta Bufadoiro de Mera, restaurada na Carpintaría Lorbé e pola cal sacamos as plantillas para construir no curso de carpintaría de ribeira, a nosa buceta Leliadoura.


Como é ún barco ó que lle temos especial cariño, ó vela, alí naquela esquina, veume á cabeza aquela famosa rima de Gustavo Adolfo Becquer que tivéramos que aprender nos nosos tempos do bacharelato.

Del salón en el ángulo oscuro
de su dueño tal vez olvidada
silenciosa y cubierta de polvo
veíase la buceta.


A carón da fábrica podemos ver o Jandro, un galeón duns 13 metros en proceso de restauración.



Pasamos logo á segunda fábrica, moito máis nova, pero construída sobre outra do século XVIII destruída por un temporal.


Nela se expoñen a maioría das pezas da colección museística deste fenomenal espazo.

Atendida por un estupendo profesional, deses ós que lle gusta pouco falar (ó revés, para os non galegos), José Luís, "o Peliso" como é coñecido polos veciños, é unha desas persoas amantes do seu traballo, que se desvive por explicarche todo e máis, do museo, da historia, das Rías,  e do pobo do Grove. Dóunos a impresión de que ese home sabía de todo, era unha verdadeira Wikipedia andante, comparable ó noso socio patexeiro Agustín Deus.


Por certo, falando con José Luís, sobre o estado da buceta Amalia, comentóume que ten o firme propósito de darlle uns remates e poñela a navegar o vindeiro verán. Esperámolo con ansiedade.

Este museo ten distintas seccións.

Entrando á dereita podemos ver unha parte adicada á pesca artesanal e ó marisqueo.


Na outra banda do pasillo princinpal, xusto entrando e á esquerda temos a sección adicada ós motores mariños e ós instrumentos electrónicos.





Ó fondo temos a sección de carpintaría de ribeira con moitas e moi boas pezas.



Tamén hai, como non, a zona da salga e a tonelería.



Na planta superior do museo temos unha parte moi interesante sobre á cordoería e ás redes, onde podemos ver estupendas pezas como esta roda de facer cabos.


Ou esta máquina xa máis moderna.


E cando volvemos a baixar para ir saíndo atopamos a zona adicada á conserva enlatada, con estupendas pezas de latas antiguas, estuches e planchas de estampación.


Tamén podemos apreciar o inxenio humano en aparellos tan curiosos como esta máquina para pechar caixas.


Unha pechadora de latas.


E esta fabulosa máquina prensadora de argazo.


E moitas cousas máis e moi interesantes como o encascador de redes, e a zona de embreado, pero teríamos que estar todo o día escribindo, e o que queremos é que este artigo vos sirva para despertarvos a curiosidade e que vaiades a velo, e que faledes con José Luis e lle preguntedes o que queirades.

 
Polo módico prezo de 2 euros e unha das visitas máis recomendables do Grove, e de Galiza.

E fora xa do museo ainda podedes deleitarvos coa vella rampa onde atracaban os barcos, sobre todo unha motora de pasaxe e carga que facía a ruta a Cambados..

Un pesqueiro de 12 metros nun estado excepcional, o Moreiras.


Subindo cara ó faro podedes ver a vella caldeira do Hidria e un autoclave dunha fábrica de conservas.


E para finalizar coa visita podedes contemplar a posta de sol na Ría de Arousa dende o paseo das estatuas, que empeza a carón do museo.


Animámosvos a que fagades esta estupenda visita.

Palmeirán







Comentarios

Publicacións populares deste blog