SEGUNDA XORNADA DO CURSO DE CARPINTARÍA

Hoxe xa levamos a buceta que empezamos a construir na anterior edición do Curso, para que os alumnos desta nova edición continúen traballando nela.

Despois do primeiro día de prácticas de afiado e asentado, explicacións sobre a madeira e de como nace unha nova embarcación, hoxe por fin, os alumnos xa puderon empezar a cheirar a madeira.

Nada máis empezar a xornada xa todos se puxeron máns á obra distribuíndose en traballos diversos.

Un grupo púxose a recravar as cuadernas, porque como o carballo estaba moi verde cando se colocaron, traballou moito a madeira e  ó non estar ainda forrado o barco, fixeron mover a cravazón despóis de casi un ano gardada no galpón e ir de exposición en exposición por estrada.

Dolores, Rogelio, Luís e Lino colleron cadanseu martelo e botador e foron recrabando todas as que o necesitaron.

Por outra banda, Oscar e Dani, Javier e Xavier pasaban as táboas que se están preparando para rematar a cuberta pola cepilladora, e Moncho e Rafa as pasaban polo regrueso para deixalas da medida axeitada.

Unha vez preparadas todas as táboas, estiveron atendendo as explicacións de Pepe, que lles iba a ensinar como tiñan que actuar no caso de que tiveran que sustituir uns barraganetes.

Para facer a práctica terán que meter os catro barraganetes da proa da buceta.

Moncho, Lino, Rogelio, Rafa e Javier foron os encargados desta operación, furar o trancanil, darlle a forma e a inclinación, para o que usaron o método manual cun serron de punta fina e o máis moderno da caladora.

O resto do grupo puxéronse a presentar, asentar e cravar as táboas da cuberta que prepararan antes.

Aquí houbo traballo para todos, xa que fixeron grupos para ir atacando por cada banda.

Como me tiven que ir antes, non teño fotos de cómo deixaron o traballo ó rematar a xornada, pero subiréinas en canto mas pasen.

ACTUALIZACIÓN:
Xa acaban de chegar as fotos da última hora no Curso de carpintaría.

Como vedes, a buceta casi queda tapadiña pola cuberta.


Agora haberá que facerlle un pequeno tambucho e darlle unha pequena curvatura para meter o gardaaugas.


Palmeirán


Comentarios