martes, 11 de febreiro de 2014

Exposición Tempos de Vela

Paseando fai uns días pola Pobra do Caramiñal, nun momento deses poucos que nos deixou a climatoloxía sair á rúa, colléume de repente unha forte chuvieira á altura da Casa de Cultura Raquel Fernández Soler, e que mellor momento para visitala, pois nunca o fixera.

Nada máis entrar quedéime gratamente sorprendido ó ver moitos cadros de veleiros. Pero qué pasa aquí?

Resulta que esa Casa de Cultura é a sede permanente da exposición Tempos de Vela, que xa estivera  fai moitos anos, no 2005, na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Santiago.


Trátase dunha exposición de cadros e fotografías dos veleiros galegos do século XIX e dos primeiros vapores,  reproduccións dos lenzos que mandaban pintar, dos seus barcos, os armadores da época.

Entre esas imaxes hai barcos moi interesantes como por exemplo a corbeta Tula, propiedade de D.José Colomer Soler (de Riveira)  e D.Lázaro Fernández Seoane (de Palmeira), construído no 1882 na Graña-Ferrol.


A corbeta Gwendoline, construída en Dean Grande (Riveira), propiedade de D.Juan Rey Bretal (de Campelos-Riveira)

O Eladio, que foi o primeiro barco de vapor de Porto do Son, propiedade de D.Mamerto Ferrer Romaní.


 Tamén hai dúas imaxes do María Asumpta, construído no 1858 na praia de Badalona, e que tamén foi galego durante moitos anos, e despois de 136 anos de servicio naufragou tráxicamente á entrada da Ria de Bristol, no 1995.






E moitos e moitos preciosos barcos máis, que inclúen unha pequena ficha cos nomes dos armadores, capitán, ano de construcción e algúns unha pequena historia.


Como a do vapor de pasaxe The Lancer, comprado por D.Enrique del Rio e D.Manuel Barreras en Glasgow, que fora o barco de recreo do Emperador Francisco José de Austria e capturado polos ingleses en Saraxevo. Este barco, facía liña de pasaxe pola Ría de Arousa con saída dende A Pobra do Caramiñal.



A choiva e o mal tempo ás veces tamén serven para descubrir cousas que doutra maneira non veríamos.

Perdoade pola calidade das fotos, foron sacadas cun teléfono, ademáis co obxectivo un pouco empañado pola humidade.
Palmeirán

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com