Dende a ACM OS PATEXEIROS, queremos felicitar a
AGALCARI (Asociación Galega de Carpintaría de ribeira) por resultar
finalista nos PREMIOS NACIONAIS DE ARTESANÍA, na categoría PROMOCIONA, para entidades privadas. Unha estupenda labor a destes mestres carpinteiros que se vé recoñecida a nivel estatal.
E como non, tamén felicitar ós
gañadores, o OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE, polo premio e por levar tantos anos levando a cultura galega polo mundo e facendo unhas gaitas excelentes.
Deixámosvos aquí o comunicado oficial, por se vos interesa:
"O OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE GAÑA O PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA
A candidatura, que se fixo co máximo galardón no certame convocado polo
Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, contou co apoio da Xunta
A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas
A Artesanía de Galicia ten unha ampla presenza cada ano nos Premios
Nacionais de Artesanía, que supoñen un recoñecemento á alta calidade do
produto artesán galego
Madrid, 25 de marzo de 2014.- O
obradoiro de gaitas Seivane fíxose esta mañá co máximo galardón dos
Premios Nacionais de Artesanía, nos que a Asociación Galega de
Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría
Promociona para entidades privadas, contando as dúas candidaturas co
apoio da Consellería de Economía e Industria.
A directora xeral
de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego
da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron á cerimonia de
entrega no Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo duns galardóns
promovidos pola Fundación Española para la Innovación da Artesanía
(Fundesarte) nos que a Artesanía de Galicia ten unha importante presenza
cada ano. Estes premios teñen como finalidade dar o recoñecemento
institucional ao máis alto nivel a aqueles profesionais e iniciativas
artesás consideradas como excelentes e exemplares no campo da artesanía
contemporánea.
O obradoiro de gaitas Seivane, premiado na
categoría de Premio Nacional de Artesanía, ten a súa orixe en 1939 cando
o seu fundador, Xosé Manuel Seivane Rivas, elaborou a súa primeira
gaita, nunha época na que moi poucas persoas reunían a dobre condición
de construtor de gaitas e gaiteiro. Os seus fillos, Álvaro e Xosé
Manuel, seguiron os seus pasos e decidiron traballar xuntos no taller
familiar, impulsando así unha empresa pioneira en Galicia que modernizou
os sistemas construtivos e que investiga todos os aspectos relacionados
coa gaita para ofrecer un produto de calidade. Na actualidade algúns
netos do fundador traballan no negocio familiar, asegurando así a
continuidade dun oficio con décadas de tradición.
Pola súa
banda, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), con
sede en Boiro, resultou finalista no Premio Promociona para entidades
privadas. O traballo da asociación caracterízase por manter viva a
tradición na construción de embarcacións de madeira ao tempo que
incorpora as últimas innovacións aparecidas no mercado. A súa aposta é
conservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira e adaptalo ao
contexto dunha economía sostible, conservando o seu valor cultural, e
promovendo a divulgación e o uso do patrimonio marítimo.
O
presidente de Agalcari é o artesán Gerardo Triñanes, de Asteleiros
Triñanes, un obradoiro que na anterior edición dos Premios Nacionais de
Artesanía resultou finalista na categoría Premio Nacional de Artesanía.
Nesa mesma edición a Consellería de Economía e Industria, a través da
Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, resultou gañadora na
categoría Promociona para Entidades Públicas, un galardón co que se
resalta o traballo da Xunta no apoio aos artesáns galegos.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA"
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com