martes, 11 de outubro de 2016

Última da tempada. Barcos a terra.

O pasado oito de outubro foi a data elexida para recoller os barcos da Asociación e dar por rematada a tempada de navegación.


Aproveitando o bo tempo decidiuse facer a última singladura do ano entre o porto de Sada e o de Lorbé.

A Desexada patroneada por Chimpo e musicalizada por Lucas, quen se encargou de poñerlle banda sonora ó día co seu acordeón, A Leiladoura con Xavier Aguado e Xavier alias "o Brutanceiro", e A Feituca con Pablo e Jaime, facíanse ó mar sobre a unha e media da tarde.

Antes uns cafeíños para quentar o corpo e recollida do tiravira da Feituca.

Cunha lixeira brisa partían os tres barcos xuntos ó son da música do integrante dos Folkolicos. O compoñente nordeste do vento poñia ás embarcacions rumbo a Perbes coma querendo rendir homenaxe ós amigos que este ano custodian a Copa Balbina.

A Feituca facía o primeiro bordo e  aproximábase de novo a Sada proa ó porto intentando gañar barlovento.

De seguido as embarcacións desfixeron o grupo e comenzaban a navegar intentando gañar o mar que viña de cara e o vento que o acompañaba.

En paralelo por ambas beiras da ría, uns mais preto das batéas de Carnoedo e outros xa  visitando a Carboeira, ian en constante comunicación a traveso dos VHF.

Algúns non entenden que estes medios son para mensaxes curtos e non para ir de cachondeo uns cos outros... Dende eiquí pedimos disculpas pola parte que nos toca... pero ninguén nos quita as risas botadas.

O vento non quería darnos unha navegación directa, e ainda que ía crecendo e agasallándonos cunhas rachas que facían as delicias dos tripulantes, a dirección nunca era a desexada. Así A feituca pasaba Ares e costeaba rumbo a Ferrol. Namentres a Leiladoura e A Desexada achegábanse a Punta Celeiro coma queréndose despedir de todo o Arco Ártabro e de todos os que este ano participaron das diferentes actividades organizadas polos Patexeiros. Un xesto nobre á par que emocionante. Non así para os seus tripulantes que loitaban cun vento en role constante que facía que por momentos as embarcacións puxeran proa a Sada como querendo voltar.

Sobre as tres da tarde pareceu coma se o deus Eolo decidira que xa era suficiente e soprou do Norte facendo que tivéramos unha rápida navegación rumbo a Lorbé.

Para A Feituca, que avistaba o porto exterior de Ferrol, este vento veulle de perlas e cunha rápida empopada poñia rumbo á Balbina.

A Desexada e a Leiladoura, ó estar ainda protexidos pola costa non recibía o mesmo trato. Decidiron prender o motor e sair da encalmada na que se atopaban.

Unha vez saida dela, a todo trapo e ás carreiras chegaron á Balbina.


Tocaba xantar e beber. O que non sabíamos  era que na Desexada tiveron problemas de abastecemento. Viñan xa pelados de comida. Chimpo non quixo facer declaracións...


Na Leiladoura, a mesma situación pero neste caso o que misteriosamente desapareceu foron as cervexas... Logo atoparíanse os corpos do delito en forma de cadáveres de lata no fondo da embarcación.

Durante o xantar, música, comida, bebida e bailes improvisados.

Cando nos iamos, por aquelo do que dirán, baldeamos a cuberta do noso barco insignia.


 E as gaivotas sobrevoando anunciaban que ían seguir ca súa labor de facerlle esa bonita pintura de camuflaxe que tan ben saben facer....


Xa a motor, os tres barcos foron directos á rampa do porto de Lorbé.

Non sen dificultadesse subimos os tres barcos. Dificultades que foron superadas evidentemente, somos Patexeiros!!!!

No porto quedaban xa para invernar a Leliadoura e A Desexada.


A Feituca voltou ó seu fogar de inverno en Mera. Este é o problema que temos todos os anos cos barcos ó non poder dispoñer de amarres axeitados no Porto de Sada.


Agora comenza a preparación das embarcacións para a vindeira tempada de navegación, e devolverlles con mimo todos os bos momentos que vivimos grazas a elas, que foron moitos e moi variados.

Algunha escapadiña faremos nas que quedan no mar (a Boaventura, e o Arredemo),  se o tempo nolo permite.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com