Vento nas velas e biodiversidade no Golfo Ártabro

 

Este sábado tivemos a sorte de participar nunha magnífica xornada de observación da fauna do Golfo Ártabro, unha actividade organizada por ADEGA e a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, aberta ao público e de carácter gratuíto mediante inscrición previa.

A actividade contou coa participación de boa parte da frota dos Patexeiros, converténdose nun auténtico éxito de convocatoria e demostrando, unha vez máis, o interese que existe por coñecer e valorar o noso patrimonio natural e marítimo.



Ao longo da mañá tivemos o privilexio de contar coas explicacións de Xandro, quen nos acompañou tanto a bordo das embarcacións tradicionais como desde o pantalán. Grazas ao seu amplo coñecemento puidemos descubrir moitos aspectos da rica biodiversidade do Golfo Ártabro, prestando especial atención ás aves mariñas e aos cetáceos que habitan ou transitan polas nosas augas.


Pero a observación non se limitou á fauna máis visible. Tamén aprendemos sobre toda esa vida máis discreta que forma parte dos ecosistemas costeiros: moluscos, mexillóns, estrelas de mar e outras especies que constitúen unha parte fundamental da biodiversidade da nosa ría e do noso litoral.


A combinación entre divulgación ambiental, navegación tradicional e contacto directo co medio mariño fixo desta actividade unha experiencia especialmente enriquecedora para todas as persoas asistentes. Ademais, unha vez rematadas as explicacións, aínda tivemos tempo para desfrutar dunha pequena singradura a vela pola nosa queridísima ría de Sada, aproveitando o vento e gozando da beleza da paisaxe desde as nosas embarcacións tradicionais.

Desde Os Patexeiros queremos agradecer a ADEGA a organización desta iniciativa, a Xandro pola súa magnífica labor divulgativa e a todas as persoas participantes polo seu interese e entusiasmo. Actividades coma esta axudan a fortalecer o vínculo entre a cultura marítima tradicional e a conservación da natureza, dúas realidades que forman parte inseparable da identidade do noso Golfo Ártabro.

Agardamos repetir moi pronto novas xornadas que nos permitan seguir coñecendo, navegando e coidando o mar que nos une.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONSERVACIÓN E MANTEMENTO DAS NOSAS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

Rumbo á igualdade