Grazas á Escola Sada e os seus Contornos por axudarnos a manter vivo o noso patrimonio marítimo
A Escola Sada e os seus Contornos rematou o curso cun
fermoso mercado mariñeiro, unha actividade vinculada ao proxecto MareSada
na que participou toda a comunidade educativa. Pulseiras, chaveiros, cadros,
imáns, marcapáxinas, camisetas e moitos outros produtos serviron como escusa
para compartir unha xornada de convivencia, aprendizaxe e compromiso co noso
mar.
O máis emocionante para nós é que a cantidade recadada, 1.044
euros, será doada á Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros para
apoiar a nosa iniciativa do Museo a Flote.
Non temos palabras, nin tipoloxía de letra suficientemente
grande, para expresar o noso agradecemento:
GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN.
Accións coma esta son as que nos alentan a seguir loitando e
traballando a prol da conservación do noso patrimonio marítimo. E máis aínda
cando quen está detrás son os nenos e nenas, porque eles e elas son, en
realidade, os verdadeiros destinatarios do noso traballo.
Se lles fallamos, se non somos quen de conservar o que aínda
queda do noso patrimonio marítimo flotante, o día de mañá só poderán coñecer
unha buceta, unha chalana, unha dorna ou unha lancha tradicional a través de
vídeos, fotografías ou libros. Poderán velas, si, pero non sentilas. Non
poderán subir a bordo, tocar a madeira, escoitar o son da auga no casco nin
comprender de verdade o que significaron estas embarcacións para a vida das
nosas xentes.
Por iso precisamos conservar todo o patrimonio marítimo
flotante que aínda resiste. Non como unha peza morta de museo, senón como algo
vivo, navegable, compartido e transmitido de xeración en xeración.
Dise moitas veces que a herdanza non é un agasallo dos nosos
pais, senón un préstamo dos nosos fillos. Neste caso, esa frase cobra unha
realidade especialmente palpable. Os nenos e nenas da Escola Sada e os seus
Contornos traballaron, participaron e recadaron 1.044 euros, que agora
nos entregan con xenerosidade. Pero non é só unha doazón: é tamén unha
responsabilidade.
É un préstamo que nos fan para que lles devolvamos máis
patrimonio, máis memoria, máis barcos, máis mar e máis futuro.
Desde Os Patexeiros queremos agradecer profundamente á
Escola Sada e os seus Contornos, ao seu profesorado, ás familias e a todo o
alumnado a súa implicación, o seu cariño e a súa confianza no noso proxecto.
Grazas por remar connosco.
Grazas por entender que conservar o patrimonio marítimo é
tamén educar, transmitir e sementar futuro.
Grazas por axudarnos a facer posible o Museo a Flote.

Comentarios
Publicar un comentario
Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com