domingo, 29 de setembro de 2013

A Copa Balbina quédase en Sada

A Desexada da A.C.M. Os Patexeiros, patroneada por Xose Carballeira, acompañado de Agustín, Luisjo e Carlos, foron os xustos gañadores desta 5ª edición da Copa Balbina.

Contra todo pronóstico, xa que se iban a enfrentar con barcos máis rápidos e contra os anteriores gañadores das outras edicións, conseguiron facerse cun terceiro posto na primeira manga e co primeiro na segunda.

A tarde non parecía demasiado boa para navegar, chuvascos contínuos e un vento frouxo do sur-suroeste con moitos refachos e moi cambiante, fixo que moitos que tiñan pensado asistir se quedasen na casa.

Sobre as 4 da tarde empezaron a chegar algunhas tripulacións á zona de convocatoria.


Os primeiros foron os da dorna Boaventura patroneada por Jaime, o gañador de 2 edicións da Copa Balbina, e tripulada tamén por Pepe Paz e Jose "o Palmeirán", que partía como unha das favoritas.


Pouco máis tarde chegarían os da Desexada que empezaron a arranchar o barco para sair.


Dende Ares viña José Antonio Corbalán en solitario a bordo do seu novo Larpeiro (dos anos 60 feito en chapa de caoba). Esta vez non trouxo o bonito Arxil  ó que deixou repousar en Ares, para ensinarnos esta nova adquisición, a que se deixou participar non por ser tradicional en sí, pero que pola súa historia e polo historial do patrón ó longo de todas as edicións anteriores da Copa Balbina non podíamos deixar fora.


Tamén dende Ares chegou en solitario un vello coñecido (vello polo tempo que fai que o coñecemos, porque él sempre está xoven e impecable como un pincel), e tamén bicampeón da Copa Balbina, Pepe, a bordo do Osorio.

E por último chegou a dorna Albatros dende Perbes, patroneada nesta ocasión por Roberto G.Bargas e      e tripulada polos orgullosos propietarios deste fermoso barco, Marta e Jose Carballo. Botamos de menos ó amigo Victor, tripulante habitual deste barco pero que nesta ocasión tocóulle currar.

Sobre as 5 e cuarto da tarde, cuns minutos de retraso sobre a hora prevista por mor de esperar ó amigo Pepe Osorio que se debía estar mirando ó espello a ver se lle quedaba ben o sueste, daba comenzo a primeira manga xusto cando se nos botaba enriba o primeiro chuvasquiño.


Esto fixo que trouxera un pouco de ventiño que foi aproveitado pola Boaventura para sair escopetada, seguida polo Osorio, Desexada, Albatros e Larpeiro.


Mentras que a Boaventura, Osorio e Larpeiro elexían facer o primeiro bordo cara á ponte do Pedrido, a Desexada e a Albatros tiraban cara á praia de Sada.


A Boaventura, foi a primeira en virar na boia, seguida a un par de minutos polo Larpeiro. A dorna Albatros tivo un problema coa virada e perdeu posicións.

Na chegada da primeira manga, a Boaventura foi primeira e a dous minutos e medio entrou o Larpeiro, seguido da Desexada, O´sorio e por último a Albatros.


O ánimo a bordo da Boaventura estaba polas nubes, e pensamos que na segunda manga todo sería coser e cantar.


Minutos despóis tras os avisos pertinentes empezou a segunda manga. Agora xa estaba todos máis atentos

Jaime, o patrón da Boaventura, intentou facer a mesma saída fulgurante que na primeira manga, pero unha caída do vento xusto no momento da saída e o desvente da Albatros, que agora sí saíron moi ben, provocou que fixéramos unha mala saída, vendo ós catro barcos por diante, pero ainda así tiñamos a moral moi alta e pensábamos darlle alcance.


A Desexada foi a primeira en facer a virada, o Larpeiro foi o segundo. Nós, a bordo da Boaventura, estábamos moi cerca do Larpeiro e  íbamos a facer a virada en terceira posición, pero un problema coa vela, que se nos enganchou nunha das remadoiras fíxonos perder moito tempo, co que vimos pasar por diante á Albatros e ó O´sorio.


Intentamos de novo a virada pero o nerviosismo de ver pasar a todos diante fíxo que de novo tivéramos problemas e tivéramos que intentar a virada nun terceiro intento, e agora sí, pero cando miramos para a proa, vimos que a distancia cos demáis barcos xa era insalvable.

A Desexada entrou en primeira posición, seguida do Larpeiro, Albatros e Osorio.


A Boaventura entrou en meta a moitos minutos e xa cando os demáis barcos se dirixían ás boias para fondear, o patrón gañador de dúas edicións non pudo revalidar o título este ano e teríase que conformar cun 3º posto.

A clasificación final da Copa Balbina 2013 quedou desta maneira:

1º - A Desexada (Xose Carballeira): 3 + 5 = 8 puntos e gañadora da 2ª manga.
2º - Larpeiro (Jose Corbalán):   4 + 4 = 8 puntos.
3º - Boaventura (Jaime Paz): 5  + 1 = 6 puntos.
4º - Albatros (Roberto G. Bargas): 1 + 3 = 4 puntos.
5º - Osorio (Pepe) : 2 + 2 = 4 puntos.

Tras unhas cerveciñas procedemos á entrega de trofeos.

José Antonio Corbalán recibeu o seu trofeo como 3º clasificado na Copa Balbina do 2012, que non pudo recoller no seu momento.


Jaime Paz, como patrón da Boaventura recibeu o trofeo ó 3ª clasificado da Copa Balbina 2013.

Jose Corbalán volveu a recoller outro trofeo como 2º clasificado desta edición.

E por último, os gañadores, A Desexada, que recolleu o trofeo o seu patrón nesta regata, Xose Carballeira. ¡¡¡Noraboa, campións!!!


A entrega da Copa Balbina farémola máis adiante en canto teñamos feita a praca que os identifica como campións desta edición.


Por certo, quedóusenos unha tarde estupenda para navegar, só dous pequenos chuvascos que duraron menos de cinco minutos nos caeron ó longo da tarde. A temperatura estaba espectacular, cuns 20º e ata a auga que non quixeron probar os gañadores, como manda a tradición, estaba a uns 19º.


Queremos dar as grazas, especialmente ó C.N.R.S., a Pablo que nos fixo de xuiz de regata e os dous rapac@s (espero poñer o nome en canto mo pasen) que estiveron coa Zodiac asistindo a proba, poñendo as balizas e trasladando ós participantes entre os fondeos e a rampa.

Grazas tamén a todos os que viñéchedes a participar. Sen vós a Copa Balbina non sería unha realidade.

E grazas a todos os que nos seguíchedes e nos animáchedes a traveso do Facebook.

O ano que vén intentaremos volver ó formato tradicional de catro ou cinco regatas máis a puntuación por asistir ás concentracións do Arco Ártabro.


Tedes moitas máis fotos no noso Facebook

¡Esperámosvos a todos en augas de Sada e ó mellor con algunha outra novidade!


Palmeirán

1 comentario:

  1. OE, OE, OE, OE, OEEEEE..., OEEEEEE..., OEEEEE...!!!

    ResponderEliminar

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com