luns, 3 de marzo de 2014

Rematou o 4ª Curso de Carpintaría

Despóis de varias xornadas de ampliación, este sábado demos por rematada esta 4ª Edición do Curso de carpintaría de ribeira e mantemento de embarcacións tradicionais.

Neste último día, varios dos alumnos xa non poideron vir, pero os que quedaron, deron rematada a buceta.

Fixéronse as catro cornamusas. Prepararon a madeira, marcárona cunha plantilla previamente feita polo mestre, cortárona, lixárona e lle fixeron os rebaixes para que encaixen nos barraganetes.

Nesta imaxe vedes a Luis cortando unha das cornamusas.


Victor e Dolores puxéronse a facer os fileretes da cuberta, asesorados por Pepe.


Tocáballe o turno á fogonadura e ó tinteiro, do que se encargaron Javier e Rafa.


Javier, caladora en man, facendo a apertura da cuberta para aloxar a fogonadura.


Nesta imaxe podemos ver a Rafa cortando os listóns coa curvatura axeitada para facer a tapa.

 
Dolores e Víctor seguían coa súa tarefa e aquí os vemos preparando o filerete da outra banda.



Este sábado celebramos tamén a incorporación final de Xabier Lage ó último día do curso, despois dun longo período de convalecencia por mor dun accidente de tráfico. Aquí xa o vemos totalmente operativo :facendo os rebaixas para que o tinteiro encaixe nas cadernas
 
 
Aquí vemos o tinteiro que quedou asentado pero sen fixar nin facer as entallas, traballos que se farán cando estea o mastro preparado.
 
 
Ós bancos metéuselles un pe de amigo. Aquí podedes ver o detalle dun pen de amigo e dos fileretes colocados.
 
 
A fogonadura, vai feita en carballo, e a tapa do cuartel, a fixemos con bastidor de madeira e cun taboleiro de contrachapado fenólico, que máis adiante forraremos de piñeiro.
 
 
A buceta quedou rematada, coas chumaceiras, cornamusas, fileretes, pes de amigo, fogonadura, cuartel e tinteiro feitos e colocados.
 
 
 
Agora o barco xa está de volta no galpón patexeiro, pero desta xa case rematado.
 
 
Falta entón, o traballo dos armadores, de tapar as puntas, darlle imprimacións varias, pintalo co Xylazel e aparellalo, a ver se somos capaces de tela lista para a festa da botadura dos barcos, que temos planexada para o vindeiro 17 de maio, dia das Letras Galegas.

Grazas ás dúas promocións de alumnos que participaron neste gran proxecto, os primeiros encargáronse da estructura e estes últimos do forro e acabados desta preciosa buceta do norte que pasa a engrosar o patrimonio marítimo galego.
 
Esperamos que teñades disfrutado co curso, e sobre todo, que aprendérades algo. Polo menos a querer un pouco máis ós barcos de madeira, que víchedes de primeira man como nacen partindo da madeira dos nosos montes, e a respetar este oficio ancestral dos mestres carpinteiros de ribeira que levan centos de anos facendo barcos case da mesma maneira que os seus antepasados.

Grazas tamén ós mestres Pepe e David, polo seu bo facer, colaboración e disposición para todo o que se lles pedía.

Agradecer tamén á FGCMF por axudarnos a difundir parte do noso traballo como asociación, no Encontro do Freixo, e polo seu apoio e presencia en todos os eventos que facemos.
 
Tamén agradecer á Deputación da Coruña que siga subvencionando os proxectos, investimentos e as actividades das asociacións culturais da provincia, incluso nestes tempos algo revoltos. Grazas a esas axudas, as asociacións culturais podemos facer fronte a moitas actividades que doutro xeiton non se poderían facer. Que non se olvide nunca á cultura e ó patrimonio.
 
Ata a vindeira edición, na que prometemos traer un novo proxecto.

Fotos e resumo da xornada, de Moncho Cerviño.
Resto do texto, Palmeirán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com