Recuperación da 2ª Proba da Copa Balbina (6 de setembro), aprazada no seu día


Despóis de suspender a 2ª proba da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela, que estaba calendada para o 26 de xullo, por coincidir ca concentración de Redes, prometemos recuperala e así o fixemos este pasado sábado 6 de setembro.

Cunha previsión meteorolóxica de chuvascos que finalmente non se cumpreu, pero que nos restou algúns participantes que se fían demasiado do parte, disfrutamos dunha estupenda tarde para navegar e sin ver nin unha gota de auga.

A tripulación da flota patexeira, composta pola Boaventura, A Desexada e A Feituca, embarcaban sobre as 16:30 para ir arranchando os barcos e aproximándose ó campo de regatas.


Xa eran as 17:00, hora de escomenzar a proba, e só estaban eses tres barcos, pero vendo unha vela alá á altura de Perbes, estimamos que podería ser a dorna Albatros, e sendo bós anfitrións, decidimos esperar.


Un pouco máis tarde vimos aparecer a Juanjo, co seu precioso bote de Ribadeo, Alivanta, que viña a todo filespín a motor, e tamén decidimos esperalos, e esperar a que arbolara o barco.


Non había novas de Pepe de Osorio, así que non se podía esperar máis.


Sobre as 17:40 demos a saída á 1ª manga na que Boaventura saeu como un foguete, seguida da Feituca e da Desexada, logo saeu o Alivanta e, sorprendentemente de últimos, Albatros, que logo alegarían que non oíron a bocina de 1 minuto (prometemos que non os saboteamos para intentar que non gañaran).


Na primeira boia virou de primeira A Desexada, Albatros, que gañou 4 posicións, A Feituca, Alivanta, e de última a Boaventura con bastantes problemas ó longo de toda a tarde.

Chegando á segunda virada seguía A Desexada de primeira seguida da Albatros. Alivanta consigueu dar caza á Feituca e bastante retrasada chegou a Boaventura.


Na terceira virada xa a Albatros arrebatara a primeira posición á Desexada que pasou a ser terceira por detrás do Alivanta, seguidos da Feituca e finalmente Boaventura a bastantes minutos.


A chegada foi un paseo triunfal para a dorna Albatros, que, como nas anteriores regatas, fíxose co primeiro posto.


O Alivanta perdeu a segunda praza en favor da Desexada, debido posíblemente á falta da botavara que a penaliza un pouco con ventos portantes.


Cuarta praza para A Feituca, que vai mellorando regata a regata, e a quinta praza para a Boaventura, que hoxe non tiña unha boa tarde.


Antes de que entrara a Boaventura, unha grata sorpresa, pois achegábase ó campo de regatas o Osorio, hoxe aparellando  unha preciosa vela latina. Hoxe Pepe viña a dar guerra!!!!!


Ás 18:30 demos a saída á 2ª manga, onde A Feituca sae a todo filispin, seguida da Albatros, que agora si estiveron atentos, e da Boaventura. Osorio sairía de cuarto, seguido do Alivanta e por último A Desexada, cousa rara. Tampouco oirían a bocina??? Imos ter que empezar a regalar Sonotones antes de empezar as regatas.


A Feituca foi liderando o primeiro largo, pero chegando á virada, ese medo ás boias que lle ten ese barco, fíxoa arrecuar e a Albatros pasóulle por diante, logo por fin se sobrepuxeron e conseguiron tomala, seguidos do Osorio, Alivanta, A Desexada e finalmente a Boaventura, que volvían a ter problemas co vento.


Nesta segunda manga, o vento aumentaba consideráblemente por rachas, e doulle algún sustiño á Albatros e a Osorio que nos ensinaron a quilla nalgunha ocasión. Pepe ademáis xogaba co handicap de tripular él só o barco.

Na segunda virada desta manga, as cousas non cambiaban en nada, Albatros, Feituca, Osorio, Alivanta, Desexada e Boaventura.

Na terceira virada Albatros seguía primeira, A Feituca tocou a boia e autopenalizóuse dando unha virada completa á boia, co que perdeu dúas posicións, pasándolle por diante Alivanta e Osorio, logo viraría A Desexada, mentras que a Boaventura seguía atrancada na boia da segunda virada.


Albatros volveu a entrar de primeira, levándolle esta manga un tempo aprox. de 25 minutos, 6 minutos más rápida cá manga anterior

A segunda praza íbase a vender cara, pois Alivanta e Osorio achegábanse moi xuntiños e a boa velocidade. Pensei que teríamos que recurrir á Photo-finish, pero nos últimos 10 metros, Osorio gañou auga e entrou en meta a 1 metro de distancia do Alivanta.


A Desexada fixo un último largo extraordinario e conseguiu a cuarta praza. A quinta foi para A Feituca e a sexta para a Boaventura, que entraron en meta casi 10 minutos despóis ca o barco que a precedía.

Mala tarde para os dous patróns da Boaventura, que non entendían ben a que se debera hoxe esta mala racha.

Parabéns para a tripulación da Albatros pois deixan a clasificación da Copa casi pendente de trámite.


Igualmente felicitar a Osorio por esa fenomenal 2ª praza, máxime vindo él só. Foi unha pena que non poidera puntuar na primeira manga, co que a clasificación xeral quedaría moi apretada.


Felicitar tamén á tripulación da Feituca polo enorme paso que deron nesta regata, onde, se non fora polo medo escénico que lle tén o barco ás boias, de seguro que estarían nas primeiras posicións.


Posíblemente é o barco que máis está evolucionando nesta edición da Copa Balbina. Non participaron na primeira regata, tampouco conseguiron puntuar na proba extraordinaria de Perbes, foron penúltimos na regata anterior e hoxe de non ser pou un pouquiño de mala sorte, poderían ter estado entre os tres primeiros.

A constancia, e as saídas polas tardes ó longo de todo o verán están dando os seus frutos. Ainda lles queda unha regata onde intentarán dalo todo.

Desta tocóume de xuiz, así que fun eu o que se tivo que quedar na zodiac ó sollaso toda a tarde, e por encima non me fixeron nin unha foto. Deus que os fixo!!!!!


Despóis desta proba, a clasificación provisional xeral queda da seguinte maneira (poñemos provisional porque nos queda pendente a confirmación da asistencia a Redes de catro dos barcos (*), serían 2 puntiños por asistir):

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL A 7 SET
BARCO PUNTOS
ALBATROS 42
A DESEXADA 30
BOAVENTURA 22
O SORIO 19
A FEITUCA 10
ALIVANTA 9 (*)
TERESA 7 (*)
CALAGRAÑA 4
ARXIL 3
PUNTA PRAGUEIRA 2
PUNTA COITELADA 0 (*)
TRASNO 0 (*)

Así que, como vedes, ainda non hai matemáticamente campión, porque se na última regata se presentan 20 barcos, habería 20 puntos en xogo en cada manga, pero a dorna Albatros, a pouco que fixera, teno difícil para non levar a Copa para Perbes este ano.

Tamén A Desexada está con ventaxa para facerse coa segunda praza, sen quitarlle o ollo á primeira. Pero coidado que Boaventura e Osorio non están moi lonxe.

Así que moito por decidir ainda na última proba.



E hai que ter en conta que a Parrocheira de Ferrol puntúa con 2 puntos a asistencia, e a estas alturas eses dous puntos poden ser importantes de cara á clasificación.

Recordade que todos os barcos están obrigados a descartar unha das probas. Por suposto, poden descartar aquela á que non asistiron ou na que menos puntuaron. Ista norma, fíxose precísamente para compensar un pouco a aqueles barcos que non lles é posible asistir a todas as probas da Copa Balbina.


Palmeirán

Comentarios