luns, 18 de maio de 2015

II Festa da botadura - Día das Letras Galegas 2015

Onte, domingo, día 17 de maio, fixemos a nosa particular celebración do Día das Letras Galegas botando os barcos ó mar e dando por empezada a tempada de navegación.


Ó longo das pasadas semáns estivemos apurando os traballos para ter os barcos listos nesta data.


O sábado xa levábamos para Sada as dúas dornas, A Feituca e a Boaventura.


 E o domingo tocóulle a quenda á Leliadoura, que se unían así a Arredemo e Desexada que xa se atopaban en Sada.


A ritmo de música do acordeón do compañeiro Lucas, estivemos rematando a preparación para botalos ó mar.

Aliñados todos na rampa, e a ritmo da pandeireta de Eva, que nos deleitou cunhas muiñeiras, empezaron a ir os barcos ó mar.




O primeiro que tocou o mar, foi o bote das Rías Altas, Arredemo, que chegou ó fondeo xusto para afundir para inchar.


Siguéulle a dorna A Feituca que como vedes nas fotos, quedou coma nova despóis dos traballos de lixado, pintado e reparación que fixo Pablo nela.



Tocóulle o turno á dorna Boaventura que volveu a cambiar a cor da patente este ano e aparecía ca roda reforzada, unha caverna e un cavernón novos, así como varias táboas do plan e as tapas da cadeira.


Pouco despóis era A Desexada, ese fermoso bote de media construcción, que Moncho, o seu patrón, estivo arranxando e pintando estes últimos días.


Por último botamos a Leliadoura, que despóis de estar varios días ó sol, estaba aberta como unha ameixa en seco, e ainda que intentábamos chegar ó fondeo a remos, nada máis embarcar nela empezou a entrar tal cantidade de auga que nos foi imposible sair da rampa, con moito pesar dos tres tripulantes que tiñamos mono de mar e tivemos que quedar en terra.


Logo foi remolcada pola dorna Boaventura ata o seu fondeo. Pasará inchando varios días.


Unha vez rematada a botadura, tivemos unha pinchada para socios e amigos a base de empanadas, tortillas, queixo de Arzúa, chourizos e larpeira.


Coma sempre contamos coa presenza dos amigos do C.M. de Perbes, e do vicepresidente da Federación, ó que sempre lle agradecemos a súa presenza.


Eva siguéunos ofrecendo mostras do seu dominio da pandeireta, e incluso lle estivo dando unhas pequenas leccións ós/ás interesados/as.


Agora, a aparellalas e a navegar!!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com

A miña foto
Asociacion cultural en defensa da conservación do patrimonio marítimo, o litoral e a cultura mariñeira. Contacta con nós no CORREO: patexeiros@hotmail.com ou ben no noso FORO: http://patexeiros.foroactivo.com