Ecoregata 2026 dos Patexeiros: Tradición, mar e navegación sostible


O pasado día 20, a Asociación Os Patexeiros levou a cabo unha nova edición da súa Ecoregata, en colaboración con SADAMAR e no marco do proxecto financiado polo GALP Golfo Ártabro Sur “Recuperación da lancha de relinga do Norte”.

A Ecoregata pretende ser algo máis ca unha actividade náutica. É tamén unha maneira de demostrar que as nosas embarcacións tradicionais representan unha forma de navegación especialmente respectuosa co medio mariño. Construídas fundamentalmente en madeira e empregando materiais renovables, estas embarcacións teñen ademais un consumo moi reducido de combustibles fósiles. O pequeno motor que algunhas delas levan a bordo emprégase unicamente por seguridade e para realizar determinadas manobras no porto, xa que a navegación se realiza principalmente a vela.

Deste xeito, tradición e sustentabilidade danse a man. Recuperar as embarcacións tradicionais non significa unicamente conservar unha parte do noso patrimonio marítimo, senón tamén poñer en valor unha forma de navegar baseada no vento, no coñecemento do mar e nun reducido impacto ambiental.

A xornada comezou cunha pequena reunión na que se explicaron as instrucións e a organización das diferentes actividades. A continuación, os participantes desprazáronse ata o pantalán cedido por SADAMAR para a celebración do evento.

Alí realizouse unha exposición das embarcacións tradicionais participantes e unha visita guiada aberta aos asistentes. Cada patrón explicou as características da súa embarcación, a súa orixe, a súa procedencia e os usos que tivera no pasado, así como a función que desempeña actualmente dentro da conservación do patrimonio marítimo.

Esta primeira parte da xornada permitiu achegar ao público embarcacións que durante décadas formaron parte da vida diaria das comunidades costeiras galegas e que hoxe constitúen unha importante mostra do noso patrimonio cultural e marítimo.



Posteriormente comezou a parte propiamente ambiental da Ecoregata. Algunas tripulacións saíron ao mar coas embarcacións tradicionais para realizar unha recollida de residuos sólidos flotantes, mentres outros participantes traballaban desde terra nas beiras, escolleras e zonas próximas ao porto.

Os diferentes equipos conseguiron retirar unha cantidade considerable de residuos. Entre eles destacaban especialmente os plásticos, tanto no mar como nas zonas costeiras, confirmando unha vez máis que este tipo de materiais constitúe unha das principais ameazas para os ecosistemas mariños.


Unha vez rematada a recollida, realizouse unha posta en común dos resultados. Xandro, biólogo da Asociación Os Patexeiros, explicou aos participantes cales son os residuos que aparecen con maior frecuencia no medio mariño, o impacto que poden producir nos ecosistemas e na fauna e algunhas das medidas que se poden adoptar para evitar que estes materiais rematen no mar.


Para pechar a xornada, Xosé Manuel, xerente de SADAMAR, dirixiuse aos participantes para agradecer a colaboración coa Asociación Os Patexeiros e destacar a importancia de conservar o medio mariño. Na súa intervención salientou que o desenvolvemento da náutica de lecer debe ser plenamente compatible coa protección ambiental e coa conservación dos espazos costeiros.


A Ecoregata rematou coa vontade compartida de repetir a experiencia en futuras edicións, coa esperanza de que cada ano sexan necesarios menos sacos para recoller residuos e que pouco a pouco diminúa a presenza de plásticos no noso mar.


Desde Os Patexeiros queremos agradecer a colaboración de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta actividade, especialmente a Desenvolvemento Pesqueiro, ao GALP Golfo Ártabro Sur, a Portos de Galicia,  ao Concello de Sada e a SADAMAR, pola súa implicación e polo apoio prestado para poder desenvolver esta iniciativa.

Seguiremos traballando para demostrar que conservar as nosas embarcacións tradicionais é tamén conservar unha maneira sostible de relacionarnos co mar.

Patrimonio marítimo, navegación tradicional e respecto polo medio poden e deben navegar xuntos.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONSERVACIÓN E MANTEMENTO DAS NOSAS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

Rumbo á igualdade

Curso de Enxarcias Tradicionais